Indignación docente ao ampliar a Xunta a súa ofensiva contra as baixas ao profesorado

O conselleiro Román Rodríguez e o presidente Alfonso Rueda, tras un Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A ofensiva da Xunta contra as baixas laborais, desta vez as do profesorado do ensino público, ergueu aínda máis a indignación no sector. Logo da estratexia contra o chamado absentismo por parte do Goberno galego desde hai meses, que implicou diferentes medidas que abrangueron a Inspección sanitaria ou ao propio Sergas, agora o foco vira cara aos centros educativos. 

O conselleiro liga a falta de docentes que denuncia CIG-Ensino ás baixas e pide "avalialas"; Rueda apoia controlalas porque a cifra é "preocupante"

CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino, ou CCOO denunciaron o "falso debate" sobre o absentismo laboral e lamentaron que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, intente "poñer baixo sospeita o persoal educativo en situación de incapacidade temporal".

O sindicato nacionalista acusou o conselleiro de "vender" doutra volta "cifras falsas de incremento de profesorado" este curso logo de que este, nunha entrevista na Cadena SER, ligara a falta de docentes que denuncia a CIG ás baixas. "As vacantes danse cando hai baixas; utilizar o dato destas como intentando dicir que non hai profesionais cae polo seu propio peso", dixo, tras cifrar en 1.400 as incapacidades temporais do 1 ao 15 de setembro e en 3.000 a media delas diaria no sistema educativo galego. Ante iso, avogou —como fixera a Xunta a nivel global— en "avaliar" as ausencias "daquelas persoas que a mellor non están en condicións" de non traballar. 

Laura Arroxo, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

A secretaria nacional de CIG-Ensino, Laura Arroxo, lembrou que o profesorado, como calquera outro sector, acode "enfermo en múltiples ocasións ao seu posto de traballo" e aclarou que o incremento das baixas sitúanse nun contexto de "precariedade da sanidade pública, as malas condicións laborais, os novos desafíos nas aulas e o incremento da idade de xubilación, entre outras causas”.

CIG-Ensino critica que a Xunta "criminalice" o profesorado e que "semente dúbida de fraude tamén entre os médicos"

"As declaracións de Román Rodríguez parécennos gravísimas”, insistiu Arroxo, criticando que o conselleiro cree dúbidas sobre posibles fraudes nas incapacidades temporais. “As incapacidades temporais determínaas un facultativo sanitario polo que se está sementando a dúbida de fraude tamén entre este colectivo", engadiu. 

Desde CCOO, pola súa banda, lembran que unha incapacidade temporal deriva dunha decisión médica e está sometida aos mecanismos legais de seguimento e control. "Non hai discusión: as baixas prescríbeas persoal facultativo", sinala a secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO, Noelia Sánchez Vaamonde, que encadra as declaracións do conselleiro na "estratexia xeral da Xunta de Galicia de estigmatizar as persoas traballadoras".

Ademais, avogou tamén por "analizar por que se dan esas baixas e que pasa no sistema de saúde para que duren o que duran", ademais de poñer o foco nas "condicións" en que desenvolve o seu traballo o persoal educativo, "incluídas a carga de traballo, as ratios, a atención á diversidade e as situacións de sobrecarga profesional".

CCOO-Ensino sitúa as declaracións do conselleiro na "estratexia xeral da Xunta de estigmatizar as persoas traballadoras"

"Hai unha intencionalidade clara de criminalizar o profesorado con estas afirmacións", insisten desde CIG-Ensino, que anunciou que se mobilizará este mércores ás 16:30 horas no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, onde ten previsto comparecer o conselleiro no Consello Escolar de Galicia. 

Noelia Sánchez, no centro da imaxe, en rolda de prensa CC-BY-SA CCOO Ensino

O caso é que as polémicas palabras de Román Rodríguez foron apoiadas este luns polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cre "preocupante" o "importante" numero de baixas médicas do profesorado no comezo de curso. Ademais, advertiu de que o plan contra o absentismo impulsado pola Xunta —que só conta co apoio sindical de UGT tras baixarse CCOO e non participar del a CIG— actuará "en todos os ámbitos onde sexa necesario". 

BNG e PSdeG critican que a Xunta anuncie o control das baixas en lugar de dotar os docentes dos medios necesarios ou devolverlles os dereitos laborais perdidos

Pola súa banda, desde o BNG, defenden o profesorado da "persecución" dun PP que "precariza o seu traballo e os ve como´'vagos e maleantes. A portavoz de Educación do Bloque no Parlamento, Cristina Fernández, criticou o anuncio dun plan de control de baixas en lugar de dotar os docentes "dos medios necesarios para realizar as súas tarefas debidamente e obviando, ademais, que en moitos casos as ausencias por enfermidade están relacionadas co estrés laboral ou pola situación da sanidade pública".  

“A súa incoherencia e desnorte é tal que din que van dotar de autoridade ao profesorado mentres tratan as e os docentes de vagos e maleantes, precarizando a súa contratación e perseguindo as súas baixas por enfermidade en lugar de dotalos dos medios necesarios para realizar a súas tarefas debidamente”, denunciou durante o debate de totalidade do proxecto de lei de educación dixital de Galicia. 

Polo PSdeG, o voceiro de educación na Cámara, Aitor Bouza, denunciou a “criminalización absoluta” do persoal docente por parte da Xunta. “Ese é o modelo que estivemos vendo estes días”, dixo en referencia ás declaracións do conselleiro sobre as baixas laborais. “Por que non propón un plan para recuperar todos os dereitos laborais perdidos que vostedes roubaron ao profesorado desde que chegaron ao Goberno?”, propuxo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.