Do fusil Máuser ao 5G: a nova vida da vella fábrica de armas da Coruña como parque tecnolóxico

Accesos da fábrica de armas da Coruña tras a concesión da Hércules de Armamento CC-BY-SA Difundida polo persoal en 2014

No ano 1937 os militares golpistas non tiñan na Coruña e a súa contorna ningunha factoría que os fornecese de de armamento. Ese foi o xermolo da fábrica de armas que dende mediados do século pasado operou no histórico complexo de Pedralonga. Da factoría de Santa Bárbara saíron fusiles do exército franquista -como o icónico Máuser-, pero tamén pezas para fábricas civís e seguiu fornecendo as Forzas Armadas tras a fin da ditadura. Tras varias crises e devalos laborais, o Goberno de Aznar privatizouna

O proxecto da Cidade das TIC, impulsado pola Universidade da Coruña con empresas do sector e apoiado polo Concello, xa ten o visto e prace do Ministerio de Defensa, que xa revogou a controvertida concesión do complexo a Hércules de Armamento

A privatización da Fábrica de Armas non solucionou a súa crítica situación. Ben ao contrario. O primeiro adxudicatario, General Dynamics, pechou o negocio en 2013. O segundo, Hércules de Armamento -gañador dunha controvertida adxudicación do Goberno de Rajoy-, fracasou nun mar de débedas e enfrontamentos empresariais que deu lugar a rechamantes situacións como que a fábrica de armamento quedase sen vixilancia por falta de pago. Por non pagar, nin pagou o canon que correspondía ao Ministerio de Defensa.

Pero a factoría que levou o desemprego a ducias de familias coruñesas e a algunha que outra contradición a movementos da esquerda galega semella ter agora diante de si unha nova vida. Trátase da Cidade das TIC, o proxecto da Universidade da Coruña para tornalo en parque tecnolóxico da man de empresas do sector que xa ten o visto e prace do Ministerio de Defensa, departamento que xa confirmou a revogación por impago da concesión que o Goberno de Rajoy lle outorgara a Hércules de Armamento. Este trámite, confirma o departamento que dirixe Margarita Robles, deixa vía libre a "outras accións" no complexo.

Vista xeral do complexo da vella fábrica de armas da Coruña © Hércules de Armamento

O reitor subliña a boa acollida no Ministerio ao proxecto, que implica "manter a actividade industrial" na vella fábrica, dar emprego a antigos traballadores e "atender a demanda das empresas do sector tecnolóxico" da contorna

Esoutras accións son, precisamente, as que o equipo reitoral da UDC puxo sobre a mesa do secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares, co apoio do alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, e a mediación do deputado do PSdeG Ricardo García Mira, ademais de representantes do persoal. Segundo a Universidade e o Concello, o proxecto foi moi ben recibido no Ministerio, toda vez que trae consigo un plan tecnolóxico que implicaría "manter a actividade industrial" na vella fábrica e dar emprego aos seus traballadores mediante procesos de reciclaxe laboral, ao tempo que "concentra empresas" do sector tecnolóxico actualmente dispersas pola contorna coruñesa.

Tras a luz verde do Ministerio o reitor da UDC, Julio Abalde, transmitiu as boas novas aos equipos dos decanatos e direccións da Universidade. O proxecto, lembrou, é unha iniciativa da institución académica "coa colaboración do Cluster TIC, pola demanda das empresas do sector tecnolóxico de contar cun polo de innovación no que estivese presente a UDC" e co apoio municipal. "As empresas do sector TIC da área metropolitana da Coruña -explicou- están en plena fase expansiva e necesitan novos espazos". Nese parque tecnolóxico "convivirían as empresas, a Universidade e os centros tecnolóxicos asociados".

O proxecto da Cidade das TIC aséntase en catro liñas empresariais e de investigación en eidos como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía, a transformación dixital das industrias ou aplicacións para a tecnoloxía 5G

Unha comisión formada polo Ministerio, a Universidade e o Concello disponse a definir "a forma xurídica da implantación" da Cidade das TIC na vella fábrica de armas coa vista posta en lograr "unha concesión directa á UDC que sería, en principio, por 50 anos". Sería, daquela, un proxecto a longo prazo con catro liñas no que xa teñen interese unha quincena de empresas, segundo a UDC. 

A liña de "industria e recursos" centrarase na intelixencia artificial, nos dispositivos conectados -'internet das cousas'-, análise de datos e realidade aumentada. A área live societes "ten que ver co envellecemento activo, saúde dixital e servizos sociais". A terceira, Bio dixital+, prevé acoller empresas e investigacións "relacionadas coas análises xenéticas a gran escala e a transformación dixital para empresas" deste sector. A cuarta será unha "plataforma compartida de creación e calidade" de software, procesos dixitais, computación cuántica e aplicacións coa vista posta na tecnoloxía 5G, de inminente extensión tamén en Galicia.

Xuntanza no Ministerio de Defensa sobre a Cidade das TIC, coa cadeira baleira que fora reservada ao conselleiro de Industria © UDC

Aparente contrariedade na Xunta

O reitor coruñés asegura que o proxecto da Cidade das TIC da Coruña "mírase no espello do University Park", un complexo impulsado dende o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) en Boston "onde se concentran centros de investigación universitarios con empresas de alto desenvolvemento tecnolóxico". Trátase, segundo Abalde, de "apoiar a industrialización nun territorio que perde peso industrial, reter o talento local e atraer talento internacional".

A Xunta non asistiu ao encontro co Ministerio aínda que o reitor confirma que "estaba convidada" e o propio Feijóo arrefriou as posibilidades de apoiar o proxecto mentres lembra que valora o complexo como eventual emprazamento dun futuro novo hospital

Aínda que os obxectivos enunciados por Abalde co aval do Ministerio e o apoio tanto do goberno local como do resto de grupos da corporación coruñesa poderían semellar semellantes aos que a Xunta di impulsar en proxectos de seu, a Cidade das TIC da UDC foi recibida con frialdade no Goberno galego. Así, tras a xuntanza no Ministerio o propio Alberto Núñez Feijóo reducía o encontro a un encontro "entre o Partido Socialista" e outras institucións e lembraba que o seu Executivo valorara terreos da fábrica de armas como eventual emprazamento para un futuro novo hospital na cidade.

Tras o Consello da Xunta da pasada semana Feijóo dixo ignorar o "contido e alcance" da xuntanza no Ministerio, porque o seu Goberno non fora "convidado". No entanto, tal e como informou La Opinión de A Coruña, o deputado García Mira afirma que transmitiu o convite á Consellería de Industria, á que xa lle foi remitido o proxecto da Cidade das TIC. Na imaxe do encontro pódese observar unha cadeira baleira entre o reitor e a subdelegada do Goberno central na Coruña, Pilar López-Riobóo, que estaba reservada para o conselleiro de Industria, Francisco Conde. O propio reitor confírmao: a Xunta "estaba convidada, pero non asistiu".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.