O Goberno da Xunta de Galicia defende o gasto de 500.000 euros en letreiros de "hospital público" para dez centros sanitarios galegos porque son menos cartos dos que custan os soldos dos alcaldes e outros representantes políticos da oposición, que "menten" sobre a sanidade pública.
Durante a sesión de control parlamentaria deste mércores Feijóo afirmou que "é moito máis barato poñer os letreiros dos hospitais públicos que pagarlles o soldo aos concelleiros, os deputados e os alcaldes que menten sobre a sanidade pública". O presidente da Xunta, en resposta ao voceiro socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, cuestionou se "están en contra de que un hospital leve un letreiro de hospital público?, indicando que " é tan lamentable que me sorprende".
O pleno do Concello de Vigo vén de aprobar unha moción do PSOE (cos votos a favor tamén de Marea) na que se solicita á Consellería de Sanidade deixar sen efecto o contrato para colocar os letreiros e destinar o importe previsto aos rótulos "á construción dun aparcadoiro público gratuíto nas parcelas que o complexo do Álvaro Cunqueiro dispón no recinto e non son utilizadas". Na moción o grupo socialista cualifica de "inmoral" que a Consellería de Sanidade anuncie que vai gastar esa cantidade en colocar carteis en dez hospitais, pero no caso de Vigo, "querer rotular un hospital privado como público é un insulto incualificable". Á vista das palabras do presidente da Xunta en sede parlamentaria, parece que esta moción non vai ter moito percorrido.
O presidente da Xunta dubida de que este venres se vai oficializar a folga da atención primaria prevista do 9 ao 11 de abril
O presidente da Xunta, que dubida de que se vaia oficializar este venres a folga na Atención Primaria prevista para abril, lamentou que a oposición "estea a caer tan baixo, destruíndo o patrimonio que construímos entre o PP e o PSOE, como é o Sistema Nacional de Saúde" e aseverou que "non imos aceptar que se destrúa a sanidade pública en Vigo nin en calquera outro sitio".
Vigueses distinguidos
O desacordo entre o Goberno e a oposición sobre a sanidade levou tamén ao presidente da Xunta a propor incluso recoñecementos locais a segundo que colectivos. A postura contraria do PP sobre a concesión do título de "vigués distinguido" aos xefes de servizo de Atención Primaria dimitidos dos centros de saúde de Vigo (entregados este mércores, 27, cunha grande ovación do público) é ben coñecida.
O presidente da Xunta propuxo o galardón de vigués distinguido para os equipos de emerxencia que interviñeron no accidente do Marisquiño.
Desde que se fixo pública a proposta dos galardóns deste ano Elena Muñoz viña defendendo ampliar a concesión a todos os profesionais da área sanitaria, non só aos médicos de familia dimitidos. Porén, o Goberno da Xunta tiña a súa propia proposta, tamén no ámbito sanitario, pero desta volta máis coutada: darlle o premio aos equipos de emerxencia que interviñeron no accidente do Marisquiño.