Na mañá deste luns, cidadanía de Verín e persoal do Hospital Comarcal iniciaron un peche nas instalacións do centro en protesta polo peche definitivo do paridoiro e do servizo de urxencias pediátricas. Ducias de persoas continuaron así coa denuncia que rebordou as rúas da localidade nunha manifestación histórica que implicou toda a comarca.
Desde este mes de decembro, as mulleres de calquera localidade da comarca de Monterrei terán que ir parir ao Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) nunha viaxe de arredor dunha hora de duración por estrada no mellor dos casos. O Sergas xustifica a decisión en “criterios técnicos” polo descenso no número de partos e a consecuente falta de “pericia” dos profesionais, indignados ante unhas acusacións que non só desmenten senón que aseguran que só son utilizadas para agochar a “verdadeira” razón do peche: “a falta de pediatras pola mala xestión de Sanidade e os recortes”.
Persoal e cidadanía pecháronse para esixir unha reunión co conselleiro Almuiña, que cedeu e accedeu a unha xuntanza a última hora deste luns
As máis dun cento de persoas pechadas advertiron de que manterían a protesta mentres non acudise ao centro a dar explicacións o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Tan só o xerente do hospital, Miguel Abad, apareceu nunha protesta na que se corearon consignas semellantes ás do pasado sábado na masiva mobilización: "Feijóo escoita, Verín está en loita" ou "as nais de Verín, que pairan aquí".
Desde a xerencia, animouse as persoas mobilizadas a que non interrompesen "o normal funcionamento do centro", mentres que axentes da Garda Civil foron despregados no exterior do hospital, onde os concentrados prevén pasar tamén a noite de non lograr reunirse co conselleiro.
Xa pola tarde, o conselleiro de Sanidade cedía ás protestas e accedía a reunirse con membros da xunta de persoal do hospital comarcal e da Plataforma para a Sanidade Púbica na delegación da Xunta en Ourense ás 20 horas. Xa o martes, os representantes dos profesionais e da veciñanza mobilizada darán conta do resultado da xuntanza nunha asemblea na que decidirán que seguintes pasos dar, pero mentres acordaron seguir co peche.
Co peche confirmado polo momento, as críticas á decisión do Sergas non rematan. A oposición continúa cargando contra a medida. Reclámanse dimisións, como a do xerente da área Félix Rubial, trasládase o caso á Valedora do Pobo ou pídense explicacións ao PP, que segue aludindo a "criterios médicos" e á "seguridade", os mesmos que rexeitan os colexios oficiais de Enfermería de Galicia. Así, nun comunicado, reclaman á Xunta que "rectifique a súa decisión" e "garanta os servizos e calidade asistencial sanitarios".
Todos os colexios de Enfermería de Galicia rexeitan a decisión da Xunta e advirten de que implica que os partos pasen a ser "de risco"
Os colexios de Enfermería entenden que "non é aceptable esgrimir como motivo do peche a seguridade do paciente" baseándose na recomendación da guía de Maternidade Hospitalaria, "e moito menos apoiar a decisión cun argumento tan zafio como a perda de experiencia dos profesionais polo descenso do número de partos".
Advirten de que "razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade", como no caso das distancias entre a comarca de Monterrei e Ourense, xustificarían manter o paridoiro e aseguran que levar a cabo partos de baixo risco previstos en Verín na capital provincial "implica que directamente ese embarazo pase a ser de risco" ao obrigar a nai a un traslado "no que poden xurdir problemas non previstos". En canto á "falta de pericia" dos profesionais á que aludiu Félix Rubial, xerente da área sanitaria, cualifican estas declracións de "insultantes e fóra de lugar cara a todo o persoal" que, lembran, é "altamente cualificado".
De feito, aseguran a capacidade profesional da matrona "non está unicamente vinculada ao número de partos atendidos" e que a calidade asistencial "non se mide só polo número de partos". Así, destacan que "tanto o ministerio de Sanidade como a OMS recomendan a asistencia one to one, unha práctica perfectamente factible no Hospital de Verín ao contar cun menor número de nacementos, factor non tido en conta neste caso que ademais do cociente 1:1 de matrona/muller conta co valor engadido da proximidade da poboación ao hospital que se traduce en calidade e seguridade asistencial".
Respecto da alusión a informes de sociedades científicas, a criterios médicos ou á "unanimidade profesional", os colexios de Enfermería aclaran que a única recomendación exposta literalmente polo Sergas "non aclara que sexa por criterios de seguridade", senón que é unha proposta incluída nun capítulo da guía citada sobre Organización e Xestión, máis propia da optimización de recursos que da calidade ou seguridade asistencial que si se recolle noutros capítulos da mesma publicación".
O Eixo Atlántico pide un acordo transfronteirizo con Chaves
O peche do paridoiro provocou reaccións de todo tipo, mesmo desde o Eixo Atlántico, que lembra que "desde 12 anos, exactamente os mesmos que leva Núñez Feijoó na presidencia da Xunta, vén propondo e reclamando un sistema sanitario transfronteirizo integrado polos hospitais de Chaves e Verín". Unha proposta, advirten desde a secretaría xeral, que xa comezara a ser analizada pola ex-conselleira de Sanidade Pilar Farjas e por autoridades portuguesas.
"Lamentablemente, nada se soubo, a pesar dos continuados esforzos da Eurocidade en defensa desta proposta", di o Eixo Atlántico, que asegura que a situación demográfica xa facía prever o acontecido. "De desenvolverse a nosa proposta e da Eurocidade, defendida encarnizadamente polo ex-rexedor popular de Verían, Juan Jiménez, hoxe teríase chegado a unha situación como a que existe entre as cidades de Elvas e Badajoz, que comparten servizos de paritorios e urxencias pediátricas".
O Eixo Atlántico pide que se retome a iniciativa para crear un sistema sanitario transfronteirizo entre Chaves e Verín e carga contra a Xunta pola súa inacción
"Esta lamentable situación constitúe unha mostra máis da inexistencia de acción exterior de Galicia, así como da inoperancia da Comunidade de Traballo, Galicia-Norte de Portugal que é o foro onde debería desenvolverse esta proposta", din desde o Eixo, que carga contra o Goberno galego por "prestar máis atención a unha autoestrada que nunca se construirá e que discorre por un Parque Natural de Portugal, que ao problema das mulleres embarazadas nunha zona en crise demográfica na que se supón que a Xunta quere impulsar os nacementos".
O Eixo Atlántico pide ao conselleiro de Sanidade que "paralice" a medida "ata que se peche un acordo co hospital de Chaves para impulsar unha unidade conxunta de partos e urxencias pediátricas con médicos portugueses e galegos".