O presidente defende controlar máis as incapacidades temporais porque tamén se perseguen "infraccións de tráfico ou evasións de impostos" malia que "a maioría da xente cumpre"
O pasado mércores, no seu discurso inicial no debate anual de política xeral, o presidente Rueda lanzou como principal anuncio que a Xunta quere controlar máis "as baixas por doenzas musculoesqueléticas ou de psiquiatría menor, que son as máis frecuentes". O Goberno galego aínda non definiu como o vai facer, e asegura que antes quere falalo con patronal e sindicatos, pero xa está recibindo críticas ao tempo que se esforza en defender a súa iniciativa porque "algo hai que facer" co que considera unha excesiva perda de produtividade.
Este luns Rueda, preguntado polas críticas, salientou que o seu anuncio obtivo "tamén reaccións positivas", en referencias ás da patronal, polo que considera que "este é un tema como mínimo opinable". E dentro dos colectivos que ao seu ver estarían de acordo co maior control das baixas que outorgan médicos do sistema público de saúde, o presidente citou "os traballadores que van traballar todos os días".
O presidente tamén presentou como defensores dun maior control das baixas a "os que non van traballar porque teñen unha causa de baixa", o que suporía que hai médicos do Sergas que outorgan baixas sen que exista causa. Porén, os datos oficiais sinalan que Galicia é o segundo territorio con menos baixas pero con máis duración.
Este é un tema como mínimo opinable, di o presidente, que salienta que o seu anuncio obtivo "tamén reaccións positivas", en referencia á patronal
Rueda lamentou as críticas de quen "non sabe en que consiste" o seu plan, sinalando de xeito implícito a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que xa avanzou a súa intención de recorrer o plan da Xunta. O presidente pediu "seriedade e obxectividade" e insistiu en que "temos claro que hai que intervir" xa que non facelo sería "como dicir que non hai que perseguir infraccións de tráfico ou evasión de impostos porque a maioría da xente cumpre".