Ampla maioría absoluta das dereitas en Estremadura

Pleno na Asemblea de Estremadura e gráfico cos resultados electorais deste 21 de decembro CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto: Junta de Extremadura

A suma de PP e Vox pasa de 33 a 40 escanos grazas ao forte devalo do PSOE combinado co avance da extrema dereita

O que noutrora fora un feudo territorial do PSOE saldou este 21 de decembro de 2025 as súas eleccións autonómicas anticipadas cunha ampla maioría absoluta das dereitas. Conseguen 40 dos 65 escanos en xogo dous anos despois de sumaren 33, ao límite da absoluta. 

Esa suma resulta de agregar coa extrema dereita de Vox a representación dun xa gobernante PP que só gaña un escano, con 29 fronte aos 28 de 2023. Pero ao que o fortísimo devalo do PSOE lle permite virar en primeira forza da Asemblea rexional e avanzar algo máis de catro puntos porcentuais.

Nun contexto de menor participación que nos anteriores comicios -estas eleccións son as primeiras adiantadas e á marxe das municipais nesa autonomía-, Vox revélase coma o gran triunfador. A organización da extrema dereita segue como terceira forza, pero é a que máis medra en representación (duplica amplamente e avanza dende 5 asentos no Parlamento ata 11) e porcentaxe de votos, con case nove puntos máis. E, ademais -e sobre todo-, da súa vontade segue dependendo que a agora presidenta en funcións, a popular María Guardiola, recunque no cargo.

O PSOE perde 10 escanos e 14 puntos dous anos despois de ser primeira forza no que noutrora foi un dos seus feudos históricos. A coalición de Podemos e IU pasa de 3 a 7 escanos e avanza catro puntos

Pola banda socialista o acontecido só pode describirse en termos de desfeita. Polos números acadados polas candidaturas que encabezaba o debutante Miguel Ángel Gallardo e polo que implican para un partido que viviu décadas de hexemonía absoluta en Estremadura. Un candidato de perfil baixo, sen apenas percorrido no ámbito autonómico e atinxido por un controvertido proceso xudicial -o que tamén afecta ao irmán de Pedro Sánchez- combinado co contexto político xeral deixan o PSOE cunha perda de 10 escanos e máis de 14 puntos a respecto de hai dous anos, cando viñan de gobernar e foran primeira forza.

Pola banda da esquerda a única boa noticia da noite electoral estremeña chegou pola banda de Unidas por Extremadura, a coalición de Podemos e Izquierda Unida liderada por Irene de Miguel, que xa exercía a oposición na Asemblea con notable efectividade. A formación pasa de 3 a 7 escanos e consegue algo máis de catro puntos porcentuais de avance.

Con estes números, o PP logra unha obvia vitoria e un dos seus obxectivos, a primacía sen matices fronte ao PSOE, coas implicacións que ten no actual contexto estatal. Pero non consegue o que se presentara como un dos principais obxectivos por parte de Guardiola ao adiantar as eleccións: liberarse da dependencia da extrema dereita de Vox.

Á dirección estatal da formación, clave no adianto, os resultados de Estremadura sérvenlle para acrecentar o discurso de deterioro e fin de ciclo de Pedro Sánchez. Pero reforzan a evidencia de que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, con toda probabilidade, estaría nas mans de Vox para gobernar tras unhas eventuais eleccións xerais anticipadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.