"Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galiza". Así comezaba o manifesto que o 1 de decembro de 2002 se leu na Praza do Obradoiro ante unha marea de paraugas. Chovía sen parar en Compostela, pero preto de 200.000 persoas manifestáronse convocados pola plataforma Nunca Máis, creada uns días antes. Galicia levaba dúas semanas e media baixo a ameaza dunha marea negra, dende que o 13 de novembro escoitou falar por vez primeira dun petroleiro chamado Prestige.
"Aquí está a dignidade, aquí está a conciencia libre, aquí está un pobo vivo, aquí está a honra de Galiza". Así comezaba o manifesto que o 1 de decembro de 2002 se leu na Praza do Obradoiro ante unha marea de paraugas
O barco afundiu o 19 de novembro e dende entón comezara unha conta atrás para a chegada ao litoral dunha marea negra encabezada por unha gran mancha de máis de 10.000 toneladas que co paso dos días fora dirixíndose cada vez máis ao sur, cara á Ría de Arousa. Esa gran marea negra (termo cuxa mención fora prohibida expresamente ao xornalistas da CRTVG e de RTVE) comezou a chegar á costa ese mesmo domingo 1 de decembro. Nos días anteriores comezaran a quedar claras algunhas cousas: a falta de medios para deter esa marea negra (buques anticontaminación, barreiras, equipos de protección e protocolos axeitados para as persoas voluntarias...) e tamén os erros de xestión cometidos polos Gobernos español e galego e, sobre todo, a súa teima en minimizar ou agochar o problema.
"Reclamamos a demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non souberon impedir que o accidente tivese as peores consecuencias", dicía un texto que reiterou a demanda 'no código do mar' : "Delta India Mike India Sierra India Oscar November: Dimisión"
Neste contexto, unha marea humana ateigou as rúas de Compostela, entre a rabia e a denuncia. O manifesto que se leu nunha praza do Obradoiro que se encheu varias veces demandaba medidas para evitar novas catástrofes, medios suficientes para loitar contra o chapapote e, ademais, denunciaba a responsabilidade política derivada das "deficiencias" que se produciran na xestión. "Reclamamos a demisión das autoridades que coa súa ineficacia e irresponsabilidade non souberon impedir que o accidente tivese as peores consecuencias", dicía un texto que reiterou a demanda 'no código do mar' : "Delta India Mike India Sierra India Oscar November: Dimisión".
Ante todo, o berro era "Nunca Máis" (que nesa manifestación estreou a súa bandeira e símbolo representativos. "Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo.... e agora Prestige. Xa non queremos contar máis. Xa abonda", dicía Manuel Rivas -encargado de ler o manifesto-, para rematar "Que se escoite onde se teña que escoitar. Galicia é hoxe a humanidade que berra: ‘Nunca máis!’".
A manifestación rebordou todas as espectativas previas, que xa apuntaban a unha mobilización masiva (uns días antes catro mil persoas xuntáranse en Muxía nunha primeira marcha de protesta). Manuel Rivas destaca que nos días anteriores "había un rumor, unha sensación de que podía ser así. Había unha sensación colectiva de que esta vez non podiamos quedar noqueados, estabamos no chan e había que levantarse, pero non podiamos imaxinar a dimensión de civismo e de solidariedade que se acadou ese día".
Para Manuel Rivas, "a sociedade galega, ante a catástrofe, en lugar de meterse na súa cuncha, escolleu protestar". "Era moita xente que, ante o que estaba a suceder en Galicia, entre caos e comunidade, escolleu a comunidade". di
Para Rivas, "a sociedade galega, ante a catástrofe, en lugar de meterse na súa cuncha, escolleu protestar". "Era moita xente que, ante o que estaba a suceder en Galicia, entre caos e comunidade, escolleu a comunidade. O caos era a falta de Goberno, o baleiro. A sensación era que non viñan os bombeiros e que, por riba, o xefe dos bombeiros nos dicía que non había ningún incendio", di. E engade: "era unha revolución cívica; non buscaba tomar o poder pero respondía a un baleiro de poder".
