Dende o comezo das lexislaturas galega e estatal a Confederación de Empresarios de Galicia vén esixindo recortes nas baixas laborais, que engloba na categoría de "absentismo", mentres a Xunta incrementa as medidas para diminuílas
Finais de xullo de 2023. Como é habitual tras cada cita electoral, unha vez pasadas as eleccións xerais que -contra moitos prognósticos- acabaron permitindo a Pedro Sánchez armar unha nova maioría de investidura, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) emitiu un comunicado con diversos desexos, reclamacións e recomendacións dirixidas ao seguinte Goberno de España. Entre elas destacaba un clásico da patronal galega: esixir reducir as baixas laborais, tanto en custo económico como en duración, e reclamar máis poder para as mutuas.
En febreiro de 2024 celebráronse eleccións en Galicia, as da quinta maioría absoluta consecutiva do PP, e a CEG evidenciou por varias vías a mesma reclamación, que elevou á categoría de "gravísimo problema" incluíndo as baixas por enfermidade nun marco xeral de "absentismo". Case ao mesmo tempo, a Xunta principiaba unha serie de anuncios que puxeron no albo o persoal de baixa. Medidas concretas que levan máis dun ano en marcha e que están envolvidas na mesma retórica coa que o ex-presidente Feijóo envolve as súas promesas ao respecto, englobando tamén as baixas nun "absentismo" que descualifica como "cancro".
Foi naquel 2024 cando a Consellería de Sanidade lanzou un plan específico para revisar a situación de persoal de baixa. O resultado, explicaran meses despois, fora a revogación de 13.400 incapacidades temporais "non xustificadas" que, segundo o titular do departamento, Antonio Gómez Camaaño, era posible atribuír a descoñecemento do persoal médico e a lentitude das probas no propio Sergas, evitando así aludir a fraudes. Pero a ofensiva política foi máis alá, ata o punto de que a marcaxe ao persoal de baixa virou nun dos anuncios estrela do presidente, Alfonso Rueda, no debate de política xeral celebrado o pasado abril.
Máis control e incentivos ao persoal médico que decide as baixas
A marcaxe ao persoal en incapacidade temporal virou en anuncio estrela do presidente Rueda no debate de política xeral, a partir do que lanzou accións concretas como visitas da inspección a persoal médico para acurtar baixas
As medidas avanzadas por Rueda, co foco no "control das baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquiatría menor, que son as máis frecuentes", traducíronse de inmediato en varias accións. Entre elas, o envío de persoal da Inspección de Servizos Sanitarios a centros de saúde para "entrevistarse" con persoal médico de familia, "trasladar novidades lexislativa na materia" ou "conceptos normativos específicos do absentismo" . Pero tamén para promover altas cun "traballo especial de apoio" do que resultara a fin de 730 baixas dun total de 3.521 revisadas.
A mediados de maio, cando a Xunta divulgou estas cifras, 110 médicas e médicos xa recibiran a visita dun corpo inspector que, simultaneamente, o Goberno galego aprobou ampliar. Concretamente, con 18 persoas máis dedicadas especificamente a controlar baixas cun custo estimado dun millón de euros anual durante un trienio.
Ademais das "entrevistas" da inspección, o persoal médico de familia recibiu tamén instrucións e ofrecementos de incentivos salariais. Como informou Praza.gal, ao desenvolver os os Acordos de Xestión (AdX) deste 2026 -fórmula que o Sergas emprega para marcar diferentes obxectivos internos- as áreas sanitarias ligaron o cobramento do 10% do complemento de produtividade variable (CPV) de médicas e médicos de familia (un plus salarial duns 2.500 euros anuais) a que as incapacidades temporais da poboación que atenden non se "desvíen" do "estándar" ou a que respondan un mínimo do 80% das altas propostas pola inspección.
Sanidade ligou ao remate das baixas o cobramento dun plus salarial do persoal médico de familia e aprobou o novo plan que incrementa o poder das mutuas
A actual oposición parlamentaria (BNG e PSdeG), pero tamén os catro colexios médicos esixiron á Xunta desligar incentivos laborais -alén do salario, implican tamén avances na carreira profesional- da duración das baixas dos pacientes. Tamén chegaron protestas dos principais sindicatos, que xa nas súas mobilizacións do Primeiro de Maio deran lugar preferente ao rexeitamento dos plans do gabinete de Rueda para o persoal de baixa laboral.
Pero a Xunta non freou. A finais de maio o Diario Oficial de Galicia facía oficial outra das promesas de Rueda: un novo protocolo para a xestión e seguimento das baixas "máis áxil e resolutivo". Entre as novidades, máis poder para as mutuas, como reclamara a patronal. Así, segundo a nova norma, se a proposta de alta da mutua está "debidamente motivada", a Inspección acordará a reincorporación sen que o silencio médico poida interpretarse como a continuidade da baixa.
O propio persoal da inspección sanitaria advertiu riscos no novo modelo. Mesmo compartindo a necesidade de "diminuír baixas evitables ou excesivamente prolongadas" e de "revisar e homoxeneizar" os procesos de incapacidade temporal, a Asociación de Inspección Sanitaria de Galicia advertiu da necesidade de que as altas sigan "condicionadas só ao recoñecemento médico do traballador polo correspondente facultativo do servizo público de saúde". Cumpría, advertían, "salvagardar" a relación médico-paciente e "antepor a valoración clínica presencial nas propostas de alta".
Ruptura sindical e cuestionamento político
Os catro colexios médicos e a asociación que agrupa o persoal da inspección advirten dos riscos das medidas da Xunta para as baixas, que motivaron tamén protestas sindicais e dos grupos da actual oposición. Pontón insta a Rueda a aclarar se "ten instrucións para converter Galiza no banco de probas dos recortes das baixas"
Con todo este pano de fondo en Galicia chegaron as últimas críticas e promesas de Feijóo, matizadas despois polo propio PP ante o balbordo xerado, pero aplaudidas pola patronal CEOE. A organización empresarial estatal xa evidenciara o pasado xuño, como a propia CEG, estar en plena sintonía coas medidas da Xunta. Tamén con levalas adiante, como agora propón Feijóo, aínda que exista oposición sindical.
Esa oposición á política sobre as baixas, precisamente, foi a que levou nas últimas semanas a Comisións Obreiras a abandonar as mesas de diálogo social coa Xunta deixando á UGT como único sindicato que segue a negociar, toda vez que a CIG xa rexeitara participar dende o inicio. Dese foro, anunciaba este xoves a Xunta, sairá este mesmo mes un plan "integral" contra as baixas "evitables".
A CIG, precisamente, saía ao paso este pasado xoves das promesas de Feijóo ligándoas co que xa sucede no noso país. "O que comezou en Galiza da man do presidente da Xunta queda agora referendado polo máximo responsable do PP: xa non se trata de declaracións illadas, estamos diante dunha estratexia política perfectamente definida que pretende sinalar as persoas traballadoras que se ven obrigadas a coller unha baixa médica e poñer baixo sospeita aos profesionais da sanidade pública que as prescriben", advirte a central sindical.
Nun sentido semellante a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera necesario aclarar se Rueda "ten instrucións" da dirección estatal do PP "para converter Galiza nun banco de probas dos recortes nas baixas e nos dereitos laborais que o PP quere estender se goberna no Estado". "O que hai que recortar non son os dereitos dos traballadores e das traballadoras, senón que o que hai que recortar son as listas de espera que temos na nosa sanidade pública", afirma Pontón.