O pasado martes, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu na Comisión de Economía do Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento de cara ao 2020. En pleno conflito sanitario, con protestas desde hai meses de diferentes colectivos, e coa negociación aberta cos profesionais, centrou o seu discurso no dedicado á Atención Primaria, área onde se acumulan mobilizacións continuas, denuncias de falta de medios e sobrecarga, dimisións de xefes de servizo e unha demanda común de maior achega económica.
Almuiña gabouse do aumento no orzamento sanitario e dos 1.300 millóns para a Atención Primaria, aínda 142 menos que nas últimas contas do bipartito
Vázquez Almuiña advertiu de que a Xunta destinará á sanidade máis de 4.100 millóns de euros (4.106,9) para o vindeiro ano, “a máis alta na historia da Consellería”, e que desa cantidade, o 32%, uns 1.300 millóns, serán para a Atención Primaria. Son, concretamente, 1.294,75 millóns de euros, un aumento do 3,7% con respecto ao dedicado no orzamento de 2019, pero aínda un 10% máis baixo que o dos niveis previos á crise, en 2009, último presuposto do goberno bipartito.
Xa que logo, máis dunha década despois, e coa inmensa maioría de profesionais reclamando melloras, o orzamento dedicado á Atención Primaria é aínda máis baixo que daquela, 142 millóns de euros menos. Redondeando, 1.295 millóns fronte aos 1.437 de 2009 malia os cinco últimos anos á alza.
O crecemento do gasto en Atención Primaria en 2020 respecto ao deste ano é duns 46 millóns, un incremento que non compensa o perdido na última década por mor dos recortes. En 2015, por exemplo, a diferenza cos cartos dedicados en 2009 era de case un 21% e case 300 millóns menos.
“De manter esta tendencia, tardariamos máis de quince anos en alcanzar o 25% do gasto sanitario total”, asegura a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que considera que a diferenza de 142 millóns menos nesta partida con respecto a 2009 “xa o di todo”.
O Sergas di que dedica o 32% do orzamento sanitario á Primaria; a AGDSP redúceo ao 13% ao incluírse nesas contas o gasto farmacéutico extrahospitalario
Pola contra, a Consellería presume de dedicar máis do 30% do orzamento á Atención Primaria, o que suporía cumprir con creces a demanda histórica de superar o 25% que chega de diferentes colectivos, dos profesionais que participan no Consello Técnico creado polo Sergas ou da Asemblea Galega de Áreas Sanitarias (AAS), formada por médicos de centros de saúde.
Desde a AGDSP reducen esa porcentaxe a “unicamente o 13,2%” e “contrariamente ao 32,2% que afirma o conselleiro”. Os motivos? Segundo advirten, a Consellería inclúe no cómputo global do dedicado á Atención Primaria o gasto farmacéutico extrahospitalario, “imputándolle á Primaria un diñeiro do que non se lucra”, como explica Manuel Martín, voceiro da asociación. “Son os trucos de sempre”, engaden outros profesionais da entidade, que advirten de que a suba da que presume Almuiña “dignifica moi pouco a situación de partida”.
“As mentiras da Consellería de Sanidade e do señor Feijóo son evidentes, ata cos seus propios datos”, engade a asociación de profesionais sanitarios, que cre que a achega económica á Atención Primaira “mostra o escaso valor que esta Administración outorga ao nivel máis importante para o sistema sanitario, que resolve máis do 80% dos problemas de saúde e que é o responsable da promoción e a prevención da saúde”.
Ademais, tal e como lembra Manuel Martín, as diferenzas no gasto de persoal “son aínda máis importantes e discriminatorias con respecto a Atención Primaria”. “O gasto sanitario hospitalario representa o 66,4% do gasto total e acapara o 71,6% no capítulo de persoal, fronte ao 28,4% do de Atención Primaria”, di sobre un “desequilibrio” que, considera, “explica a deterioración dos centros de saúde e o malestar de gran parte dos seus traballadores”.
Ante esta situación, a AGDSP cre que a “aposta por unha negociación para o cambio e mellora da Atención Primaria de boa parte das organizacións dos equipos de Atención Primaria e dos sindicatos de clase deberá ser correspondida por un cambio radical na actitude da administración sanitaria, que non se reflicte para nada na proposta recollida nestes Orzamentos”.
“A Atencion Primaria precisa profundos cambios organizativos e funcionais, un importante incremento de recursos", di a AGDSP
A entidade cre “necesario” que o Sergas “se comprometa en facer un grande esforzo” para, a través da negociación no Consello Técnico, traballar na ampliación do número de profesionais de persoal médico, de enfermaría, administrativo e sobre todo de novos profesionais (psicoloxía, fisioterapia, traballo social, logopedia ou farmacia clínica.
“A Atencion Primaria precisa profundos cambios organizativos e funcionais, un importante incremento de recursos humanos, materiais e orzamentarios, para facer fronte á masificación, aos atrasos na atención, á deterioración da calidade, así como resolver as demandas da poboación con criterios de racionalidade evitando máis medicalización e iatroxenia”.
“De non ser así”, advirte a AGDSP, “a resposta profesional, sindical e cidadá pode alcanzar cotas non vistas ata o de agora”. “A man segue tendida, pero ten que haber unha pronta resposta”, rematan.