O 25 de maio de 2003 celebráronse eleccións municipais. Pasaran seis meses dende o afundimento do Prestige na costa galega, un tempo de intensas mobilizacións sociais e protestas contra os Gobernos español e galego pola forma en que xestionaran a crise. Os comicios presentábanse xa que logo como un exame político ao Partido Popular e esa noite analizáronse con detemento os resultados en toda Galicia e moi especialmente na Costa da Morte e nas Rías Baixas.
Os comicios presentábanse xa que logo como un exame político ao Partido Popular e esa noite analizáronse con detemento os resultados en toda Galicia e moi especialmente na Costa da Morte e nas Rías Baixas
Que sucedeu? O PP resistiu mellor do previsto, aínda que sufriu un descenso importante, e en concellos moi significados como Muxía -nomeada zona cero da catástrofe- revalidou a súa maioría absoluta e noutros como Fisterra mesmo a acadou por primeira vez. A primeira lectura que se fixo -especialmente no resto do Estado- foi que a xente votara mal ao non infrinxir un castigo inmediato aos populares, botando man dos vellos tópicos sobre a Galicia sumisa e conservadora. De seguro que de haber Twitter no ano 2003 teríamos lido esa noite numerosos fíos de expertos en política galega explicando por que os galegos e galegas se trabucaran unha vez máis.
Esta lectura permaneceu durante moito tempo e en parte aínda se mantén a lectura de que a cidadanía non castigou electoralmente ao PP pola xestión da crise do Prestige. Esta visión esquece que no ano 2005 o PP perdeu a maioría absoluta en Galicia, dando paso ao Goberno bipartito de PSdeG e BNG. Aínda hai uns días Manuel Rivas destacaba nesta entrevista que "unha das fake news que circula sobre a mobilización que seguiu ao Prestige é que non serviu para nada politicamente. Pero claro que serviu: dous anos máis tarde houbo un cambio na Xunta e no 2004 cambiou tamén o Goberno en Madrid".
O PP obtivo bos resultados nalgúns concellos moi simbólicos, como Muxía ou Fisterra, pero viuse amplamente superado por PSdeG e BNG nas cidades e vilas. De igual xeito, recuperou Ferrol pero fracasou en Lugo e Vigo e perdeu poder municipal e a Deputación da Coruña
Cómpre ter en conta, ademais, que se trataba de eleccións municipais, nas que sobre todo nas localidades menos poboadas a ideoloxía ou os partidos xogan un papel máis secundario (vótase "a persoa", en base á confianza xerada polo rexedor ou candidato). Nos concellos costeiros os alcaldes e alcaldesas -do PP, do PSdeG ou do BNG- sufriran a marea negra como un veciño ou veciña máis e pasaran os seis meses anteriores pé a terra traballando mellor ou peor para tentar virar a situación. De feito, a tendencia xeral foi que os gobernos locais do litoral, independentemente da súa cor política, reforzaron as súas maiorías.
En relación ao ano 1999, o PP perdeu en Galicia 16 mil votos e 142 concelleiros, mentres que o PSdeG subiu 57 mil votos e 66 concelleiros e o BNG aumentou 8 mil votos e 9 concelleiros. No conxunto de España o PP mantivo o seu resultado, mentres que en Galicia baixou catro puntos
Pero, ademais, os datos das propias eleccións municipais de 2003 amosan que o PP si recibiu un castigo, sobre todo a través dunha maior mobilización do electorado progresista nas zonas urbanas. De feito, a participación foi tres puntos superior á de 1999. En relación ao ano 1999, o PP perdeu en Galicia 16 mil votos e 142 concelleiros, mentres que o PSdeG subiu 57 mil votos e 66 concelleiros e o BNG aumentou 8 mil votos e 9 concelleiros. No conxunto de España -onde tamén houbera unha mobilización social importante en contra da participación na Guerra de Irak- o PP mantivo o seu resultado, baixando apenas unhas décimas, pasando do 34,44% ao 34,29%. En cambio, en Galicia os populares perderon case catro puntos, do 45,39% ao 41,49%.
De feito, hai un dato que resulta clave para entender a importancia que para o futuro inmediato tiveron estes comicios municipais: foi a primeira cita electoral dende a chegada de Fraga a Galicia na que o PP obtivo menos votos que a suma de PSdeG e BNG, cunha diferenza de 82 mil votos para a oposición progresista que sinalaba o camiño para o triunfo da esquerda nas eleccións ao Parlamento galego de 2005.
Aínda así, a noite electoral foi máis doce que acre para o PP en Galicia. Existía o medo de que, efectivamente, os comicios deixaran un resultado moito máis negativo e, en cambio, os populares mantiveron boa parte do seu poder municipal e mesmo recuperaron a cidade de Ferrol, que estaba gobernada polo BNG. Á inversa, o Bloque a pesar de obter bos datos nas grandes e pequenas vilas, perdeu unha parte do seu poder institucional, ao quedar sen as alcaldías de Vigo e Ferrol. Por primeira vez o BNG arriscaba importantes cotas de poder e os comicios supuxeron un paso atrás no seu obxectivo de chegar a presidir a Xunta, elevando en cambio ao PSdeG de Emilio Pérez Touriño como líder da alternativa a Fraga. A sensación era, en parte, a mesma que no 2001: que o BNG chocaba contra algún tipo de límite que lle impedía medrar máis.
