Tres documentos, tres plans para mellorar a Atención Primaria pero ningunha medida implantada ou decidida aínda. No último ano e medio, Feijóo proclamou a sanidade pública galega como a mellor do mundo e mesmo “a mellor da historia”, tal e como asegurou hai medio ano nun congreso de hospitais ou hai só unhas semanas no Parlamento. No medio das masivas protestas de persoal de Urxencias, dos PAC, de enfermería ou médico, o presidente da Xunta gabou o funcionamento do sistema ao tempo que presentaba medidas para mellorar a Atención Primaria, o lugar onde se concentran as demandas e as queixas. Varios e variados.
A Xunta presentou un documento de expertos mentres 200 profesionais traballan no Consello Técnico e tras a presentación do Plan Galego para a Atención Primaria
O último chegou o pasado 13 de novembro, cando a Consellería de Sanidade presentou un documento titulado Por unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde. Impulsado polos colexios médicos e algunhas sociedades científicas, o informe foi elaborado por 16 expertos liderados polo vasco Rafael Bengoa e o catalán Jordi Varela, con consultorías privadas noutros puntos do Estado.
O documento expón o diagnóstico sabido da saturación das axendas, a falta de tempo e remuda xeracional, a ausencia dun modelo propio, os problemas de organización ou a falta dun traballo máis multidisciplinar. Ao tempo, apela por dar máis competencia ás xefaturas dos centros de saúde, apostar por un modelo de saúde comunitario con máis implicación dos doentes, ampliacións dos grupos de traballo máis aló de médicos e enfermería, unha maior vertebración ou a elaboración de plans locais segundo as necesidades de cada zona, con maior atención á prescrición social, de servizos non sanitarios.
Malia no ser vinculante, tal e como recoñeceu o Sergas ás consultas de varios profesionais, o informe foi presentado oficialmente nun acto presidido polo conselleiro Jesús Vázquez Almuíña. Fíxose mentres, paralelamente, máis de 200 persoas dos diferentes estamentos da Atención Primaria seguen traballando, como desde hai sete meses, no Consello Técnico, a través de 15 comisións técnicas creadas logo de que sindicatos e comité de folga esixisen este novo modelo de negociación para suspender a folga convocada.
A presentación e difusión destas recomendacións de expertos non foi moi ben recibida por moitos dos profesionais que participan nas comisións técnicas, que admiten a importancia de calquera achega pero que non acaban de entender a actitude da Xunta. “Levamos vinte anos de diagnósticos, pero hai que facer o tratamento xa”, explica un dos profesionais que participa nas devanditas comisións, ás que acoden “sen remuneración e fóra do horario de traballo”.
A publicación do informe de expertos creou malestar entre moitos dos profesionais que participan desde hai medio ano nas comisións técnicas
Ademais, tanto a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) como SOS Sanidade Pública amosaron o seu malestar ao ter coñecemento dun documento do que non coñecían nin o nome dos seus impulsores e á marxe dos labores que se levan a cabo no Consello Técnico.
Porque aos traballos que se desenvolven nesas comisións técnicas e ao documento presentado polos expertos únese tamén o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, dotado con máis de 102 millóns de euros e que Feijóo presentou en plena campaña das eleccións municipais e europeas do pasado maio.
“Temos comisións, temos un plan e agora aparece un documento de expertos, pero nos centros de saúde hai moitos médicos que seguen a atender 40 pacientes diarios, os problemas nos PAC continúan, as enfermeiras seguen mobilizadas e a precaria de moitos profesionais non se detén”, insisten as mesmas fontes, cansas de proxectos que non dan ido á cerna do problema. “Precisamos investimentos; cartos e persoal”, resumen. Malia levar xa cinco anos á alza, o orzamento do Sergas para Atención Primaria segue 142 millóns por baixo do que dedicaba o goberno bipartito.
“Temos comisións, temos un plan e agora un documento de expertos, pero nos centros de saúde hai moitos médicos que seguen a atender 40 pacientes diarios"
Xa que logo, e ante a grave problemática pola que pasa a Atención Primaria en Galicia, a Xunta presenta tres propostas distintas: o Consello Técnico, o Plan Galego e este último documento de expertos. Ante esta situación, o BNG presentou xa unha iniciativa na que pide que se apliquen as cinco medidas fundamentais que levan meses defendendo e asociacións pola sanidade pública, entre as que se atopan a achega dun 25% do orzamento sanitario para este ámbito, unha estrutura de xestión propia, pazas suficientes para os centros de saúde, mellor ordenación dos recursos e a incorporación de novas categorías e equipos multidisciplinares.
O vindeiro 4 de decembro nunha nova xuntanza, e logo de que o Consello Técnico remate os traballos principais e achegue as súas demandas, as organizacións e profesionais que participan nel analizarán o documento que se comprometeu a presentar a Consellería de Sanidade. Será aí cando sindicatos, entidades e persoal consideren se o Sergas atendeu as súas demandas, apostou máis polas dos expertos consultados ou non fixo moito caso de ningunha. De non satisfacer as súas reivindicacións, advirten xa de futuras mobilizacións que poden ser “permanentes” no caso de non alcanzarse un consenso.
Profesionais e asociacións pola sanidade pública agardan ao documento que o Sergas lles presente o 4 de decembro para decidir se activan as mobilizacións
Antes, os días 27 e 28 de novembro, a Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) mantén a convocatoria dunha folga na Atención Primaria de Galicia á que instan a unirse a médicos de familia e pediatras. A AAS xustifica o paro no “gran malestar entre os profesionais sanitarios dos centros de saúde pola deterioración das condicións do traballo asistencial”, algo que relacionan coa “mala xestión, a carencia de recursos e a falta de decisión da actual Administración de poñer en práctica as recomendacións internacionais sobre o papel da Atención Primaria no sistema sanitario”.