O eco galego do "non á guerra" que evoca Sánchez: o país do Nunca Máis que atormentou a Fraga e Feijóo

A protesta contra a xestión da catástrofe do Prestige combinouse na Galicia de hai dúas décadas coa oposición á participación española na guerra de Iraq © Unha gran Burla Negra

Hai agora 23 anos a esfera política galega fervía en protestas contar a xestión da catástrofe do Prestige: o clamor  subiu uns cantos decibeles cando confluíu coa oposición á participación do Goberno de España na invasión de Iraq 

Son diversas as ocasións en que a realidade política galega rachou o lugar común da mansedume, a quietude ou a imposibilidade de que nada mudase. Unha delas foi hai agora vinte e tres anos, cando a esfera política -en sentido amplo- galega fervía en protestas contra a xestión da catástrofe do Prestige polos gobernos do PP de José María Aznar no Estado e de Manuel Fraga na Xunta. 

O clamor do "Nunca Máis" subiu uns cantos decibeles máis cando confluíu con outro, o "non á guerra" que en múltiples puntos do Estado sintetizou a oposición cidadá á participación do Goberno de España na invasión de Iraq por parte dos Estados Unidos, na altura con George W. Bush ao mando. O mesmo que este 4 de marzo evocou Pedro Sánchez para responder ás ameazas do actual presidente estadounidense, Donald Trump, por non brindar a colaboración do Goberno de España no seu ataque a Irán da man de Israel.

Aznar, no cumio dos Azores que deu luz verde á invasión de Iraq , o 16 de marzo de 2003, e recibido por Bush na Casa Branca en setembro do mesmo ano © Eric Draper / White House | Pool Moncloa

"Non máis sangue por petróleo", "a única guerra, contra o chapapote", ecoaron as rúas galegas naqueles meses baixo paraugas como a Coordinadora Galega pola Paz ou a Mocidade Galega pola Paz. Manifestacións multitudinarias como as do 15 de febreiro de 2003 nas principais cidades combináronse con outras de menor dimensión pero practicamente constantes en múltiplos ámbitos dando lugar a situacións inéditas, como altos representantes da Igrexa católica marchando por tras das mesmas pancartas que militancia de forzas políticas da esquerda.

A Xunta de Fraga, con Feijóo como conselleiro estrela, tentara frear as protestas nalgúns dos ámbitos onde máis medraran, coma o ensino, cunha circular de censura

Todo sucedía nun contexto preelectoral -en maio daquel ano celebrábanse eleccións municipais- que atormentou o daquela declinante presidente da Xunta. Tamén ao seu novo conselleiro estrela, Alberto Núñez Feijóo, enviado pola dirección central do PP á Xunta para remudar o defenestrado Xosé Cuíña tras máis de media década como alto cargo do Goberno de Aznar.

A incomodidade da Xunta con aquelas crecentes protestas traducírase en accións concretas para tentar frealas nalgúns dos ámbitos coma os centros de ensino. Foi nese eido onde o colectivo de docentes Area Negra, xurdido en plena vaga mobilizadora na crise do Prestige, dera en impulsar en colexios e institutos un referendo simbólico contra a invasión de Iraq. O Goberno galego da época tentara impedir esa protesta e outras, como a colocación de carteis contra a guerra ou bandeiras da Plataforma Nunca Máis, cunha controvertida circular de censura cuxo principal efecto fora amplificar máis as mobilizacións.

Fragmento da declaración institucional de Pedro Sánchez en resposta ás ameazas de Trump, resumindo a posición do Goberno de España cun "non á guerra" CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional La Moncloa

O "non á guerra" chegara tamén ás portas de diversos actos electorais daquel PPdeG. Nesas municipais acabaría perdendo significativas cotas de poder institucional e nas galegas de dous anos despois, a Xunta cando aínda non se recuperara da saída do Goberno de España nas xerais de 2004, as primeiras con vitoria de José Luis Rodríguez Zapatero tras unha fin de campaña marcada polos atentados do 11M e, polo tanto, tamén polos efectos do apoio de Aznar á invasión de Iraq. 

A presión na rúa foi lembrada durante moitos anos como especialmente traumática para o PP, tamén para o círculo dirixente dun Feijóo que agora responde o "non á guerra" de Sánchez con posturas moi semellantes ás dos populares naquel 2003

Esa presión da rúa foi lembrada como especialmente traumática para o partido durante moitos anos, tamén no círculo dirixente máis próximo a un Feijóo que este 4 de marzo de 2026 respondeu ao "non á guerra" emulando, en boa medida, as posturas daquel PP de hai 23 anos. Opoñerse aos ditados de Trump no ataque a Irán, considera o ex-presidente da Xunta é "ir contra a seguridade de España" nun contexto no que "antes do dereito internacional están os dereitos humanos", argumentou antes de instar a Sánchez a "situarse ao carón dos seus aliados".

A Feijóo aparécenselle aquelas horas escuras para o PP aznarista que reivindica mentres Sánchez alimenta a memoria sobre o "agasallo do trío dos Azores", en referencia ao cumio no que, canda Bush e o daquela primeiro ministro británico, Tony Blair, Aznar solemnizou a participación española no ataque a Iraq con José Manuel Durão Barroso, daquela primeiro ministro portugués, como anfitrión. Aquela guerra, subliña o dirixente socialista, provocou "a maior vaga de inseguridade no noso continente", con máis "terrorismo xihadista" e ademais, con problemas económicos. Agora, sostén o presidente do Goberno de España, é momento de "non quebrar o dereito internacional" nin "repetir erros do pasado".

Panfleto contra a censura nas aulas das protestas contra a guerra de Iraq e pola xestión do Prestige, editado por diversos colectivos en resposta á Xunta en marzo de 2003 CC-BY-NC-SA UGBN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.