A Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX) traballa dende o ano 1993 co obxectivo de dignificar a profesión e mellorar a calidade asistencial neste ámbito, de tanta importancia e de máxima actualidade estes días, ante o conflito xerado polo peche do paridoiro do Hospital de Verín. Entre as razóns aludidas pola Xunta para xustificar esta decisión estaban o baixo número de partos que se viñan atendendo nestas instalacións (ao redor de 60 ao ano) o que suporía a perda de experiencia e "pericia" dos profesionais de xinecoloxía e obstetricia e o conseguinte risco para nais e bebés.
A SGOX avoga "por unha rápida solución ao conflito, na que primen aspectos de seguridade e confort na asistencia obstétrica prestada á pacientes da área de Verín"
Ata agora a SGOX non se pronunciara publicamente sobre o asunto, en primeiro lugar porque a entidade de referencia dos profesionais da xinecoloxía e a obstetricia en Galicia non fora consultada polo Sergas antes de adoptar esta decisión. Porén, vén de facelo, saíndo en defensa dos tres xinecólogos que ata agora viñan atendendo os partos en Verín: "É labor da SGOX defender o labor dos especialistas no bo facer da súa profesión. Tras solicitar a adecuada información das partes, podemos afirmar que a decisión en ningún momento obedece a problemas de capacitación ou mal proceder do persoal facultativo e non facultativo. A sociedade desexa mostrar a estes profesionais o seu total respaldo".
A SGOX defende que "a decisión debe rexerse por criterios unicamente técnicos" e avoga "por unha rápida solución ao conflito, na que primen aspectos de seguridade e confort na asistencia obstétrica prestada á pacientes da área de Verín que en ningún caso debe verse menoscabada".
Casimiro Obispo é o presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía, que en conversa con Praza.gal, critica en primeiro lugar que en todo o seu proceso non se contara coa opinión da entidade, cualificando o sucedido de "irracional".
"A realidade é que neste momento non hai recursos humanos axeitados en Verín para atender os partos. Pero por que? Porque non hai pediatras e tampouco hai anestesistas"
Ademais, desbota algunhas das razóns esgrimidas polo Sergas para xustificar o peche do paridoiro, comezando pola aludida falta de "pericia" dos profesionais: "Á vista dos datos iso non é certo: os datos de Verín son bos", sinala. Igualmente, rexeita o argumento do reducido número de partos que se atenden alí, unha cifra de 600 ao ano que, lembra, non se acada na maior parte dos hospitais de Galicia. Se ese é o criterio, deberían pechar os servizos dos demais hospitais comarcais".
Obispo pon o foco, en cambio, na falta de profesionais que sofre o Hospital de Verín, xunto con outros centros de todo o país, nomeadamente no referido aos pediatras, pero tamén aos anestesistas. "A realidade é que neste momento non hai recursos humanos axeitados en Verín para atender os partos. Pero por que? Porque non hai pediatras e tampouco hai anestesistas. Pode haber problemas no momento do parto, e por iso é necesario que haxa pediatras. O problema é estrutural", sinala. "A min paréceme normal que se non se conta cos profesionais axeitados, un xinecólogo rexeite atender un parto nesas condicións. Pode estar en xogo a saúde da nai e do bebé", di.
Casimiro Obispo lembra que a falta de pediatras é unha situación que se vén arrastrando dende hai anos en todo o Estado. Por exemplo, na actualidade pouco máis de 300 pediatras traballan na Atención Primaria en Galicia, un número moi inferior aos 405 que había no ano 2004. Ademais, o actual corpo de profesionais ten unha media de idade moi elevada: o 40% teñen máis de 55 anos e o 25% superan os 60 anos; polo tanto, ao redor de 80 pediatras xubilaranse nos vindeiros 5 anos en Galicia. E as posibles solucións non chegarán de forma inmediata, pois parte do problema vén polo escaso número de profesionais da Pediatría que se foron formando na última década.
"Hai solucións intermedias que ata agora non se quixeron plantexar. Hai que buscalas"
"Hai poucos pediatras, e os que hai non queren vir para Galicia. E se veñen para Galicia non queren ir para Verín", explica Obispo, que subliña tamén a responsabilidade do Sergas: "Isto sucede porque o Sergas é a administración que peor trata aos médicos en toda España, e iso dificulta que queiran vir aquí. E os que poden, se non teñen ligazóns persoais con Galicia, prefiren traballar en Valencia ou Valladolid".
En canto ás posibles solucións para Verín, o presidente da SGOX recomenda "sentar, falar e explorar as distintas alternativas, que as hai. Hai solucións intermedias que ata agora non se quixeron plantexar. Hai que buscalas".