Unha mesa de diálogo aberta polo Sergas para negociar "un novo modelo". Esa é a condición que pon a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) para desconvocar a folga fixada para os vindeiros 9, 10 e 11 de abril, na que esperan un "grande apoio" por parte dos profesionais.
Así o aclarou un dos portavoces da CGAP, Xosé María Dios, na rolda de prensa onde presentou, xunto representantes de tres dos sindicatos convocantes e outros integrantes do colectivo, a folga da próxima semana. Así, instou o Sergas a abrir esa "mesa de diálogo" para abordar os "cinco puntos irrenunciables" que a Coordinadora pon enriba da mesa para "un novo modelo de Atención Primaria". No caso de que a Xunta convoque ese foro, os paros serían desconvocados.
A Coordinadora insta o Sergas a abrir unha "mesa de diálogo" para abordar os "cinco puntos irrenunciables" que pon enriba da mesa para "un novo modelo de Atención Primaria"
Ademais, a CGAP advertiu de "dúas liñas vermellas": "revogar as EOXIs" e un incremento progresivo do orzamento da Atención Primaria, aspecto que consideran "a base para acabar coa precariedade", como aclarou Manuel Martín, membro do colectivo e presidente da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Os convocantes, ao tempo, advírtenlle a Xunta que os paros non serán "os tres últimos días de mobilización social" no caso de que non se aborde esa mesa de diálogo para falar sobre os cinco puntos que consideran fundamentais e que se resumen nese incremento da achega económica, a recuperación das xerencias de Atención Primaria, un incremento de persoal, rematar coa devandita precariedade e "solucionar o conflito" dos Puntos de Atención Continuada (PAC), cuxo persoal continúa en folga.
Pola súa banda, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, incidiu no "desmantelamento absoluto" da Atención Primaria por parte do Goberno do PP, razón pola que a CGAP chegou ao punto de convocar a folga e que provoca a "perda de profesionais" e, xa que logo, a diminución da calidade na asistencia. "A Consellería de Sanidade ten que recoñecer o fracaso da súa política e crear unha mesa de diálogo", dixo, tras advertir de que a clave é "recuperar o consenso".
Ademais, os representantes de CCOO e UGT, Emilia Lmas e Javier Martínez, reivindicaron un "tempo de consulta digno, como mínimo dez minutos" por paciente e advertiron de que a situación na Atención Primaria "vai a peor" de non tomarse medidas para "deseñar o modelo do futuro". Desde Agamfec lembrouse o "problema serio" nas consultas. Ademais, o seu portavoz, Jesús Sueiro, avogou por un "orzamento blindado".
Respecto das mobilizacións previstas pola folga, a CGAP adiantou xa unha concentración o día 11 na Praza do Obradoiro de profesionais que, vestidos con roupa de traballo, manifestaranse dando voltas ao quilómetro cero do espazo.
O Sergas cualifica de "inconcretas e xerais" as demandas dos convocantes da folga e acúsaos de oficializar os paros no último día para "non deixar moito prazo para negociar nada"
Ademais, a Coordinadora aclarou que a folga abrangue todo o persoal, incluído o residente, de todas as categorías que prestan os seus servizos nos centros de saúde e nos PAC, agas ao que xa está en folga indefinida nestes puntos. Os portavoces advertiron de que "non se pretende molestar" aos usuarios do sistema sanitario e consideraron que estes "van entender" que os profesionais "estean en folga". "Non vai quedar xente sen atender", garantiron.
Desde a Xunta, pola súa banda, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, xa dixo que o tempo de negociación era "moi reducido" e cualificou as súas demandas de temas "inconcretos e xerais". Para este responsable, o feito de que se presentase a convocatoria de folga o último día xa "xera unha certa dúbida de se hai vontade de diálogo". "Convócase o último día co obxecto de non deixar moito prazo para negociar nada", lamentou quen ve nas demandas da Coordinadora "un sesgo político claro".
Por outra banda, a ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, avogou por "reformas estruturais" para abordar os problemas da Atención Primaria e insistiu en que "non é factible" unha convocatoria de MIR extraordinaria.