A Xunta pacta coa patronal e cun só sindicato o plan para controlar as baixas

José Manuel Vieites, José González e Cristóbal Medeiros, tras a sinatura do acordo CC-BY-SA Xunta

Xunta e patronal asinaron este venres con UGT un acordo para o control das baixas laborais. O polémico plan impulsado polo Goberno galego, no medio dunha campaña do Executivo e da patronal que pon no albo o "absentismo" laboral, dá así o seu primeiro paso coa sinatura por parte do único sindicato que quedaba na mesa de negociación —tras a negativa xa de primeiras da CIG e a retirada en maio de CCCO— e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). 

A Xunta aproba o plan coa apoio da patronal e de UGT, logo de que a CIG rexeitase integrarse no diálogo social e tras a marcha de CCOO da mesa de negociación

A Xunta presume do pacto para o denominado Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, que di ser "resultado do proceso de traballo desenvolvido nas últimas semanas no marco do Diálogo Social". Un proxecto que se desenvolverá dende o 2026 ata o 2030, aberto a unha ampliación, e conta cun orzamento mínimo de 18 millóns de euros, destinado á prevención e benestar laboral. Ademais, as medidas sanitarias prevese que sexan financiadas dentro dos plans do Sergas.

O conselleiro de Emprego, José González, asegurou tras a sinatura que o obxectivo deste plan é "reducir as ausencias ao traballo evitables e mellorar a saúde das persoas traballadoras, respectando os seus dereitos lexítimos". A medida estruturarase arredor de tres grandes eixes resumidos pola Xunta: reforzar a prevención e o benestar laboral; mellorar a atención e os procesos de xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns; e promover a corresponsabilidade e o uso responsable do sistema de protección.

Representantes da Xunta, da patronal e da UGT na reunión previa ao acordo para o plan para o control das baixas CC-BY-SA UGT Galicia

Desde UGT saúda un "preacordo" que, din, "céntrase na protección da saúde e o benestar laboral". O sindicato, ademais, asegura que conseguiron durante a negociación "cambiar o enfoque" que tiñan Xunta e patronal ao "pasarse do control ao coidado". 

UGT celebra o acordo por "centrarse na protección da saúde laboral e no benestar laboral" e di ter "cambiado o enfoque": "Pasouse co control ao coidado"

O secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, logo da sinatura do acordo, advertiu de que "o punto do que se partía nesta negociación, o control do absentismo, era incorrecto e inxusto". "O gran logro do noso traballo desenvolvido nestes últimos meses foi cambiar o enfoque, o rumbo desta negociación, pasando do control ao coidado, e centrar o documento e, polo tanto, os eixes de actuación na protección da saúde e o benestar laboral", insistiu. 

UGT asegura que traballou "sempre coa premisa de que as persoas traballadoras que enferman non poden estar baixo sospeita" porque "as persoas traballadoras non son o problema".

"O problema está na sinistralidade laboral, na falta de prevención, nos riscos psicosociais, nos problemas de saúde mental, nos trastornos musculoesqueléticos, nas demoras sanitarias e nas dificultades que moitas persoas atopan para recibir atención e recuperarse adecuadamente", di UGT, que cre que conseguiu que o plan "evolucionase cara á prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo".  

"Mecanismo de acompañamento"

Por parte da Xunta, o conselleiro de Emprego destaca que principal novidade é a aposta por "converter" Galicia na na primeira comunidade autónoma en "impulsar un mecanismo de acompañamento á reincorporación das persoas traballadoras tras unha baixa laboral, con medidas que contribúan a evitar recaídas".

Tamén destacou a mellora da prevención e do benestar laboral mediante a aprobación e o despregamento da Estratexia de Benestar Laboral, xa en elaboración, así como co reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), para intensificar o seu labor. 

A Xunta di que "nunca" puxo en dúbida o dereito á saúde das persoas traballadoras, nin a protección sanitaria e económica durante a baixa nin o criterio clínico dos profesionais do Sergas

Ademais, promoverase o acompañamento e apoio para a "adopción voluntaria por parte das empresas de medidas de prevención e benestar laboral que vaian máis alá das obrigas legais, favorecendo contornas de traballo máis saudables e mellor clima laboral".

As actuacións, aclara a Xunta, compleméntanse con medidas no ámbito sanitario dirixidas a optimizar a xestión das incapacidades temporais, reducindo cargas administrativas e mellorando os procesos asistenciais, "sempre baixo o criterio clínico dos profesionais sanitarios". O conselleiro incidiu en que a Xunta "nunca" puxo en dúbida o dereito á saúde das persoas traballadoras nin a protección sanitaria e económica durante unha baixa laboral nin o devandito criterio clínico dos profesionais do Sergas. 

No que ten que ver co uso responsable do sistema de protección, di o Executivo galego, tamén se incide en "facer fronte a posibles casos, que son minoritarios, de abuso da prestación". No plan, cuxo seguinte paso será a tramitación administrativa coas medidas concretas e a dotación orzamentaria para a súa aprobación polo Consello da Xunta, prevé solicitar ao Goberno central melloras en cuestións da súa competencia exclusiva, como a xestión das baixas laborais de máis de 365 días, "unha problemática con especial incidencia en Galicia".

A CIG di que o acordo "confirma a criminalización das baixas e reforza o papel das mutuas" e CCOO critica que "partise dunha análise que culpabiliza a clase traballadora"

A sinatura tivo lugar durante a reunión mantida esta mañá polo conselleiro de Emprego e mais pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, co secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e co presidente da CEG, José Manuel Vieites. 

Críticas de CIG e CCOO

A sinatura do preacordo provocou as reaccións case inmediatas de CIG e CCOO. A central nacionalista denuncia que o pacto "confirma a criminalización das baixas médicas e reforza o papel das mutuas". O seu secretario xeral, Paulo Carril, advirte que mantén intacto "a actual deterioración da sanidade pública e o protocolo" recorrido pola sindicato no TSXG, "sen resolver as causas reais do incremento das incapacidades temporais". 

Pola súa banda, Comisións Obreiras critica "que o Diálogo Social sobre as baixas partise dunha análise que culpabiliza a clase traballadora". "A solución ao incremento das baixas médicas debe contar cunha maioría da representación sindical, condición que non se dá no anuncio realizado pola Xunta, a CEG e UGT", asegura o sindicato. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.