Centos de manifestantes piden futuro para a Fábrica de Armas da Coruña

Cabeceira da manifestación pola Fábrica de Armas CC-BY-NC CIG

Centos de persoas, perto de 1.000 segundo a Policía Local, manifestáronse este sábado de novo polas rúas da Coruña en defensa dos postos de traballo da fábrica de armas de Santa Bárbara e contra o peche desta factoría da multinacional norteamericana General Dynamics.

Baixo a lema Polo futuro industrial e a defensa dous postos de traballo, a marcha partiu da praza da Palloza e transcorreu por diversas rúas até chegar á praza de Pontevedra. Logo da marcha, os máis de 170 operarios continuaron co peche que manteñen na planta.

"O prazo está a esgotarse", advirte o comité de empresa

O presidente do comité de empresa, Roberto Teijido,  reclama da Xunta e do Ministerio de Defensa "o mesmo trato" que se lle dá a outras plantas no Estado, que evitaron o peche. "O prazo está a esgotarse", asegura.


Así, Teijido fai fincapé en "a calma tensa" na que se atopan os traballadores que, tras a manifestación deste sábado, volveron ao peche no arsenal coruñés en defensa dos seus empregos, á vez que valorou o apoio de familiares e amigos nas súas protestas.

Reclaman a Feijóo que medie ante o Goberno central para evitar os despidos

Os traballadores esixen ao Goberno galego a mesma implicación que o doutros executivos autonómicos como o de Murcia ou Palencia, que conseguiron a venda das súas fábricas de armas para evitar o peche, polo que piden de forma directa que Feijóo medie ante Defensa.

Con esta nova manifestación, pretenden expresar o seu rexeitamento ás condicións do ERE, que estarán vixentes até o 12 de abril, e que a compañía General Dynamics ofrece para os 172 traballadores aos que se lles dá a posibilidade de acollerse a baixas voluntarias ou prexubilacións.

Unha vez cumprido o prazo se os traballadores non se acolle ás baixas voluntarias pasasen a ser forzosas e a empresa finalizará a súa actividade o 30 de abril, segundo explica o comité de empresa. Na marcha houbo representantes políticos autonómicos e locais do BNG, Esquerda Unida e o PSOE.

Cabeceira da manifestación pola Fábrica de Armas CC-BY-NC CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.