As promesas da Xunta aos colexios médicos non deteñen o conflito sanitario e Primaria mantén a folga

Mobilización de profesionais sanitarios do centro de saúde de Bertamiráns © En Marea

“As protestas, a presión dos compañeiros de Atención Primaria, de profesionais sanitarios, a dimisión dos xefes de servizo da área de Vigo, a mobilización da cidadanía... Estamos convencidos de que todo ten influído para que o Sergas se comprometa agora a cousas que levamos pedindo desde hai anos”, asegura José Luis Jiménez, presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos. 

O Consello Galego de Colexios Médicos cualifica de "proveitosa" a reunión pero rexeita que fose acordo ningún e advirte da "desconfianza" que do Sergas teñen os profesionais sanitarios

Foi un dos presentes na reunión, xa prevista, que este pasado mércores mantiveron representantes das sociedades científicas (SEMG, Semergen e Agamfec), dos colexios médicos e da Consellería para intentar avanzar nun conflito estancado entre plantóns destas mesmas entidades e o rexeitamento masivo que o borrador do novo modelo de Atención Primaria impulsado polo Sergas causou entre a inmensa maioría de profesionais e colectivos. Desta vez “tampouco houbo acordo”, pero si se “levantou acta” dunha serie de medidas que Sanidade “se comprometeu a aplicar”. “Non son todas as que solicitamos, pero si algunhas”, revela Jiménez sobre unha xuntanza que considera “proveitosa” pero da que non se fía ata que o acordado “se execute e se vexa na realidade”. 

“Entre os profesionais hai desconfianza co Sergas e entre nós, tamén, porque hai moitas cousas que xa foron escritas antes e quedaron en nada”, explica. De feito, e malia estas últimas promesas do Sergas, a folga convocada pola Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) para os días 9, 10 e 11 de abril segue a acumular apoios en diferentes asembleas, tanto de sindicatos como de diferentes colectivos. E continúa adiante a pesar dun documento no que non se recoñecen a maioría, aínda que recoñezan “pequenos avances”, e que cren outra “táctica do Goberno galego para dividir e desmobilizar”. 

Feijóo e Vázquez Almuiña, na inauguración do novo centro de saúde de Ares © Xunta

Malia que profesionais precarios, persoal dos PAC, centos de médicos de familia, o colectivo de enfermaría, traballadoras sociais ou psicólogos mantiñan – e manteñen – o seu rexeitamento ao plan do Sergas e ás súas maneiras na negociación, o conselleiro Vázquez Almuíña xa prevía algo a semana pasada. Na súa comparecencia no Parlamento, e ante a sorpresa da oposición, aseguraba que o modelo de Primaria estaba “a ser aceptado por gran parte” de entidades e traballadores e avisaba de que os resultados poderían “verse nos próximos días nos medios”

Dito e feito. Ese acordo, que os propios protagonistas reducen a “acta” e promesas aínda por ver, pairou sobre a actualidade e foi base da intervención de Feijóo tras o Consello da Xunta. Alí advertiu de que consideraba “contraditorio” que se mantivesen as protestas cando “hai acordos” e Galicia “vai á vangarda” da modernización sanitaria xunto a Euskadi. Ao tempo, dixo non saber nada da convocatoria de folga – a Coordinadora ten tempo a oficializala até o día 29 –, e non ter constancia de "conflito" ningún na Primaria, acusou o Goberno central de atrancar máis melloras e afirmou que “todos aqueles que queren mellorar a sanidade pública están dentro dese acordo”. Nesa reunión participaron sociedades médicas de Atención Primaria e o Consello Galego de Colexios Médicos. "Cadaquén ten que cumprir a súa parte", advertiulles o presidente da Xunta. 

Feijóo presume de "acordo" e di que “todos aqueles que queren mellorar a sanidade pública están dentro del" malia que só as sociedades científicas e os colexios médicos se reuniron co Sergas

Segundo explican, unha desas medidas comprometidas polo Sergas alí foi a que pretende aliviar a sobrecarga nos centros de saúde coa creación de 60 novas prazas de médicos “a maiores de todas as que se teñen que repoñer por xubilación e do contrato de continuidade para quen estea facendo substitucións”. Preténdese, así, segundo conta José Luis Jiménez, mellorar a situación dos ambulatorios “con máis tarxetas sanitarias, maior complexidade e presión asistencial”. 

