Andalucía ratifica a ligazón do PP de Feijóo con Vox malia a caída do PSOE

Canda a primeira posición e perda da absoluta do PP (na imaxe, Feijóo con Moreno nun mitin da campaña), o medre de Adelante Andalucía (esquerda) e a nova influencia de Vox (dereita) foron claves nos resultados andaluces CC-BY-NC-SA Fotos: PP | Adelante Andalucía | Vox / Montaxe: Praza.gal

A dirección estatal do PP deseñou unha sucesión de eleccións autonómicas para, dende finais de 2025 e ata mediados de 2026, erosionar o PSOE de Pedro Sánchez. Pero, sobre todo, para evidenciar un roteiro: a posibilidade de depender menos da extrema dereita de Vox ou mesmo chegar a non precisalos para bosquexar un posible triunfo de Alberto Núñez Feijóo en eleccións xerais.

Os populares de Moreno Bonilla perden a absoluta lograda hai catro anos nunhas eleccións nas que o único medre claro é o do andalucismo de esquerdas de Adelante Andalucía, que cuadriplica representación 

Estremadura, Aragón e Castela e León foron as primeiras paradas dun percorrido chamado a culminar en Andalucía cunha maioría absoluta que permitise aos populares de Juan Manuel Moreno Bonilla ratificar de vez a histórica mudanza iniciada en 2018 no noutrora feudo do PSOE. E que, ademais, puidese ser presentada como proba definitiva da vía moderada á fin do sanchismo, entendendo moderación como Moreno Bonilla en Andalucía e Feijóo en España. Pero a revalidación da absoluta lograda en 2022 non chegou e a lectura, con todos os matices precisos, únese ás das urnas estremeñas, aragonesas e castelás e leonesas: Feijóo xunguido á extrema dereita.

Fronte ao maioritario clima demoscópico e mediático das últimas semanas -tamén en Galicia-, o electorado andaluz votou un chisco menos ao PP que hai catro anos, concretamente punto e medio menos. E nun contexto de máis participación (un 64%, oito puntos máis segundo o reconto provisional) o reparto provincial desa pequena caída provocou que os de Moreno Bonilla pasasen de estar tres escanos por riba da maioría absoluta (58) e quedar dous por baixo (53).

A perda da absoluta e de media decena de escanos do PP alarga o impacto do cativo medre de Vox mentres o PSOE, agora coa ex-ministra Montero, cae un punto e dous escanos

Ese descenso de media decena de escanos alarga o impacto do cativo medre de Vox. A organización de extrema dereita, outra volta terceira forza, avanzou apenas tres décimas pero ten un escanos máis ata chegar a 15 e, sobre todo, pasa da irrelevancia de hai catro anos ao centro do taboleiro. Como en 2018 volven ser precisos para completar a maioría de dereitas no lexislativo andaluz, necesarios para reelixir a Moreno Bonilla. E xa avanzan que entre as súas condicións estarán medidas de corte xenófobo como as esixidas noutros territorios.

O freo na euforia dun PP que, en calquera caso, mantén unha folgadísima primeira posición non se debe a mellora ningunha de quen fora durante décadas partido indubidablemente hexemónico en Andalucía, o PSOE. Coa ex-ministra María Jesús Montero á fronte os socialistas retroceden 1,3 puntos e dous escanos para ficaren con 28 onde hai apenas dúas lexislaturas perderon o goberno con Susana Díaz tras obteren 33 representantes. Hai apenas unha década eran 47.

Pero o mal resultado non foi patrimonio xeral da esquerda andaluza este 17 de maio. A notoria excepción foi Adelante Andalucía, a formación andalucista que sae das urnas cuadriplicando representación, de 2 a 8 escanos, tras un medre superior aos 5 puntos que lle vale, asemade, para adiantar en apoio cidadán a Por Andalucía, a confluencia de IU e Sumar con Podemos, que fica cos mesmos 5 representantes que tiña e cae algo máis dun punto en apoio electoral. O crecemento de Adelante Andalucía revélase, asemade, como clave para a perda da maioría absoluta que o PP aspiraba a revalidar.

Rueda ve avalada a "forma de gobernar na estabilidade, a moderación e a confianza" de Moreno, Pontón salienta o "enorme éxito de Adelante Andalucía"

Neste escenario, en clave estatal o PP aférrase ao mal resultado do PSOE para presentalo como un paso máis cara á caída de Pedro Sánchez no Estado. O gabinete de Feijóo dá en definir os seus propios números como un "triunfo" que non é "completo", pero si "incontestable".

Dende o PP galego, quen agora pasa a ser un dos dous únicos líderes territoriais con maioría absoluta -a outra é a madrileña Isabel Díaz Ayuso-, Alfonso Rueda aplaudiu o resultado do seu homólogo como un apoio "claro ao traballo feito". Quedou avalada, defende o presidente da Xunta, a "forma de gobernar baseada na estabilidade, a moderación e a confianza".

Adelante Andalucía -na imaxe, acto de peche de campaña- foi a única formación que medrou con claridade, cunha suba superior aos 5 puntos CC-BY-NC-SA Adelante Andalucía

O BNG, pola súa banda, pon o foco no "enorme éxito de Adelante Andalucía". A formación andalucista, coida Ana Pontón, demostra "que hai outra maneira de facer política, defendendo a soberanía da súa terra e a favor das maiorías sociais", afirmou para trasladar os seus parabéns por un "gran paso adiante electoral".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.