Xosé María Dios é médico no centro de saúde de Outes, un dos voceiros da Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) e membro do comité de folga, dun paro finalmente desconvocado logo de que o Sergas aceptase todas as demandas esixidas polos seus impulsores para negociar un novo modelo sanitario. Malia as diferenzas entre os diferentes profesionais, todos os colectivos e sindicatos coinciden en que o acordo ao que se chegou coa Consellería de Sanidade non é aval ningún ás súas políticas nin punto final de ningún conflito, senón un primeiro paso que debe ser confirmado coa resposta ás súas demandas. De non ser así, outra convocatoria de folga é máis que probable.
O acordo, en realidade, non supón cumprir demanda ningunha senón aceptar unhas condicións para poñerse a negociar...
Ese era o mandato que o comité de folga e os sindicatos tiñan da Coordinadora Galega de Atención Primaria. Nesta negociación non estabamos buscando un acordo sobre as nosas reivindicacións, senón reclamando que se conformase unha mesa de negociación transparente, aberta e plural para tratar eses cinco puntos irrenunciables. Unha vez que se aceptou iso, tiñamos que desconvocar, pero iso non significa que aquí rematase nada nin que non se poida volver convocar unha folga.
"Tiñamos o mandato de conseguir unha mesa de negociación e a Xunta aceptouno, pero iso non significa que aquí rematase nada nin que non se poida volver convocar unha folga"
Acadaron, xa que logo, o que pretendían nestas primeiras conversas?
Claro. Hai que ter en conta que a formulación do Sergas nun inicio era convocar a mesa sectorial xa existente e nada máis, de aí non pasaban. Mesmo conseguimos máis do que solicitabamos nun principio porque Sanidade comprometeuse a que se creen tamén comisións para abordar problemáticas específicas en diferentes ámbitos. Tiñamos como mandato conseguir abrir esa mesa de diálogo, chamada Consello Técnico, no que participarán todas as entidades que teñen que ver no futuro da Atención Primaria, e a iso engadímoslle a posibilidade que del se deriven comisións para tratar o tema dos profesionais precarios, dos PAC ou doutros conflitos.
Que se consegue con ese Consello Técnico de Atención Primaria?
Ábrese unha mesa de diálogo permanente que non existía. Até o de agora negociábase por partes, parcelando as conversas que, nalgún caso, eran a nivel de conselleiro ou xerente do Sergas e noutras a nivel de traballadores que tiñan que pedir permiso aos seus superiores para acordar cousas... Agora será un órgano transparente, con participación de todas as entidades implicadas e definitorio para o novo modelo de Atención Primaria.
"Non nos fiamos do Sergas porque é experto en incumprir os acordos"
Fíanse dos compromisos do Sergas?
Hai que ter en conta que estamos en época electoral. E non, non nos fiamos porque o Sergas é experto en incumprir os acordos. A nosa expectativa e a nosa confianza está posta en que o vindeiro 26 de abril reúnese a mesa sectorial e na primeira quincena de maio o Consello Técnico e aí veremos cal é a resposta. Temos que pensar que a Administración virá con ganas de negociar, pero se non é así podemos convocar outra folga axiña.
Entende a quen é contrario á desconvocatoria de folga?
Tiñamos un mandato, que era o de conformar esa mesa de negociación, e cumpriuse. Nese momento tiñamos que desconvocar a folga. Pero os problemas na sanidade seguen e se desde a Xunta non lle poñen freo, haberá unha segunda convocatoria de folga. Isto non é un final de nada, é un principio.
Feijóo asumiu este martes algún problema na “planificación” do persoal en Atención Primaria pero nega que exista un conflito sanitario...
O problema dos PAC leva un ano enquistado, a sanidade pública estase deteriorando día a día, dimitiron todos os xefes de servizo da área de Vigo, hai conflitos permanentes en diferentes zonas, houbo unha convocatoria de folga para tres días... Hai que vivir nunha burbulla, que creo que é o que lle pasa, para poder dicir iso; ou ver e ler só o que che interesa e non saber a realidade. E a realidade actual do sistema sanitario galego é de deterioración e privatización.
"Feijóo ten que vivir nunha burbulla ou só ver e ler o que lle interesa para poder dicir que non hai un conflito sanitario en Galicia"
Cre que na Xunta non se asume que hai un problema?
Hai dous meses, Feijóo dixo que tiñamos a mellor sanidade pública do mundo, pero resulta que só uns días despois o Sergas presentou 150 medidas para mellorala, creou mesas de diálogo á súa maneira, engadiu logo máis propostas, reuniu xefes de servizo, recolleu ideas... Non podemos andar polo mundo pensando que todo está ben cando é o contrario.
Pode ter que ver nesta aceptación dun novo modelo de negociación o feito de que se acheguen as eleccións?
O comité de folga foi negociar sen pensar nin en eleccións xerais, nin municipais nin sindicais, que tamén son axiña. Tiñamos uns puntos determinados que reclamamos e deunos igual que houbese ou non comicios. Conseguimos o apoio de todos os sindicatos agás SATSE e convocamos a folga para lograr algo; conseguimos esa mesa de negociación e desconvocamos esta primeira folga, pero mañá podemos convocar outra.