E conclúe que a manifestación do 1 de decembro "foi unha resposta comunitaria, que transcendeu a ideoloxía e os partidos". "Sentiamos que estabamos cumprindo con esa obriga moral de defensa da terra. Foi un deses momentos que permite un acordo entre xeracións", di. A manifestación, ademais da compoñente de denuncia, "foi como un grande abrazo solidario colectivo", salienta finalmente Rivas, que fai fincapé tamén nas imaxes que se crearon ese domingo en Compostela, moi potentes: "o paraugas, ademais do seu simbolismo como elemento de protección ante a intemperie, ante ese 'mexan por nós', converteuse tamén nun símbolo de emancipación".
Uxía Senlle foi outra das caras máis visibles de Nunca Máis. Sobre esa primeira manifestación lembra que "foi abrumador ver a presenza de tanta xente chegada de tantos lugares da nosa terra, persoas cargadas de indignación, de rabia, de carraxe..." e destaca que "foi unha manifestación histórica, porque ese día levantouse o pobo galego contra algo que xa parecía unha especie de maldición. Pero non era unha maldición, porque o que aconteceu non era unha catástrofe natural, senón que foi consecuencia da mala xestión. A xente saíu á rúa coa vontade de que as cousas mudasen".
Uxía Senlle: "foi unha manifestación histórica, porque ese día levantouse o pobo galego contra algo que xa parecía unha especie de maldición. Pero non era unha maldición, porque o que aconteceu non era unha catástrofe natural, senón que foi consecuencia da mala xestión"
Para Senlle, a manifestación do 1 de decembro "significou un punto de inflexión e tivo un impacto moi grande en moitas persoas, o feito de sentírmonos unidos contra a incompetencia". Explica que a partir desa marcha "houbo moita máis organización e deuse un movemento cívico como nunca se dera en Galicia: absolutamente plural, aberto e con ganas de transformar a nosa realidade" e, ademais, "tamén se puxo en marcha unha autoorganización tanto para a limpeza das praias coma noutros ámbitos". Cita en concreto o da comunicación "para conseguir chegar á xente e poder contar o que estaba sucedendo en realidade", tamén o mundo do ensino "enchendo as aulas de cartaces" e por suposto o da cultura "a través da actividade de Burla Negra e das mani-festa-accións que organizou, entre outras actividades".
O innegable éxito da primeira manifestación de Nunca Máis tivo un efecto inmediato. O Partido Popular e os propios gobernos galego e español coidáronse moito nos días seguintes de criticar a resposta cidadá ou á plataforma organizadora da marcha. Manuel Fraga recoñeceu timidamente que había cousas que se puideran facer mellor e o propio José María Aznar afirmou que "non só comprendía", senón que "compartía" as reivindicacións da manifestación.
A plataforma Nunca Máis e os seus rostros máis visibles foron postos no albo das críticas da prensa de dereitas e mesmo recibiron denuncias xudiciais a cargo do sindicato ultradereitista Manos Limpias e unha investigación impulsada pola propia Fiscalía do Estado
De feito, o Partido Popular tentara sumarse á convocatoria nos días previos, pedindo iso si que fose retirada do manifesto a reclamación de responsabilidades políticas e de dimisións, o que non foi aceptado. Rivas lembra unha chamada de Xesús Palmou neste senso: "eu saía dun enterro, soou o teléfono e pasáronme con el, que pediu en nome do PP incorporarse á manifestación. Eu o que lle dixen era que non era comigo con quen tiña que falar, senón coas organizacións convocantes. Pero iso faiche pensar en que eles tamén percibían os signos de que algo importante estaba a pasar, de que algo se estaba a mover".
Con todo, pouco durou esa actitude comprensiva por parte dos populares. As críticas medraron en paralelo coa continuidade na mobilización social, que se estendeu ao resto de cidades galegas (o mércores 11 de decembro máis de 150.000 persoas manifestáronse en Vigo, 40.000 en Pontevedra, 15.000 en Ourense ou 5.000 en Lugo) e tivo convocatrorias de gran simbolismo, coma a Marea Negra Gaiteira do 6 de decembro, o velorio do mar na Coruña o 28 de decembro ou a manifestación das maletas tamén na cidade herculina o 9 de febreiro.
