“En Galicia non temos ningún conflito sanitario”. Alberto Núñez Feijóo volveu teimar este martes en negar problemas no Sergas. Coa folga nos PAC aínda en marcha, logo da dimisión de todos os xefes de servizo da área de Vigo, das protestas continuas pola saturación en Urxencias ou pola escaseza de profesionais, tras outra masiva manifestación na Mariña, logo de constatarse a masiva situación de temporalidade do persoal e un día despois de que a Xunta aceptase todas as condicións esixidas para negociar un movo modelo na Atención Primaria e evitar así unha folga histórica.
Feijóo recoñece que a Xunta equivocouse "na planificación" de persoal na Atención Primaria pero di que en Galicia non hai "ningún conflito sanitario"
Malia todo, o presidente da Xunta sinalou o Goberno central por non colaborar e reduciu as eivas a “tensións normais” durante unha entrevista en Antena 3 na que si recoñeceu que a Xunta se equivocou "na planificación” de persoal sanitario "desde o punto de vista de médicos de familia e pediatras" e asumiu que “un conxunto de cuestións simultáneas acreditan que non hai médicos suficientes en Primaria”.
Negou, porén, que o acordo ao que sindicatos, profesionais e Sergas chegaron para desconvocar a folga implicase un incremento orzamentario: “Se colle o asinado, ese titular non se corresponde co texto”. Pero hai moito máis. A aceptación por parte do Sergas, a poucos días das eleccións xerais, de todo o esixido pola Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) para evitar a folga supón asumir que a negociación para un novo modelo non só non funcionaba senón que estaba destinada ao fracaso.
De negociar por partes, con interlocutores escollidos pola Consellería e buscando o apoio de colexios médicos e sociedades científicas pasouse a aceptar unha gran mesa de negociación onde estean todos e “teña cabida a participación e as propostas dos colectivos implicados en Atención Primaria”, como recoñeceu este martes na Radio Galega Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas.
“Non só aceptaron iso, senón que foron máis aló ao incluír a posible creación de comisións onde se traten conflitos determinados”, di Xosé María Dios, un dos portavoces da CGAP e membro do comité de folga que, advirte de que os profesionais non se fían. “Isto non é o final de nada, senón o principio; se non vai cara adiante e non se cumpren as nosas demandas, haberá outra convocatoria de folga. Claro que non nos fiamos”, di, en coincidencia coa postura dos sindicatos, sabedor de que varios colectivos pedían "dar un golpe na mesa" cos paros. "Tiñamos o mandato de desconvocar de crearse esa mesa de negociación, pero iso non significa que non se poida convocar outra", insiste. Sexa como for, que foi o que se conseguiu?
A Coordinadora Galega de Atención Primaria e os sindicatos advirten de que a desconvocatoria de folga non supón final ningún ao conflito: "Se non se cumpre, haberá outra"
Créase o Consello Técnico de Atención Primaria, un órgano permanente, que se reunirá dúas veces ao ano e contará cuns 40 membros en representación de todos os colectivos implicados: sociedades científicas, asociacións profesionais e sindicatos. A Xunta acepta esta gran mesa de negociación reclamada desde o inicio do conflito malia que, no comezo da última negociación, tan só aceptaba a convocatoria da mesa sectorial para tratar os problemas sinalados. Será, como din desde a CGAP, aberta e transparente e onde todas as entidades estarán “en pé de igualdade”. O novo modelo para o futuro dos centros de saúde en Galicia deberá saír deste cónclave, que poderá crear comisións específicas para que os profesionais implicados aborden problemática específicas, como pode ser o caso dos traballadores sociais, dos PAC ou dos psicólogos.
Ábrese, ademais, na mesa sectorial de Sanidade un diálogo sobre as reivindicacións laborais ou de necesidade de persoal e dotación de prazas na Atención Primaria. En ambas mesas, o Sergas comprometeuse a tratar os cinco puntos “irrenunciables” que a CGAP fixou para comezar as conversas.
A mesa sectorial será convocada a finais deste mes de abril para determinar a forma deste novo Consello Técnico, que será constituído na primeira quincena de maio para aprobar xa o seu regulamento de funcionamento interno.
O Sergas aceptou crear unha gran mesa de negociación con todos os colectivos malia que, nun principio, só ofrecía tratar os problemas na mesa sectorial
A Consellería comprométese a buscar unha solución inmediata ao conflito aínda existente nos Puntos de Atención Continuada (PAC), cunha folga que continúa e unhas reivindicacións que se manteñen desde hai máis dun ano. Nesta mesma semana, profesionais dos PAC e sindicatos reuniranse para limar as diferenzas sindicais e buscar unha formulación conxunta para levar ante o Sergas.
Comprométese tamén Sanidade a mellorar o modelo de nomeamento estatutario eventual de continuidade acordado na mesa sectorial. Ademais, e segundo os sindicatos, todas as medidas previstas que se acorden irán acompañadas dun incremento orzamentario do programa de gasto de Atención Primaria á saúde e “en función das dispoñibilidades orzamentarias”.