A folga das ambulancias suspéndese tras aprobar o persoal un preacordo que sobe o salario un 22%

O persoal das ambulancias en folga, na manifestación a prol da sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

Logo de mes e medio de paros indefinidos e mobilizacións e a poucas horas de comezar unha folga indefinida, os empresarios das ambulancias e os representantes sindicais alcanzaron un preacordo para a aprobación futura dun convenio vixente até 2022 que mellora en moito as condicións salariais do persoal, do que virá ou do de prácticas e que incluirá tamén medidas sociais e de conciliación nun sector fortemente precarizado. A protesta e a unidade dos traballadores volveu ser clave para unha mellora que foi ratificada nas asembleas que se celebraron na noite deste mércores. 

O persoal das ambulancias aprobou o preacordo económico en asemblea con máis do 80% de votos, polo que se suspende a folga, que non se desconvocará ata a sinatura definitiva do convenio

Así, os traballadores do transporte sanitario en folga ratificaron por 396 votos a favor (80,8%) fronte a 73 en contra (14,9%) e 21 abstencións (4,3%) o preacordo económico que supón a suspensión do inicio de paro indefinido que estaba previsto para este pasado mércores. 

“Isto non quere dicir que se desconvoque a folga, xa que este paso só se dará no momento da sinatura definitiva do convenio”, advirte o comité de folga onde se integran representantes da CIG, CCOO e UGT. “Coñecemos como as gasta a nosa patronal e a súa nula fiabilidade, polo que en calquera momento a folga pode ser activada en caso de novos bloqueos”, insisten tras destacar a “altísima participación” nas asembleas para ratificar o texto. 

Mobilización do persoal das ambulancias de Galicia CC-BY-NC-SA CIG

No tempo de vixencia deste novo convenio, no caso de aprobarse definitivamente, o incremento no salario anual do persoal das ambulancias galegas acumulará unha suba “mínima” total do 22% de sumarmos todos os incrementos e melloras aprobadas no preacordo asinado este pasado martes. “Significa a dignificación das nosas condicións salariais e a compensación con creces dos anos sen convenio colectivo”, indica o comité de folga. 

O preacordo supón unha suba "mínima" do 22% no soldo anual do persoal: "Significa a dignificación das nosas condicións salariais e a compensación con creces dos anos sen convenio colectivo"

Inclúese aquí a suma de todos os incrementos anuais no salario até 2022 (+12,5%), a incorporación da terceira paga extra até agora inexistente, que supón un aumento do 8% no soldo anual, así como o cobro de todos os conceptos salariais nas vacacións (+1,5%) que non estaban contemplados antes.

En canto ao salario, o preacordo supón un incremento salarial do 4% a partir do vindeiro 1 de novembro, outro do 3% a partir do mesmo mes de 2020 e outros dous, do 2,5% e do 3%, a partir do 1 de xaneiro de 2021 e 2022 respectivamente. Un aumento total que chegará a ese 12,5% nuns tres anos.

Respecto da paga extra engadida, cobrarase por primeira vez en marzo de 2021 e de novo no marzo do ano seguinte, quedando “consolidada con carácter non absorbible nin compensable”. 

Ademais, o persoal pasará a cobrar no seu período de vacacións o mesmo que no resto dos meses, porque non era así antes. Agora, recibirán a retribución correspondente á media de todas as percepcións do ano anterior, de acordo así á xurisprudencia comunitaria e do Tribunal Supremo. 

“Todo isto non é posible sen a ferramenta que supón a folga e unidade demostradas neste conflito”

O comité advirte de que ten claro que “todo isto non é posible sen a ferramenta que supón a folga e unidade demostradas neste conflito”. Agora, será o vindeiro luns 25 de marzo cando se celebre unha nova reunión da mesa de negociación do convenio para tratar “os temas pendentes” e intentar chegar “a un acordo definitivo”. Será aí onde se intenten incorporar más medidas aínda por achegar. Sexa como for, serán de novo serán as asembleas de traballadores as que debatan o resultado e decidan en votación se ratifican o texto no seu conxunto ou non. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.