A folga das ambulancias achégase á fin tras a sinatura dun preacordo de convenio

Mobilización do persoal das ambulancias de Galicia CC-BY-NC-SA CIG

A folga de ambulancias en Galicia está a un paso de rematar de vez. A patronal e a representación sindical alcanzaron na madrugada deste martes un preacordo que supón a suspensión do inicio da folga indefinida prevista para a partir deste 20 de marzo. No caso de que o texto sexa ratificado polas asembleas do persoal celebradas nas cidades nese mesmo día, o paro quedaría suspendido xa definitivamente. 

O novo convenio contempla unha suba salarial do 4% a partir do vindeiro mes de novembro, un incremento que chegará ao 12,5% en 2022

Foi unha negociación durante case sete horas que rematou coa sinatura dese preacordo de convenio colectivo até 2022 tras a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. 

O texto, tal e como indican sindicatos e a Federación Galega de Empresarios de Ambulancias, supón un incremento salarial do 4% a partir do vindeiro 1 de novembro, outro do 3% a partir do mesmo mes de 2020 e outros dous, do 2,5% e do 3%, a partir do 1 de xaneiro de 2021 e 2022 respectivamente. Un aumento total que chegará ao 12,5% nuns tres anos. 

Mobilización de persoal de ambulancias en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Ademais, inclúese o pagamento de regularización en 2020, polo que os traballadors percibirán coa nómina de novembro dese ano un pago único por incoporte de 500 euros brutos non consolidables. Tamén se inclúe unha terceira paga extra, dun importe idéntico ás dúas pagas vixentes actualmente e que se abonará por primeira vez en marzo de 2021. 

O preacordo especifica tamén que o persoal percibirá o mesmo salario en vacacións que no resto do ano e especifica que a nómina que perciban durante ese período incluirá os complementos que cobran os once meses restantes. 

A suma de todos os incrementos sup0orá unha suba do 22% do salario anual no período de vixencia do convenio

Ademais doutras melloras sociais, moitas delas pendentes de ir implementando, o texto tamén fai referencia aos contratos en prácticas ao pactarse un salario superior ao fixado no Estatuto dos Traballadores e establecéndose que unha porcentaxe desas contratacións transformaranse en indefinidas. 

A suma de todos os incrementos anuais (12,5%), da incorporación da terceira paga extra (8%) e do cobro de todos os conceptos salariais nas vacacións (1,5%) suporá unha suba do 22% no salario anual no período de vixencia do convenio.

No caso de que se ratificase este acordo, os representantes sindicais e os da patronal están chamados para sentar e asinar o texto definitivo do convenio colectivo o vindeiro 25 de marzo. 

O comité de folga destaca “toda a forza e a toma de conciencia do conxunto dos traballadores e traballadoras do sector a través da folga, ferramenta sen a que tería sido imposible acadar avances na negociación como os que agora imos ter a oportunidade de debater nas asembleas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.