Intentaron tamén fixar un número máximo de pacientes por xornada pero o Sergas non aceptou ese máximo de 30 doentes ao día, pero si que esa cifra fose considerada a “idónea”. “Cremos que a partir dese número as condicións para atendelos con calidade son reducidas”, explica Jiménez, que lamenta que non fose posible fixar ese límite, tampouco no que ten que ver co número de persoas asignadas por cada facultativo. 

Si aceptou o Sergas melloras no criticado contrato de continuidade, aínda que “terán que ser explicitadas na mesa sectorial”. Acéptase así que estes profesionais en situación precaria “teñan polo menos libranza logo dunha xornada de garda de 24 horas ou de noite”. “Que teñan como mínimo a mañá seguinte libre para descansar é algo elemental desde o punto de vida da seguridade do paciente e do médico”, explica o presidente do Consello Galego sobre unha proposta que podería incluír tamén unha limitación da zona xeográfica onde este persoal podería ser enviado. 

Ademais, e segundo Jiménez, o Sergas tamén aceptou que a cobertura de prazas e as melloras acordadas “tivesen memoria económica”, polo que en tres semanas a Consellería debería debullar “o montante orzamentario” que implicarían as medidas. Tamén dar máis poder aos xefes de servizo. 

Sergas, colexios médicos e sociedades científicas pactaron 60 médicos máis para Primaria, descansos tras as gardas dos substitutos ou a creación dun comité de expertos para impulsar melloras

Alén disto, Sanidade tamén deu o seu visto e prace á creación dun comité estratéxico para “elaborar primeiro un diagnóstico e logo unha estratexia” nos vindeiros catro meses para esas melloras necesarias na Atención Primaria. Contará con expertos e cun comité asesor no que se integren todos os colectivos implicados, desde administrativos até enfermeiros pasando por facultativos ou farmacéuticos. “Se entendíamos que non era válido o novo modelo presentado foi porque era un conxunto de medidas a curto e medio prazo moi pouco baseadas no diagnóstico da realidade; o ano que vén e o seguinte vaise xubilar moita xente e iso xa se sabe, así que habería que analizar as solucións para unha década, para un tempo longo”, insisten desde os colexios médicos.

 O Consello Galego de Colexios Médicos advirte de que o achegamento de posturas "non supón un aval ás políticas sanitarias da Xunta"

Malia os avances, desde o Consello Galego advirten de que “non supón un aval ás políticas sanitarias da Xunta”. Foi unha reunión, din, na que se viron “obrigados a intentar conseguir as maiores melloras posibles para a calidade asistencial”: “Conseguímolo nunha parte e noutra, non”. 

José Luis Jiménez insiste en que “a presión dos colectivos profesionais e da cidadanía” é o que “está a provocar o que se está movendo agora”. “E probablemente do que terá que seguir movéndose no futuro”, advirte.

Concentración de sanitarios en Verín Dominio Público @UGT_Galicia

E moverase. A CGAP advirte de que “a folga segue adiante” para os días 9, 10 e 11 de abril e que xa conta co apoio dos principais sindicatos. “A reunión do mércores sorprendeunos a todos, foi un ‘divide e vencerás’ máis por parte da Xunta, que busca ir negociando por partes e con diferentes colectivos para desmobilizar”, asegura Xosé María Dios. No colectivo recoñecen o “pequeno avance” que supón que o Sergas asuma agora moitos dos problemas que levan anos denunciando e que mesmo estea disposta a recuar. Pero advirten, como as centrais sindicais, de que non é cuestión só de que haxa cartos, senón de que “se priorice a Atención Primaria” e se aborde a necesidade de máis “enfermeiros, administrativos ou traballadores sociais”, entre outros. 

A Coordinadora Galega de Atención Primaria acusa o Sergas de intentar "dividir" e "desmobilizar" os profesionais sanitarios

A Coordinadora, que di representar varios colectivos e uns mil profesionais, mantén “como irrenunciables” as cinco demandas expresadas desde un principio: o aumento de orzamento significativo, até o 25% do total, para a Atención Primaria; incremento de persoal e convocatoria inmediata de todas as prazas necesarias; contratos estables e dignos para os profesionais precarios para unha prestación asistencial de calidade e negociación do conflito dos PAC; e eliminación das EOXI e creación da Xerencia de Atención Primaria con orzamento específico. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.