“Di que hai unha convocatoria de folga dos médicos de Atención Primaria. É outra mentira; acaba de inventar que hai unha convocatoria de folga na Atención Primaria; de momento, non hai ningunha”. Este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo negaba no Parlamento a convocatoria de folga na Atención Primaria, a pesar de os sindicatos e a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) xa anunciaran que esta tería lugar entre o 9 e o 11 de abril.
Representantes de CIG, CC.OO., UGT, CSIF, O'MEGA e CESM presentaron no rexistro da Xunta a convocatoria de folga xeral na Atención Primaria para os días 9,10 e 11 de abril
Só un día despois, representantes de CIG, CC.OO., UGT, CSIF, O'MEGA e CESM presentaron no rexistro da Xunta a convocatoria de folga xeral no sector para os días 9,10 e 11 de abril. Os e as profesionais da Atención Primaria pararán durante tres días para protestar contra a “deterioración” sanitaria e polo rexeitamento masivo dos colectivos profesionais ao novo modelo proposto para ese ámbito asistencial polo Sergas.
A Coordinadora Galega de Atención Primaria mantén como "irrenunciables” cinco grandes demandas: o aumento significativo do orzamento, ata o 25% do total, para a Atención Primaria; incremento de persoal e convocatoria inmediata de todas as prazas necesarias; contratos estables e dignos para os profesionais precarios para unha prestación asistencial de calidade, negociación do conflito dos PAC; e eliminación das EOXI e creación da Xerencia de Atención Primaria con orzamento específico.
A coordinadora solicita que se abra unha Mesa de Diálogo pola Atención Primaria na que estean presentes as sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos para elaborar un novo acordo sobre a Mellora da Atención Primaria.
A Coordinadora Galega de Atención Primaria mantén como "irrenunciables” cinco grandes demandas
Non é a primeira vez que Núñez Feijóo tenta negar ou minimizar o conflito aberto na sanidade pública galega. Aínda este mesmo xoves o presidente da Xunta presumía de “acordos” na Atención Primaria” e de “buscar solucións”, asegurando que o pasado 20 de marzo “todos os colexios médicos e sociedades científicas chegaron a un acordo para embridar os problemas na Atención Primaria”. Referíase a un documento de intencións que tanto o Consello Galego de Colexios Médicos (CGCM) como colectivos como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) reducen s unha “acta” cunha serie de medidas que a Consellería de Sanidade “se comprometeu a aplicar”.