De Ence e a AP-9 aos ascensos de Feijóo: a herdanza de Aznar en Galicia 30 anos despois

Aznar recibe a Fraga poucos días despois de tomar posesión como presidente do Goberno de España por primeira vez e paso da AP-9 sobre a autovía de Marín, que conduce a Ence CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto Aznar: Pool Moncloa | Foto AP-9: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta

O espectro aznarista camiña sobre as votacións castelás e leonesas deste domingo, cuxa campaña comezou co PP de Feijóo a celebrar o trixésimo aniversario da primeira vitoria do PP nas xerais, período que en Galicia deixou legados aínda moi vivos

Este domingo está a votar o electorado de Castela e León catro anos despois dos comicios que precipitaran a caída de Pablo Casado como líder do PP e a súa remuda por Alberto Núñez Feijóo. Nesa autonomía os populares gobernan ininterrompidamente os populares dende 1987, outro planeta político no que José María Aznar gañaba a presidencia autonómica mentres na veciña Galicia o Executivo de Gerardo Fernández Albor naufragaba entre conspiracións apenas catro meses antes de caer na moción de censura que levou á Xunta o tripartito liderado polo socialista Fernando González Laxe.

O espectro de Aznar camiña inevitablemente sobre as votacións castelás e leonesas deste 15 de marzo de 2026, cuxa campaña comezou co PP de Feijóo a celebrar o trixésimo aniversario doutras eleccións, as xerais que o 6M de 1996 supuxeron a remuda do felipismo polo aznarismo na Moncloa. "Un proxecto reformista que converteu España nunha potencia, impulsou a economía, reforzou a credibilidade internacional e demostrou que podiamos aspirar a máis", eloxiou o ex-presidente e actual líder estatal do PP sobre un período que en Galicia deixou herdanzas aínda moi vivas.

Publicación no BOE da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048 e nota oficial sobre a privatización da Empresa Nacional de Autopistas, que incluía a Audasa CC-BY-NC-SA Praza Pública

Non en van, dos dous mandatos de Aznar na Moncloa -de 1996 ao 2000 grazas aos pactos con PNV e CiU e ata 2004 con maioría absoluta- persisten as consecuencias de decisións como a prórroga da concesión da autoestrada AP-9 de 2023 a 2048, certificada no no BOE do 5 de febreiro do 2000 no marco do pacto con Audasa para prorrogar a vía ata Ferrol en compensación polo accidente do Discoverer Enterprise, a plataforma petrolífera atracada nos estaleiros de Astano que partiu a Ponte dos Pías e illou a cidade.

Dos mandatos de Aznar persisten as consecuencias de decisións como a prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico ata 2048 e a súa posterior venda, a culminación da privatización de Ence ou a decisión que ligou os accidentes do Prestige e de Angrois

Tres anos despois, en 2003, o gabinete de Aznar puxo o ramo a prórroga da concesión agora considerada ilegal pola Comisión Europea -por non saír a concurso público-. Com xa avanzara por escrito no propio BOE, o Día Nacional de Galicia de 2003 o Consello de Ministros privatizou a Empresa Nacional de Autopistas (ENA) e con elas, a AP-9 pasaba a ser propiedade dun consorcio participado ao 50% pola construtora Sacyr e cuxa outra metade estaba controlada por entidades financeiras que encabezaban o Banco de Santander (20%) e mais Caixa Galicia e Caixanova (20% cada unha).

A venda da autoestrada fora aprobada dous anos despois da culminación doutra privatización relevante para Galicia, a de Ence, iniciada en tempos de Felipe González coa venda do 49%. En 2001, tras privatizar outra cuarta parte, aínda conservaba o 24,9% das accións da celulosa con fábrica en Pontevedra e rematou a venda coa adxudicación a un grupo liderado por Caixa Galicia, que pasou a controlar o 12% do capital social de Ence e a situar na presidencia a José Luis Méndez, director xeral da daquela gran caixa do norte de Galicia.

Discurso de Aznar contra as protestas de Nunca Máis durante unha convención do PP en Santiago en xaneiro de 2003, recuperada por Praza.gal en 2022, no vixésimo aniversario do accidente do Prestige

O aznarismo finalizaría en Galicia entre dous clamores: "Nunca Máis" e "non á guerra", este último outra volta de plena actualidade. A xestión do accidente do Prestige canda a declinante Xunta de Fraga propiciou unha vaga de mobilización social e política que, hai agora vinte e tres anos, acabaría confluíndo coa oposición ao apoio do Goberno de España á invasión de Iraq polos Estados Unidos. 

Non foi menos clave para a Galicia actual outra decisión: defenestrar a Cuíña en plena crise do Prestige e remudalo por quen levaba sendo alto cargo do seu Goberno de España dende 1996: Alberto Núñez Feijóo

Naqueles tempos convulsos o Goberno de Aznar tomou múltiplas decisións para tentar taponar o malestar en Galicia e os riscos de perder a Xunta -como así acabaría sucedendo en 2005-. Algunhas foron materiais, como o Plan Galicia con diversas actuacións de infraestruturas, entre elas a decisión sobre a liña de alta velocidade Santiago-Ourense que acabaría unindo dous accidentes, o do Prestige co de Angrois

Outra decisión post-Prestige que segue sendo clave na Galicia actual foi a de defenestrar a Xosé Cuíña, conselleiro de Política Territorial considerado durante lustros como sucesor natural de Fraga, e substituílo por quen levaba sendo alto cargo do Goberno de España dende 1996: Alberto Núñez Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.