O curso comeza en Infantil con case 5.000 alumnos e cen escolas menos que hai dez anos

Núñez Feijóo, durante unha visita a unha escola infantil © Xunta

Case 200.000 rapaces de Primaria, Infantil e Educación Especial comezarán este mércores 11 un novo curso en Galicia. Serán 196.900 nenas e nenos, un chisco menos (-0,5%) que no curso pasado, segundo os datos provisionais dos que dispón a Consellería de Educación.

Galicia inicia o curso en Infantil con 4.828 alumnos menos que hai unha década e con 111 escolas, 94 menos que en 2009

Os datos de matriculación nas escolas galegas serven tamén como fiel reflexo da crise demográfica e do despoboamento que sofre o país. Así, en Educación Infantil (de 3 a 6 anos) comezarán o curso un total de 59.519 pequenos, practicamente os mesmos que no curso pasado pero case 5.000 menos que hai unha década. Naquel 2009, houbo 4.828 alumnos máis matriculados en Infantil que hoxe en día. 

Os datos son tamén claros en canto aos centros. En Galicia, hai unha década, había abertos para o inicio do curso 2009-10 205 centros de Educación Infantil fronte aos 111 da actualidade: 94 menos. En canto aos colexios que xuntan o ensino Infantil e o de Primaria, a diferenza con respecto a hai dez anos é de 39 espazos menos: 678 en 2009 fronte aos 639 de agora. En total, 133 menos. 

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Educación, case o 70% do alumnado de Infantil está matriculado en centros públicos, fronte a algo máis do 30% en centros privados, ben sexan concertados (o 28,2%) ou non concertados (2,2%). A proporción é practicamente idéntica á da Educación Primaria. 

Precisamente, neste nivel educativo, o número de alumnos matriculados este ano en Galicia (136.161) supón un lixeiro descenso con respecto ao ano pasado (-0,8%) pero o número é superior en case 10.000 alumnos aos de hai unha década. Porque é entre os máis cativos, os que inician a escola, onde o problema reflicte claramente a crise demográfica. 

Galicia é o territorio do Estado no que máis diminúen os nacementos, que acadaron un mínimo histórico en 2018, con 16.550, 2.000 menos que en 2017. Empeora, xa que logo, o saldo vexetativo, un indicador negativo dende o ano 1987 que se sitúa xa en -15.854. O ano pasado houbo case dúas mortes por cada nacemento. 

Galicia perde seis novas escolas unitarias para este curso e quedou sen máis de 200 na última década

As consecuencias son obvias, más aínda no rural. O pasado mes de xullo, como cada ano desde hai moitos, Galicia volveu perder escolas unitarias. O criterio da Consellería de Educación segundo o cal, en aras da "xestión eficiente dos recursos", ningún centro escolar que non logre un mínimo de seis matrículas pode seguir aberto, provoca que neste curso 2019-20 non volverán abrir media ducia de escolas unitarias. 

O municipio máis afectado polos peches é desta volta Carnota, que perde dun golpe as escolas unitarias de Portocubelo e do Viso por quedaren en 4 e 5 matrículas, respectivamente, segundo informa Consellería de Educación. En Mugardos pecha a unitaria do Seixo, á que lle faltou unha matrícula para chegar ás 6, o mesmo que á de Zamáns, en Vigo. En Cuntis bota o ferrollo a unitaria de Arcos de Furcos e ademais, Sada despídese definitivamente da escola unitaria de Carnoedo.

Os peches de escolas unitarias seguen a dinámica habitual dos últimos anos, nos que o criterio de non manter aberto ningún destes centros rurais que non teña un mínimo de seis matrículas se mantivo, retroalimentándose coa profunda crise demográfica. En apenas unha década as unitarias pechadas xa foron máis de 200.

En canto ao profesorado, e "a falta de que se realicen as pertinentes contratacións de interinos e substitutos para cubrir as necesidades puntuais que se presenten a inicio de curso", como indica a Xunta, o conxunto do sistema educativo galego público contará con 30.101 docentes. Son 48 menos que a esta mesma altura do ano pasado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.