Puigdemont rompe con Sánchez: "O PSOE terá o poder, pero non poderá exercelo"

Comparecencia de Carles Puigdemont este luns CC-BY-SA Junts per Catalunya

Junts asegura que leva 22 meses de conversas co PSOE en Suíza co obxectivo de que Catalunya poida "exercer a autodeterminación sen que se exercera represión" sobre a cidadanía, pero "sen resultados"

“Hoxe, hai exactamente oito anos, o Parlamento declaraba a independencia de Catalunya. Aquela declaración foi froito dun referendo aprobado polas institucións catalás, o Parlamento e o Govern, que contou cunha participación masiva a favor da independencia de Catalunya”.

Así comezou Carles Puigdemont a súa comparecencia deste luns dende Perpinyà, na que trasladou os motivos da ruptura do acordo asinado co PSOE en Bruxelas hai dous anos, un pacto ao que Junts per Catalunya chegou –insistiu Puigdemont– sen negar a validez do referendo nin da declaración de independencia.

A dirección executiva nacional de Junts per Catalunya decidiu este luns poñer fin ao acordo que levou a formación catalá a respaldar a investidura de Pedro Sánchez, tras 22 meses e 19 encontros bilaterais celebrados en Suíza, nos que por parte dos socialistas participou un equipo co expresidente Zapatero á cabeza e, nun inicio, tamén o que fora secretario de organización do PSOE Santos Cerdán. “O PSOE ten que reflexionar”, din.

Reunión da dirección executiva nacional de Junts per Catalunya CC-BY-SA Junts per Catalunya

"Non estamos dispostos a axudar a un Goberno que non axude a Catalunya", advirte Puigdemont

Carles Puigdemont manifestou que o obxectivo final das conversas destes dous anos co PSOE en Suíza sempre foi que Catalunya poida “exercer a autodeterminación sen que se exercera represión” sobre a cidadanía. É o feito de atoparse “sen resultados” e con varios “atrancos” no acceso á información sobre a fiscalidade e o financiamento de Catalunya o que leva a Junts á decisión deste luns. 

“Non estamos dispostos a axudar a un Goberno que non axude a Catalunya”, advertiu Puigdemont. Unha mensaxe que, indicou, serve para o PSOE e para o PP. A dirección executiva nacional de Junts opta por “exercer a oposición” en Madrid e convocar á militancia para que se manifeste ao longo do mércores sobre este novo escenario. 

"Se o xoves a militancia respalda a Junts, a partir dese momento o Goberno [de Pedro Sánchez] non poderá recorrer á maioría da investidura", afirma Puigdemont

“Se o xoves a militancia respalda a Junts, a partir dese momento o Goberno [de Pedro Sánchez] non poderá recorrer á maioría da investidura. O PSOE terá o poder, pero non poderá exercelo; poderá ter sillóns, pero non poderá exercer o goberno”, sentenciou o líder de Junts dende Perpinyà. 

Entre os incumprimentos do PSOE mencionados por Puigdemont destacan os resultados das balanzas fiscais e as cifras de execución orzamentaria. “Remata 2025 e aínda non temos pechado o ano 2024. Non o temos pechado porque as cifras de execución do primeiro trimestre eran insultantemente baixas, non sabemos como serán as do resto. Como podemos apoiar uns novos orzamentos se non sabemos como se executou o anterior?”, interpelou.

A militancia de Junts terá agora a última palabra sobre o acordado pola directiva CC-BY-SA Junts per Catalunya

“A dependencia de España ten uns custes insostibles para Catalunya”, aseverou Puigdemont, quen detallou algúns exemplos: “máis pobreza e máis empobrecemento”, “menos recursos para os cataláns dos que os cataláns xeran”, “unha incapacidade de poder ter unha política fiscal xusta e sostible”, “unha pésima cultura burocrática”, “unha desinversión crónica” e “un mal funcionamento dos servizos públicos estatais”.

“Un pacto que non se executa é un acordo roto”, afirmou o líder de Junts, que dedicou gran parte da súa intervención a enumerar as cuestións acordadas co PSOE que non chegaron a formalizarse. Entre elas está a “desclasificación de documentos para saber o que pasou nos atentados de Barcelona e Cambrils”, a “desconxelación de leis sobre ocupacións ou reincidencia” ou a “capacidade dos concellos para poder desfrutar dos excesos de tesourería”.

"Eles teñen todas as pancas do poder, nós non temos ningunha, temos só sete deputados e bastante fixemos con só sete representantes", di Puigdemont

Na outra balanza, na dos “logros”, Puigdemont situou o feito de que a segunda canle de RTVE que se inaugura en Catalunya vaia emitir en catalán, que xa se poida falar catalán no Congreso dos Deputados e lei ELA, entre outros.

“Cando se fala de vivenda, de salario mínimo, de adecuar as pensións ao custo da vida... Todo isto existe porque existe Junts. Non poden dicir que non estaban avisados, levamos meses mandando mensaxes. Eles teñen todas as pancas do poder, nós non temos ningunha, temos só sete deputados e bastante fixemos con só sete representantes. Se no PSOE non utilizan o seu poder, a responsabilidade non é de Junts”, debullou Puigdemont, para acabar salientando: “Cando Junts tivo que escoller entre PSOE e PP hai dous anos, escolleu o PSOE”.

Pola súa banda, dende o Goberno de España insisten na “man tendida” a Junts e en que a “máxima vontade de diálogo” coa formación liderada por Puigdemont segue vixente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.