O Sergas afronta unha nova folga en abril: os servizos de limpeza dos hospitais

CIG e CCOO anunciaron este martes a convocatoria de folga indefinida, a partir do día 10 de abril, nos servizos de limpeza de todos os hospitais Dominio Público CIG

Abril promete ser (outro) mes complicado para a sanidade pública galega, que agora ten unha nova fronte aberta. Desta volta as protagonistas son as traballadoras do servizos de limpeza dos hospitais públicos, chamadas á folga xeral indefinida a partir do día 10 da man dos sindicados CIG e CCOO, logo de que varias empresas comunicaran a súa negativa a pagar a equiparación salarial co Sergas. Esta convocatoria vén sumarse á dos profesionais da Atención Primaria, fixada entre o 9 e o 11 de abril.

Nos hospitais galegos hai tempo que os servizos de limpeza están externalizados, e desde 2008 as preto de 4.000 traballadoras do sector -máis do 90% son mulleres- contan coa equiparación salarial por convenio en practicamente todos os hospitais de Galicia (todos agás Salnés e Cee, segundo a CIG), o que supón, por exemplo, poder contar con baixas retribuídas ao 100%, ter dereito aos chamados “moscosos” ou ter recoñecida a antigüidade, a chamada carreira profesional no Sergas.

“O problema xorde cando se fan os novos tramos de carreira o ano pasado e ás empresas se lles dixo: vamos ter unha reunión porque isto saíu xa publicado no DOG e tedes que aplicalo” , explica a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández. O acordo do Sergas cos sindicatos viña ampliar a carreira profesional, que pasa a ter un carácter retroactivo. Estamos a falar dunha cantidade mensual que vai desde os 60 aos 100 euros, segundo a propia situación de cada traballadora.

Estamos a falar dunha cantidade mensual que vai desde os 60 aos 100 euros, segundo a propia situación de cada traballadora

Fernández explica que en novembro as concesionarias non puxeron ningún problema e firmaron todas o acordo. Co prazo límite pactado do 31 de marzo, non foi ata o 26 cando moitas empresas informaron de que non ían actualizar os pagamentos. “Exixían ter cursos e solicitudes feitas como teñen na función pública, pero isto é inviable, as limpadoras no se poden especializar con cursos, e teñen experiencia de sobra, e por iso decidimos convocar a folga a partir do día 10”.

No entanto, para o día 9 de abril está prevista unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais. Unha xuntanza sobre a que o representante de CCOO, Ricardo Santos, xa adiantou que “non vai a haber debate. Xa o houbo o 15 de outubro e o 8 de novembro, cando todos chegamos a un acordo, mesmo as empresas que agora o cuestionan e que son asinantes e mesmo centrais sindicais que asinaron e non entendemos por que non nos acompañan agora nesta convocatoria de folga”. Os sindicatos convocantes tamén teñen solicitada unha reunión nos vindeiros días co conselleiro e co director xeral do Sergas.

 

O sindicatos cifran en preto de 4.000 o número de traballadoras dos servizos de limpeza do Sergas © Grupo Norte

A convocatoria de folga é unicamente de CCOO e CIG porque, segundo Transi Fernández, UGT “di que eles entregaron solicitudes e fixeron cursos e que, polo tanto, non van convocar” e tanto a CIG como CCOO avaliaron que nin se necesitan cursos para cobrar a equiparación salarial, nin se precisa facer unha solicitude previa para acceder a ela. “O que teñen é que cumprir co asinado”.

“Os empresarios que están nas concesionarias de limpeza queren que o Sergas acabe pagando por medo ao conflito coa proximidade das eleccións", explican desde a CIG

A representante sindical é consciente do momento no que nos atopamos, con eleccións en cuestión de semanas e todos queren presionar á Administración. “Os empresarios que están nas concesionarias de limpeza o que queren é provocar unha situación sindical complicada para que o Sergas acabe pagando por medo ao conflito coa proximidade das eleccións. É unha chantaxe moi habitual das contratas”, indica Fernández.

En concreto, as empresas de limpeza que xa dixeron que non ían pagan o plus de equiparación salarial son o grupo Norte (Chus de Santiago), Grupo Faro (Hospital Gil Casares de Santiago), Ilunion (provincial de Santiago e Materno infantil da Coruña) e Clece (no Lucus Augusta e Ourense). Outras como Acciona, que ten a concesión nos cinco hospitais da provincia de Pontevedra, xa pagou “porque se non xa era demasiado para Félix Ruibal”, ironiza Transi Fernández.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.