Obras da Xunta sen rematar atrancan o inicio do curso en varios colexios galegos

Obras no CEIP Raíña Fabiola de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Case 200.000 rapaces de Primaria, Infantil e Educación Especial comezaron este mércores un novo curso en Galicia. Fixérono, na súa inmensa maioría, con normalidade, pero foron tamén centos os que se atoparon cos seus centros en obras e entre estadas, o que provocou atrancos e protestas de docentes e familias en varios colexios, nalgúns deles mesmo co boicot dos pais ao inicio das clases nesta semana. 

Centos de escolares atoparon os seus centros en obras ou non foron a clase neste inicio de curso por decisión das anpas en protesta pola situación dos colexios

Cervo, Foz, Santiago, Lugo, A Fonsagrada, Ferrol… Son moitos os lugares onde as protestas volveron agromar neste primeiro día de clase ao comprobarse que as obras continuaban activas cando a rapazada tiña que estar xa nas aulas. 

“Os obreiros recibiron a orde de non facer moito ruído e de deter os traballos no caso de que así llelo pedisen desde o centro”, relatan ás portas do CEIP Raíña Fabiola de Santiago, onde un cartel de obra que alerta da “rehabilitación integral” do centro recibiu o alumnado este mércores. Nel anúnciase o orzamento e o prazo de tres meses previsto para uns traballos que non remataron, manteñen parte do patio inutilizado e que provocaron as queixas dos pais. 

Na Mariña, a situación é aínda máis complexa. No CEIP de Cervo, as familias --que se manifestaron ás portas do centro apoiadas polo BNG-- decidiron non levar os cativos á escola polo momento ao atoparse cunhas obras de rehabilitación que comezaron a mediados de xullo e que aínda non están rematadas, provocando suciedade, atrancos e falta de equipamento, como se pode comprobar no vídeo difundido. 

A anpa do centro esixiu alternativas pero a Consellería de Educación non ofreceu unha solución e mantén que as aulas están "listas", polo que o alumnado terá que esperar para iniciar o curso. No centro, filtracións de augas, caixas sen baleirar ou ferramentas aínda polo chan foi o que atoparon os docentes, segundo denuncian as familias.

Nais e pais manifestáronse no CEIP de Cervo, onde a anpa decidiu non enviar os rapaces a clase polo momento; no CEIP nº 1 de Foz, asistiron menos da metade

No CEIP número 1 de Foz, pola súa banda, só estaba dispoñible un dos dous edificios do centro e menos da metade dos alumnos asistiron a clase. A maioría das familias decidiron agardar ao vindeiro luns para enviar os cativos á clase, data na que a Xunta tiña previsto habilitar o inmoble que falta. 

O centro en Foz non dispón de parte das instalacións, nin do patio de Infantil nin do pavillón, tal e como denuncia tamén o PSdeG da provincia de Lugo. As obras, como en Cervo, foron licitadas en maio e iniciadas na a mediados de xullo cun prazo de execución de tres meses.  

Desde a Xunta aclárase que de entre todas as obras levadas a cabo en centos de centros escolares de Galicia, pode que algunhas tivesen atraso, pero sempre “afectando a parte exterior e nunca ao interior dos centros”. As imaxes que chegan de Cervo contradín esta previsión, ao igual que as que familias facilitaron do CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol, con sucidade e moito por recoller a só unhas horas de comezar o curso. A anpa, en asemblea, decidiu tamén non levar a rapazada ao colexio ata o vindeiro luns. 

A familias tamén decidiron adiar o inicio do curso no CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol; o Concello amósase "moi sorprendido" polo estado do centro

O alcalde ferrolán, Ángel Mato, e o concelleiro de Educación, Antonio Golpe, visitaron o colexio e reuníronse coa dirección e con pais de alumnos, e puideron “comprobar de primeira man” as incidencias denunciadas. Así, amosáronse “moi sorprendidos” de que as obras “non incluísen a limpeza posterior malia tratarse dunha actuación que xera grandes cantidades de po e outros residuos, e de que non se adoptasen medidas para protexer o mobiliario e o material que hai no interior das aulas”, polo que o Concello xa se puxo en contacto con Educación. 

