Se en Galicia o normal, entendido como máis probable por ser o máis frecuente durante décadas, é que goberne o PP, en Castela e León éo moitísimo máis. Dende que o PP -daquela, Alianza Popular- accedeu en 1987 á presidencia da Junta de Castilla y León no noso país houbo dúas mudanzas de cor política na Xunta; sucedeu cando desta beira do Padornelo faltaban apenas catro meses para que as conspiracións contra Gerardo Fernández Albor derivasen na súa caída e no triunfo da moción de censura que situou na presidencia ao socialista Fernando González Laxe.
O PP goberna ininterrompidamente en Castela e León dende meses antes de que a Xunta a presidise Laxe. Este contexto é imprescindible para entender o sucedido nos comicios deste 15 de marzo
Naquel 1987 o primeiro presidente popular da autonomía castelá e leonesa foi José María Aznar, que renunciaría apenas dous anos despois para remudar no liderado do refundado PP a Manuel Fraga, que á súa vez volveu a Galicia para tentar e lograr desbancar a Laxe á primeira e gobernar ata 2005, cando perdeu a Xunta fronte a PSdeG e BNG. Dende aquela, catro presidentes distintos e diversas conxunturas en canto a maiorías parlamentarias, pero unha constante en Castela e León: sempre escanos dabondo das dereitas para investir un dirixente do PP. Este contexto é imprescindible para entender o sucedido nesa autonomía lindeira con Galicia nas eleccións deste 15 de marzo.
Catro anos despois de que a dirección do PP encabezada por Pablo Casado decidise adiantar as eleccións castelás e leonesas para tentar dar un golpe a Pedro Sánchez que acabou levando o propio líder conservador -que deixaría de selo ás poucas semanas, desta volta os comicios celebráronse cando tocou. E o resultado foi máis dereitas, pero cun xogo de maiorías relativamente estable que tamén atinxiu a un PSOE que estreaba candidato e para o que moitos prognósticos agoiraban un devalo semellante aos recentes en Estremadura e Aragón, contextos políticos ben diferentes.
O PP recolle os restos que ficaban de C's e, lonxe das absolutas de noutrora, volve precisar un Vox que baixa da euforia demoscópica pero non da fortaleza onde xa medrara alarmantemente hai catro anos. Os socialistas obteñen un resultado balsámico e fican só tres escanos por tras dos populares
Os de Alfonso Fernández Mañueco van seguir gobernando como forza máis votada, agora con 33 escanos, dous máis. Son produto dun avance de catro puntos porcentuais que teñen como explicación viable a definitiva desaparición de Ciudadanos, que caeu precisamente catro puntos (ata un ínfimo 0,3%) e quedou sen o único escano que tiña onde en 2019 obtivera 12 e cogobernara.
Pero, lonxe das absolutas de noutrora, seguen precisando axuda para completar unha maioría que no seu Parlamento se sitúa en 42 escanos. Superan ese limitar sobradamente canda Vox, que ao medrar apenas un punto e un deputado baixa da euforia demoscópica pero non da fortaleza onde xa medrara alarmantemente hai catro anos -en 2022 pasou de 1 a 13 representantes. En total, PP e Vox suman agora 47 escanos, tres máis que nos anteriores comicios e dous máis dos que implicaba daquela a agregación de C's.
Pola esquerda o PSOE obtivo un resultado balsámico. Un medre cativo no conxunto do territorio -apenas sete décimas porcentuais-, pero elocuentemente amplo -máis de trece puntos- en Soria, territorio do seu candidato, Carlos Martínez, onde ata agora era hexemónico alcalde da capital da provincia. Ese avance implícalle, en todo caso, dous deputados máis que deixan os socialistas con 30, só tres representantes menos que os populares, pero tamén sen potencial socio ningún.
Unión del Pueblo Leonés non logra o avance que lle prognosticaban algúns inquéritos e tanto Podemos como Sumar acaban cun balance de sinistro total
No que atinxe ao resto de forzas, un resumo sinxelo sería que todas teñen algo que lamentar. A Unión del Pueblo Leonés non logra o avance que lle prognosticaban algúns inquéritos, avanza unhas poucas centésimas e queda cos tres escanos que xa tiña. Soria Ya, pola súa banda, cae case un punto e mantense cun só asento nas Cortes.
No alcumado por diversos medios de ámbito estatal como esquerda á esquerda do PSOE o balance é de sinistro total. Podemos, que hai catro anos lograra un escano en coalición con IU retrocede catro puntos e fica fóra do Parlamento sen que IU, desta volta coligada con Sumar, obteña rédito ningún -apenas o 2% dos votos e igualmente, cero escanos-.