O PP perdeu as alcaldías de Bueu, Boiro, Moaña, Sada, Monforte, Arzúa ou O Porriño que pasaron ao BNG, ou Ames, Viveiro e Ribadeo, que foron para o PSdeG. Ademais, deixaron de ser a primeira forza en Pontevedra, Lugo e Santiago e fracasaron no seu intento de recuperar a alcaldía de Vigo
Pero, máis aló da recuperación da sempre oscilante alcaldía de Ferrol (grazas á irrupción dos independentes de Juan Fernández), os datos non foron tan positivos para o PP, que xa viñan de obter uns resultados urbanos moi negativos no ano 1999. Os populares deixaron de ser a primeira forza en Pontevedra, Lugo e Santiago e fracasaron no seu intento de recuperar a alcaldía de Vigo, que foi para o socialista Ventura Pérez Mariño (aínda que meses máis tarde unha moción de censura deulle a Corina Porro o Goberno municipal). Ademais, perderon a Deputación da Coruña e tamén as alcaldías de importantes vilas, como Bueu, Boiro, Moaña, Sada, Monforte, Arzúa ou O Porriño que pasaron ao BNG, ou Ames, Viveiro e Ribadeo, que foron para o PSdeG. O PP fíxose, iso si, con Noia, Cee ou Cedeira.
Francisco Vázquez foi outro dos protagonistas negativos da noite. O alcalde da Coruña revalidou por moi poucos votos a súa maioría absoluta e perdeu 10.000 sufraxios e tres concelleiros, que pasaron ao BNG, que duplicou o seu resultado de 1999
Francisco Vázquez foi outro dos protagonistas negativos da noite. O alcalde da Coruña revalidou por moi poucos votos a súa maioría absoluta e perdeu 10.000 sufraxios e tres concelleiros, que pasaron ao BNG, que duplicou o seu resultado de 1999. O candidato nacionalista, Henrique Tello celebrou que “hoxe empeza o declive” de Vázquez, que deixaría a Alcaldía tres anos despois. O secretario de organización do PSOE, José Blanco, apuntou días despois que “os cidadáns da Coruña non entenderon que cando Galicia máis choraba dende o Concello se fose contemporizador co PP na xestión do Prestige”.
Na súa primeira reacción, Manuel Fraga cualificou os resultados do seu partido de “magníficos”, despois dunha campaña que criticou por “violenta”, pero recoñeceu o fracaso da súa formación en Lugo e Vigo (Manuela López Besteiro e Corina Porro deixaran o Goberno para ser candidatas, con escasa fortuna).
Beiras recoñeceu que os resultados non eran satisfactorios para o BNG, pero destacou o ascenso en votos e concelleiros da formación. Mentres, Touriño saíu reforzado: “O PSdeG é a forza política de referencia e a alternativa pola que pasa o cambio e o progreso de Galicia”, dixo
Dous días antes das eleccións o presidente da Xunta afirmara nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia que “os votantes pasarán factura aos que ennegreceron a nosa bandeira” e que “Beiras e Touriño saben que non poden enganar os nosos mariñeiros”. En cambio, nos días posteriores ás eleccións, Touriño afirmou que o éxito do PP en Muxía se debía ás "xenerosas subvencións regadas" e ás "promesas a 10 e a 20 anos alí realizadas”.
O PP agarrouse ao mantemento dos seus resultados na Costa da Morte para expoñer que a cidadanía avalara a súa xestión da catástrofe do Prestige, pero Galicia estaba a vivir un cambio de ciclo, que comezara polas zonas urbanas: nas cidades os populares só mantiñan os Gobernos locais de Ourense e Ferrol (que perderon en 2007) e cada vez menos vilas de importancia.
Beiras recoñeceu que os resultados non eran satisfactorios para o BNG, pero destacou o ascenso en votos e concelleiros da formación, que consolidou o seu dominio en Pontevedra (Miguel Anxo Fernández foi o máis votado) e obtivo un importante poder nas vilas. Mentres, Touriño celebrou a recuperación da alcaldía de Vigo, o excepcional resultado na cidade de Lugo, onde Orozco pasou de 7 a 13 edís, triplicando os seus votos, e o bo resultado de Sánchez Bugallo en Compostela, que tamén se converteu no candidato con máis apoios. En xeral, o líder dos socialistas galegos saíu reforzado, como xa fixera en 2001. “O PSdeG é a forza política de referencia e a alternativa pola que pasa o cambio e o progreso de Galicia”, dixo Touriño, que dous anos despois se converteu en presidente da Xunta.
O PP agarrouse ao mantemento dos seus resultados na Costa da Morte para expoñer que a cidadanía avalara a súa xestión da catástrofe do Prestige, pero Galicia estaba a vivir un cambio de ciclo
Máis autocrítico que Fraga, Xesús Palmou recoñeceu a mobilización do voto da mocidade fixera subir a PSdeG e BNG. O PP viña de sufrir nos meses anteriores unha importante crise interna coa defenestración de Xosé Cuíña e atopábase nun proceso de remuda interna de liderados que trouxera a Galicia a un tal Alberto Núñez Feijóo. En marzo de 2004 o PP perdeu as eleccións xerais e en xuño de 2005 fixo o mesmo nas eleccións ao Parlamento Galego, nun proceso no que o efecto de desgaste da crise do Prestige e as mobilizacións de Nunca Máis xogaron un papel difícil de cuantificar pero importante.