A Xunta volve gabarse dun "acordo" para Atención Primaria que os colexios médicos negan

Xuntanza de representantes do Sergas e dos colexios de enfermería e colectivos do sector © Agefec

O Sergas segue a intentar acadar apoios ao seu proxecto para un novo modelo de Atención Primaria. Logo de advertir a pasada semana dun “acordo” cos colexios médicos e sociedades científicas que estas mesmas entidades negaron, a Consellería de Sanidade continúa a presumir dese presunto pacto tras unha nova reunión, nesta ocasión con colectivos de enfermaría. 

O Sergas gábase de que o "acordo" acadado cos colexios médicos de enfermería e Agemec engádese a outro "acordo" cos colexios médicos que estes mesmos negaron e reduciron a "unha acta"

Desta volta, os catro colexios provinciais de enfermaría e a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agemec) si aseguran nun comunicado ter alcanzado “un acordo de cara á implantación do novo modelo de Atención Primaria” logo da xuntanza que este pasado mércores pechou unha serie de reunións para analizar as alegacións presentadas. “Sanidade aceptou a maior parte das propostas suxeridas”, din as entidades nun comunicado.

A versión da Consellería, aínda que diferente, tamén se gaba do “apoio” destes colectivos “ás propostos recollidas no documento presentado” polo Sergas e advirte de que “esta aceptación” engádese ao que segue considerando un “acordo” alcanzado co Consello Galego de Colexios Médicos e con varias sociedades científicas, malia que estas mesmas entidades saíron a rectificar a Xunta e advertir de que o resultado da última xuntanza limitábase a “unha acta” con compromisos aínda por cumprir. Así llo recordou a Feijóo o portavoz de En Marea, Luís Villares, durante o pleno do Parlamento. 

Protesta de profesionais médicos ante un centro de saúde © SOS Sanidade Pública

Sanidade aceptou a creación dunha Dirección de Enfermaría dentro da Dirección de Atención Primaria de cada área sanitaria

No caso da enfermaría, tanto os colexios profesionais como Agemec aseguran que Sanidade “aceptou” a creación dunha Subdirección Xeral de Atención Primaria dependente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria que inclúa un servizo específico de integración e innovación de coidados, así como a creación dunha Dirección de Enfermaría dentro da Dirección de Atención Primaria de cada área sanitaria. Tamén tería acetpado o Sergas “a maior parte das propostas das enfermeiras”, como a creación de novas prazas “para cubrir as necesidades que as novas competencias poidan xerar” ou que se solicite ao Estado unha “vía excepcional” para dotalas.

En canto a outros colectivos, como a Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), insisten na demanda dunha xerencia única de Atención Primaria “en pé de igualdade coa Atención Hospitalaria e con orzamento propio”.

Nova protesta de profesionais sanitarios en Vigo

Por outra banda, a Asemblea de Médicos de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo advertiu de que os seus membros limitarán de xeito “xeral e unilateral” o número de consultas e a utilización das telemáticas e que suspenderán a docencia nos centros “máis sobrecargados”. Deciden estas medidas, que deberán ser ratificadas nunha xuntanza o 23 de abril, ante a falta de medidas para os problemas que levan denunciando tempo no sistema sanitario e polo que decidiron tamén unirse á folga convocada pola para os días 9, 10 e 11 de abril vindeiros. Alén disto, lembraron que o acordo anunciado pola Consellería non se produciu, nin con esta entidade, nin cos colexios médicos nin as sociedades científicas. 

Médicos de Atención Primaria en Vigo deciden limitar "de xeito unilateral" o número de consultas en protesta pola sobrecarga

Ademais, os xefes de unidade e servizo que dimitiron pola “deterioración” da sanidade anunciaron tamén o seu apoio ao paro e adiantaron que presentarán a próxima semana un certificado de actos presuntos para que a xestión dos puntos de Atención Primaria sexa transferida á área sanitaria. Toman esta medida ante o silencio administrativo da Xunta logo de que reiterasen a súa renuncia e non fose aceptada. O Sergas xa anunciou que, no caso de que os doutores limiten o seu labor, tomará “accións legais” para “protexer a poboación”. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.