“Seguimos”. Así rezaban moitos dos carteis que profesionais da Atención Primaria portaban este xoves nas concentracións levadas a cabo ante os centros de saúde en Galicia. Algún houbo tamén de “enganados” ou “vendidos”, nas mobilizacións posteriores á desconvocatoria de folga que estaba prevista para tres días desta semana e que foi finalmente suspendida logo de que o Sergas aceptase –ou polo menos así o asinase– todas as condicións esixidas para un novo modelo de negociación que supón a creación dunha gran mesa de diálogo con todos os colectivos implicados.
As declaracións de Feijóo ou o Sergas ao pouco de desconvocarse aumentaron a desconfianza na Xunta dos profesionais da Atención Primaria, que xa pensan en convocar outra folga en maio
Pero a tregua durou pouco. Ao rexeitamento á desconvocatoria aceptada pola Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) e os sindicatos que xa advertira algún colectivo, uníronse nas últimas horas polémicas declaracións por parte da Xunta, a Consellería ou mesmo o PP que aumentaron a desconfianza dos profesionais. Tanto que varias centrais recoñecen terse “arrepentido” de non seguir adiante cos paros. Outras entidades apostan por convocalos de novo axiña e persoal da área de Vigo organízase para levar a cabo unha folga en maio á marxe de calquera outra organización. Sexa como for, e só tres días despois de que se desconvocase, a convocatoria en maio parece agora o horizonte máis probable.
“A táboa reivindicativa solicitaba unha mesa de diálogo e, obxectivamente, iso está conseguido, pero hai moito fastío, moitas ganas de dar un golpe na mesa e é lóxico que haxa xente decepcionada pola desconvocatoria dunha folga que, ademais, moitos cremos que ía ter un seguimento masivo”, di Ramón Veras, membro do colectivo médico de Atención Primaria da Coruña, que advirte que tanto os facultativos como o resto de profesionais representados na CGAP deixaron tamén claro esta semana que, “de non verse actuacións concretas por parte do Sergas”, convocar un novo paro “é unha opción máis que probable”.
“Lamentamos ter desconvocado a folga e terlle dado ese voto de confianza ao goberno do PP, que non é digno de tal”, di con contundencia María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que sinala que o sindicato proporá na CGAP “incrementar a mobilización e retomar a folga no mes de maio” se o vindeiro día 26, na mesa sectorial convocada, a Consellería de Sanidade “non trae as propostas para desenvolver os acordos acadados” e non acepta abordar todos os temas pactados no novo Consello Técnico. É o que temen que pase. “Todo pinta a que querían evitar un conflito maior en plena campaña electoral”, insiste.
A CIG di estar "arrepentida" de ter desconvocado a folga, Precarias pola Atención Primaria xa amosou a súa disconformidade e profesionais de Vigo, "indignados", xa impulsan un paro no mes de maio
O acordo ao que chegaron a CGAP e os sindicatos co Sergas aclara que a axenda negociadora debe incluír os puntos “irrenunciables” que o persoal esixe: incremento orzamentario, creación de prazas de persoal, acabar cos contratos precarios, a solución definitiva dos problemas dos PAC e finalizar co sometemento da Atención Primaria ás xerencias hospitalarias mediante as EOXIS.
Pero, como advirten a CIG e membros dos colectivos médicos, a Xunta tardou tan só horas en provocar que “saltase todo polos aires” e de "desacreditar" a directora de Recursos Humanos, quen foi a negociadora por parte da Administración. Refírense a manifestacións como as que Feijóo realizou, a mañá seguinte ao acordo, en Antena 3. Negou un conflito e tamén que o acordo implicase un futuro incremento orzamentario. “Se colle o asinado, ese titular non se corresponde co texto”, dixo. Horas despois, en varias declaracións, o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, e membros do PP advertiron de que a Atención Primaria non precisaba máis orzamento, que a clave estaba en aumentar a tecnoloxía e mesmo cualificaron de “chiringuito” a CGAP, que agrupa moreas de entidades e arredor dun milleiro de profesionais. E a escasa confianza que había -- “claro que non nos fiamos”, dicía a Coordinadora hai só uns días – desapareceu.
“A experiencia mostra que o Sergas pode ter a tentación de non poñer en marcha estas medidas, polo que é necesario manter a unidade e a mobilización en apoio á negociación na mesa sectorial”, di a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que advirte, tamén, que “se non houbese avances e os pasos non fosen na dirección correcta, sería necesario, ademais de manter as concentracións, convocar a segunda xornada de folga”.
Feijóo, Almuíña e o PP tardaron horas en desacreditar o acordo, advertir que non habería incremento orzamentario e mesmo cualificar de "chiringuito" a Coordinadora
Xa antes, o sindicato O`Mega amosara a súa disconformidade con que a Xunta "non aceptase a vinculación da Administración aos acordos tomados polo órgano creado" e o colectivo Precarias pola Atención Primaria amosou o seu rexeitamento á desconvocatoria”. “É un erro apagar o descontento e a mobilización por unha promesa vaga de diálogo; sabemos que este é un sentir compartido entre as profesionais da sanidade pública”, dixeron.
En Vigo, na asemblea que o persoal de Atención Primaria celebrou este mércores, os profesionais amosaron a súa “indignación” coa desconvocatoria de folga e acordaron convocar unha para o mes de maio, xa sexa co apoio dos sindicatos ou sen eles. Ademais, celebrarán outra xuntanza para decidir outras medidas de presión. Hai tan só uns días, propuxeran limitar as consultas ou non usar a opción telemática, ante as ameazas do Sergas, que cualificou de “graves” estas propostas.