Peches en centros e mobilización ante a Xunta na primeira xornada de folga do profesorado

Mobilización de profesorado ante a sede da Xunta, en San Caetano CC-BY-NC-ND CIG

Centos de docentes mobilizáronse este martes en Santiago rodeando a sede da Xunta reclamándolle "un xiro" nas súas políticas educativas. No marco da folga de profesorado deste martes e de mañá mércores, profesores e profesoras levaron cabazas a San Caetano para simbolizar o "suspenso" da Xunta en materia educativa e amosar o seu "fastío"

Centos de docentes rodearon a sede da Xunta, á que reclaman "un xiro" nas súas políticas educativas

"O ensino non se vende, deféndese" ou "ensino público e de calidade" foron algunhas das proclamas nunha marcha que deu inicio a dúas xornadas de mobilización que, xa á tarde, continuaron con peches en seis centros educativos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Moaña para "visibilizar o conflito laboral e social protagonizado polo persoal docente galego". 

A folga do profesorado en Galicia, convocada por CIG-Ensino xunto ao STEG e co apoio da CUT, pretende "recuperar dereitos" e abrir unha negociación para "melloras laborais reais". Os sindicatos rexeitaron facilitar datos de participación para "non entrar no xogo de Educación de bailar cos números", segundo fontes da central nacionalista, que si advertiu dunha mobilización "amplamente apoiada" e con, como mínimo, "a mesma intensidade" que a do pasado 25 de setembro. Desde a Xunta, pola mañá, cifrábase o seguimento en menos do 15%. 

Mobilización de profesorado ante a sede da Xunta, en San Caetano CC-BY-NC-ND CIG

O sindicato maioritario no ensino chamou a secundar un paro de dous días ante o que consideran "inmobilismo" da Consellería de Educación, que poucas horas antes de que se iniciasen as mobilizacións anunciou que a Xunta prevé convocar unhas 1.500 prazas de docentes no vindeiro ano

Román Rodríguez anuncia a convocatoria dunhas 1.500 prazas de profesorado no vindeiro ano e presume dun cadro de persoal "estable e con récord"

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, anunciou en comisión no Parlamento a convocatoria prevista desta nova oferta de emprego público, cuxa cifra exacta se determinará así que se coñeza o número definitivo de xubilacións. Con todo, asegurou que "se cubrirán de novo o 120 das prazas autorizadas polo Goberno do Estado". 

Fronte ás críticas dos sindicatos convocantes da folga, que advirten da falta de recursos e profesorado, da baixada "moi lenta" das ratios prometida e pactada con outras centrais ou da escaseza de recursos para a atención á diversidade, Rodríguez gabouse dun cadro de persoal docente "estable e con récord malia o contexto de diminución do alumnado"

Os sindicatos convocantes destacaron o "importante seguimento do profesorado", á espera de contrastar os datos de participación a partir do xoves

Tamén celebrou a "baixada progresiva de ratios" ou o incremento en case 44 millóns de euros do orzamento da Consellería de Educación, entre críticas da oposición, que o acusou de "mentir máis que fala" e de non facer "autocrítica". 

Foi só horas antes de que comezase unha folga —que rexeitan CCOO, UGT e ANPE— que veu acompañada desa cadea humana arredor da sede da Xunta en San Caetano, e que traerá manifestacións mañá mércores nas catro capitais de provincia. 

Peche de docentes no CEIP Alborada da Coruña CC-BY-NC-ND STEG

CIG-Ensino e STEG destacaron o "importante seguimento de profesorado", á espera de que se contrasten os datos de participación a partir do vindeiro xoves. "O persoal docente volveu  responder masivamente á chamada de 'virar San Caetano', unha acción consistente en rodear o edificio administrativo da Xunta e que ante a afluencia de persoas tivo que ver modificado o percorrido previsto", destacan. 

Pola tarde, varias ducias de docentes pecháronse no CEIP Alborada da Coruña, no IES Lucus Augusti de Lugo, no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso de Ourense, no IES Valle Inclán de Pontevedra, no IES de Canide en Ferrol e no CEIP Reibón de Moaña. "Recuperar e avanzar en dereitos. Ensino público galego con futuro", rezaban as pancartas que acompañaban algúns destes peches. 

Os paros de martes e mércores atinxen a todo o ensino medio desde Infantil até Bacharelato, ademais de FP e ensinanzas de réxime especial. E á folga está convocados máis de 30.000 docentes, con incidencia en máis de 374.000 estudantes, preto de 400.000 incluíndo as ensinanzas especiais. 

Un cento de equipos directivos apoia a folga "como un acto de dignidade e compromiso co alumnado, as familias e a sociedade galega"

Ao apoio á folga de CIG-Ensino e STEG dado pola CUT uniuse tamén Anpas Galegas ou o sindicato estudantil Erguer, así como perto dun cento de equipos directivos de diferentes centros de Galicia. Nun comunicado, defenden a educación pública como "un dos piares fundamentais da nosa sociedade" e advirten de que "precisa recursos, estabilidade e recoñecemento para garantir un servizo digno e de calidade". Ademais, din ser coñecedores "de primeira man" da "crecente sobrecarga administrativa, a falta de medios humanos e materiais, e a precarización das condicións de traballo do profesorado e do persoal non docente".

Máscaras de cabazas na mobilización do profesorado en San Caetano CC-BY-NC-ND CIG

"Esta situación repercute directamente na atención ao alumnado, na innovación pedagóxica e na equidade educativa, valores que deben ser irrenunciables nun sistema público", din, para asegurar que a folga non é corporativa porque "a defensa da educación pública non é unha opción: é unha responsabilidade colectiva". "Apoiamos esta folga como un acto de dignidade e compromiso co noso alumnado, coas familias e coa sociedade galega", aseguran. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.