A folga na Atención Primaria rexistrou un seguimento maioritario, segundo os e as profesionais convocantes, que falan dunha participación superior ao 50% en todas as áreas sanitarias, que roldaría o 90% nas de Vigo e A Coruña. Pola contra, a Xunta reduce estes datos ata un 21,15%, recoñecendo un maior seguimento en Vigo (34,8%), Pontevedra (30%) e Ferrol (29,3%) e algo inferior en Santiago (20,1%), na Coruña (16,9%) e máis reducido en Lugo (12,3%) e Ourense (11,4%).
O paro, impulsado pola Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) co apoio de Precarias e o persoal mobilizado dos PAC, desenvolveurse sen incidencias de ningún tipo e cun cumprimento absoluto dos servizos mínimos fixados pola administración.
Ademais da folga en todos os centros de saúde do país, dende as 12 do mediodía unha manifestación percorreu baixo a chuvia as rúas de Santiago, dende a sede da Xunta en San Caetano ata a sede da Consellería de Sanidade en San Lázaro.
Nas mobilizacións que tiveron lugar este mércores os e as profesionais demandaron melloras nas súas condicións laborais para poder atender mellor os pacientes. "Si a unha primaria digna" ou "Non aos contratos trampa" foron algunhas das mensaxes que se puideron ver na manifestación celebrada en Compostela
Reclaman principalmente melloras laborais, máis financiamento, máis persoal e incremento na capacidade de decisión da Atención Primaria. Ademais, tamén se demanda o incremento progresivo do orzamento ata o 25% para Atención Primaria e a recuperación das estruturas de xestión deste nivel asistencial nun prazo máximo de 12 meses.
Pídese igualmente que se habilite de forma inmediata a derivación e a consulta telemática con outros servizos, así como a "igualdade de acceso" a probas diagnósticas. Tamén se pide que sexan convocadas en oferta pública de emprego todas as vacantes actuais e previstas no servizo. Dende os colectivos convocantes resumían esta semana as súas reivindicacións nunha única idea: 'Queremos tempo para atender aos nosos pacientes, para facer o noso traballo correctamente'".
Dende o Parlamento o socialista Julio Torrado apoiou as protestas dos profesionais de Atención Primaria e reclamou máis contratos e menos precariedade laboral na sanidade pública. O deputado do PSdeG-PSOE acusou o goberno galego de provocar unha “situación inasumible” cos profesionais traballando “por enriba do que son humanamente posible” logo de ter reducido en 10 anos "189 millóns de euros e 1.249 profesionais para sanidade, incluíndo as 150 prazas MIR que renunciaron a pedirlle ao goberno central".
De igual xeito, Eva Solla (En Marea) levou á Comisión de Sanidade unha iniciativa respecto do "incumprimento sistemático co reflectido nas directivas europeas e das normativas en materia de tempos de traballo e de xornada laboral dos profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PACs)", uns dereitos "que a Xunta de Galicia segue a obviar", sinalou.
SOS Sanidade Pública reiterou o seu apoio ás demandas elevadas por esta mobilización impulsada polos profesionais dos centros de saúde, aínda que sinalou que "soamente se implica nas que son acordadas de manera consensuada por todas as organizacións" que integran a plataforma.