“Estamos encantados con que se fagan as obras porque eran moi necesarias, pero tiña que haber máis previsión”, din desde a anpa do centro ferrolán, no que o po acumulado chegou a provocar, segundo denuncia, problemas en xente con asma ou afeccións nos ollos. Mentres os técnicos da Xunta consideraban viable e seguro o inicio do curso, a anpa pensou que non. Neste primeiro día, tan só unha ducia de alumnos dos máis de 400 do colexio acudiron a clase.

Obras no CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol, o pasado martes © ANPA Cruceiro de Canido

A situación é semellante no CEIP Casás da cidade de Lugo. Tras comprobar os atrancos que provocaban as obras, cun só baño ou aulas sen rematar, e malia a visita da conselleira de Educación, Carmen Pomar, a anpa emitiu un extenso comunicado no que solicita que o alumnado non acuda ao centro durante, polo menos, esta semana. 

Ademais, no CEIP Santa María da Fonsagrada as clases non puideron comezar este mércores e Educación decidiu trasladar o alumando ao IES Fontem Albei ante a indignación das familias e do rexedor, Carlos López, que cargou contra a Xunta pola súa “improvisación” e denunciou que non tivese en conta as demandas dos pais. 

As anpas de Lugo denuncian a "desinformación" e "falta de previsión" da Xunta, o que provoca unha "caótica situación"

Desde a Federación Provincial de Anpas de Lugo (Fapacel) destácase o "disgusto" das familias porque "en ningún momento se lles ofreceu alternativa ou solución" ante unhas "instalacións inadecuadas en canto a seguridade e hixiene". Ademais, censuran a "desinformación" desde a Consellería e destacan a "falta de previsión" dunhas obras para as que tiveron "dous meses" antes de agardar a que chegase esta "caótica situación"

Na cidade da Coruña, por exemplo, catro centros comezan coas obras aínda en execución. Nun deles, o María Mariño, de Educación Especial, licitouse o pasado mes de agosto unha obra para incorporar comida e cociña propios. O proxecto apurouse logo de que un programa de televisión amosase as condicións da comida que se servía e do propio centro. 

En Chapela si remataron a tempo as obras para o traslado dun colexio afectado pola ampliación da AP-9, pero dez meses despois de que Audasa subise as peaxes

Onde si se acabaron a tempo as obras foi no traslado dun colexio de Chapela, no límite de Redondela con Vigo, ao verse afectado pola ampliación de carrís executada para a ampliación da AP-9 ao seu paso pola cidade olívica e arredores. Audasa asumira a obra que continuou a Consellería de Educación, rematada a tempo para que o novo CEIP Igrexa acollese este mércores o alumnado. 

Deste xeito, a obra si rematou para o comezo do curso escolar, pero está finalizada dez meses máis tarde de que Audasa aplicase a suba da peaxe derivada desta ampliación.

Protesta de nais e pais no CEIP de Cervo © BNG Cervo

Malia a sitaución creada, o pasado martes a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, aseguraba que o inicio das clases "non se atrasaría" en ningún centro educativo. “Quero transmitir tranquilidade ás familias e tamén aos equipos docentes e directivos, porque todo está preparado para que comecen as clases e, na medida do posible, convivan cos últimos remates, porque se van a realizar fóra do horario lectivo“, dixo a conselleira, de modo que “non van interferir para nada” na actividade escolar e “as aulas van estar preparadas para que entren os pequenos”.

A conselleira de Educación aseguraba o martes que o inicio das clases non se ía atrasar en ningún centro

Pomar asegurou que “non hai ningún centro en Galicia no que se vaia a atrasar o inicio das clases por mor das obras. Agardo que dentro de quince ou vinte días todos os centros estean en perfectas condicións“, dixo tras recoñecer algún atraso no medio cento de colexios no que se levaron a cabo obras durante o verán. 

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, durante unha visita a unhas obras nun centro escolar © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.