Manuel Rivas: "foi un anticipo do negacionismo; houbo a consigna de que non se podía falar de “marea negra” nos medios de comunicación, negaron a súa existencia a pesar da evidencia. E anticipou tamén o uso das 'cloacas' do Estado para perseguir a disidencia"
A plataforma Nunca Máis e os seus rostros máis visibles foron postos no albo das críticas da prensa de dereitas e mesmo recibiron denuncias xudiciais a cargo do sindicato ultradereitista Manos Limpias e unha investigación impulsada pola propia Fiscalía do Estado, tentando converter o 'caso Prestige' no 'caso Nunca Máis'. Houbo acusacións moi graves e mesmo membros do Goberno central chamaro "separatistas", "comunistas" ou "batasunos" aos integrantes de Nunca Máis. "Ese era o nivel de estigmatización e de criminalización da protesta", destaca Rivas.
Finalmente, mesmo se tentou prohibir a realización da manifestación de Nunca Máis en Madrid do 23 de febreiro. A plataforma tivo que recorrer xudicialmente a decisión, e finalmente foi autorizada, "pero a primeira intención foi reprimir a protesta", lembra Rivas, que destaca que "o que pasou con Prestige e con Nunca Máis foi un anticipo de moitas cousas. Anticipa por exemplo o negacionismo; houbo a consigna de que non se podía falar de “marea negra” nos medios de comunicación, negaron a súa existencia a pesar da evidencia. E despois anticipa o uso das 'cloacas' do Estado para perseguir a disidencia".
Uxía Senlle: "Foron momentos duros, porque ves a maquinaria do poder traballando a tope, pero non conseguiron os seus obxectivos. O medo é paralizante, pero a nós non nos paralizou o medo nin o temor a represalias persoais"
Para Manuel Rivas, a primeira reacción no Partido Popular "foi de estupor". "Ao igual que se desbordou Santiago, a manifestación descolocou ao poder, que ademais se atopaba nun momento de poder case absoluto, tanto en Galicia coma no Estado. A maioría absoluta transformábase nunha sensación de poder absoluto, de que nada se movía fóra del", explica. O problema, engade, é que "eles non se decataban de que esa sensación de descontento abranguía a unha gran parte da sociedade e ía máis aló dos partidos da oposición e ía máis aló tamén dunha especie de perrencha colectiva momentánea. Era moito máis profundo".
"Vinte anos despois é importante lembrar todo o que pasou, lembrar sobre todo que o único xeito de cambiar as cousas é así, mobilizándose", destaca Senlle
Uxía Senlle subliña que os ataques recibidos por Nunca Máis e os seus rostros máis visibles buscaba "minar a moral de todo o mundo e contrarrestar a forza do movemento con insultos e con denuncias falsas". "Foron momentos duros, porque ves a maquinaria do poder traballando a tope, pero non conseguiron os seus obxectivos. O medo é paralizante, pero a nós non nos paralizou o medo nin o temor a represalias persoais", comenta. E conclúe: "todo iso aínda fixo que fósemos máis fortes, porque sabíamos que era o pobo unido o que estaba aí, detrás da plataforma. Ademais tiñamos do noso lado as informacións da comunidade científica e do sector do mar, que sabían perfectamente o que estaba a pasar".
Manuel Rivas: "Unha das fake news que circula sobre a mobilización que seguiu ao Prestige é que non serviu para nada politicamente. Pero claro que serviu: dous anos máis tarde houbo un cambio na Xunta"
Rivas salienta finalmente, os efectos políticos que tivo a mobilización de Nunca Máis. "Unha das fake news que circula sobre a mobilización que seguiu ao Prestige é que non serviu para nada politicamente. Pero claro que serviu: dous anos máis tarde houbo un cambio na Xunta e no 2004 cambiou tamén o Goberno en Madrid", conclúe.
"Vinte anos despois é importante lembrar todo o que pasou, lembrar sobre todo que o único xeito de cambiar as cousas é así, mobilizándose", destaca finalmente Uxía Senlle. E remata: "son leccións das que podemos tomar nota no presente, porque na actualidade temos outras urxencias e inxustizas, dende o cambio climático á sanidade, polas que é necesario mobilizarse".