A plataforma de sanitarios de Nunca Máis reclamou un estudo epidemiolóxico para coñecer os efectos do chapapote nas persoas que o recollían, as administracións non o promoveron ata catro meses despois do naufraxio, cando a maior parte xa fora retirado
A saúde das persoas que estaban en contacto directo co chapapote non foi unha prioridade para as autoridades no naufraxio do Prestige, que rematou na catástrofe da que agora se fan vinte anos. O 14 de febreiro de 2003, tres meses despois de que o petroleiro comezara a verter fuel fronte á costa galega, 2.590 profesionales da sanidade galega asinaron un manifesto solicitando a realización dun estudo epidemiolóxico sobre os efectos do chapapote nas persoas que estaban na primeira liña da recollida.
"Avisamos aos medios de comunicación, pero non se facían eco da nosa petición. Por iso, organizámonos e pagamos dos nosos petos un anuncio de dúas páxinas en La Voz de Galicia. Os nomes aparecen nun tamaño de letra tan pequeno que case non se le, pero era para que entrasen en só dúas páxinas", lembra o médico especialista en Medicina Preventiva Francisco Vázquez Vizoso, quen apunta que a orixe da mobilización foi "o cabreo polas mentiras". "Milleiros de persoas sometéronse a uns niveis de exposición que desde o punto de vista da saúde era problemática, pero estaban salvando o seu mundo e os seus medios de traballo. Daquela a Xunta era absolutamente refractaria a facer un estudo epidemiolóxico e iso crispaba moito aos sanitarios", argumenta.
"O silencio da administración sobre os aspectos toxicolóxicos da marea de fueloleo é inaceptábel", defendían os sanitarios de Nunca Máis
"O fuel do Prestige é un producto tóxico clasificado pola Axencia Internacional contra o Cancro (IARC) como 'potencialmente canceríxeno en humanos'. Como cidadáns libres, queremos ter información. O silencio da administración sobre os aspectos toxicolóxicos da marea de fueloleo é inaceptábel", sinalaban no manifesto de constitución da plataforma galega de sanitarios/as de Nunca Máis, que acompañaba a unha listaxe de nomes divididos por comarcas, e no que tamén destacaban que "recoller información dos efectos agudos sobre a saúde da exposición ao chapapote" e "a publicación periódica desa información na web do Sergas" sería "positivo".
"Sen embargo, se está atrasando dun xeito irresponsábel o inicio do estudio epidemiolóxico que nos permita coñecer os efectos do chapapote sobre a saúde humana a medio e longo prazo", criticaban naquel manifesto. Ese estudo chegou aos catro meses do sinistro, cun volume de chapapote moito menor na costa e moitos voluntarios xa lonxe de Galicia. De feito, nunca se chegou a estudar á xente do mar que lle fixo fronte primeiro á marea negra. No momento no que se realizou o traballlo de campo –entre o 25 de marzo e o 31 de maio de 2003– con 858 participantes, xa había medidas de protección e persoas contratadas para a limpeza de praias e rochas.
Máis da metade do chapapote do Prestige estaba composto por hidrocarburos aromáticos, considerados como "os principais responsables do posible efecto carcinoxénico do fuel"
O traballo 'Recollida e limpeza do fuel do Prestige. Avaliación da exposición e danos á saúde en voluntarios e traballadores', dirixido polos expertos Juan Gestal, Ernesto Smyth Chamosa, Adolfo Figueiras Guzmán e Agustín Montes Martínez da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, co financiamento da Fundación Arao, publicouse en xuño de 2003. "Durante o tempo do traballo de campo desta investigación, de finais de marzo a xuño, produciuse unha importante diminución dos voluntarios, que pasaron de 32.874 no mes de marzo, a 23.738 en abril e 5.456 no mes de maio", explícase na introdución.
Nos resultados deste informe descríbese o fueloil do Prestige como "un produto moi viscoso, insoluble en auga, co cheiro típico do petróleo, que contén un 52,7% de hidrocarburos aromáticos, un 22,9% de hidrocarburos saturados e un 24,4% de resinas e asfaltenos" e apuntan que as súas características son moi similares ás do vertido polo Erika no ano 1999. Atendendo á composición do chapapote hai tres grupos de substancias potencialmente perigosas para a saúde nas que se fixaron: os compostos orgánicos volátiles como o benceno, importante carcinóxeno, do que se explica que "a súa volatilidade fai que a penetración no organismo por vía respiratoria sexa moito máis doada que a doutros compostos"; os hidrocarburos aromáticos policíclicos, considerados como "os principais responsables do posible efecto carcinoxénico do fuel"; e os metais pesados, como aluminio, níquel, zinc, chumbo, cadmio e vanadio, que "están relacionados con disfuncións inmunolóxicas importantes".
Este estudo, encargado no mes de marzo de 2003 pola Consellería de Sanidade, tiña tres obxectivos. Caracterizar a exposición á que estiveron sometidos os diferentes tipos de poboacións involucradas nas tarefas de recollida do fuel. Avaliar a frecuencia de afeccións agudas entre os suxeitos expostos á marea negra. E determinar o incremento de risco de afeccións agudas en función do grao de exposición á marea negra.
As persoas voluntarias que non eran fumadoras naquela altura, mostraron un incremento de substancias potencialmente canceríxenas na súa ouriña relacionado coa maior exposición ao chapapote
As conclusións recollen que "tanto nos voluntarios como nos traballadores de recollida do fuel se observou un incremento das concentracións medias de ∑ hidroxifenantrenos na urina do 55% nos voluntarios, e do 27% nos traballadores entre a mostra tomada no inicio da semana e a tomada despois de catro ou cinco días de traballo". Estas substancias son hidrocarburos aromáticos policíclicos e poden ser causantes do cancro de pulmón, pel e vexiga.
Na análise sobre o grupo de poboación que participa no estudo explican que a media de idade dos voluntarios e voluntarias é máis de dez anos menor que a dos traballadores. Así mesmo, máis do 60% das persoas voluntarias son mulleres, mentres que no grupo dos traballadores estas non chegan ao 30%. Só os traballadores estiveran expostos previamente ao fuel, sobre todo en zonas de contaminación alta, especifican no informe.
"A exposición ao fuel vertido polo buque Prestige comporta un aumento en sangue da concentración de níquel, aluminio e chumbo nalgúns dos grupos estudados. Principalmente os niveis de níquel e aluminio en sangue parecen ser bos indicadores de exposición a este fuel, aínda que todos os valores se encontran dentro das marxes consideradas normais", sinalan no informe. De superar estes valores, a exposición a estes compostos pode provocar, entre outras enfermidades, cancro de pulmón.
Agustín Montes fai fincapé en que as conclusións do estudo apoiaban que "non había perigo" e que "o risco era baixo", pois "non foran exposicións moi graves ou preocupantes"
As persoas voluntarias que non eran fumadoras naquela altura, mostraron un incremento de substancias potencialmente canceríxenas na súa ouriña relacionado coa maior exposición ao chapapote. Isto foi detectado polos expertos en comparación coas persoas fumadoras que tamén participan no estudo, que xa tiñan certos niveis de compoñentes como o hidroxipireno e os hidroxifenantrenos na súa ouriña en relación co seu consumo de tabaco.
Os expertos apuntan no informe que "sería interesante" volver cuantificar os niveis de níquel nas persoas que estiveron recollendo chapapote e nas que traballaron con máquinas hidrolimpadoras de volta no ano 2006 (tres anos despois), "xa que en ambos os dous grupos se observan aumentos significativos da concentración sanguínea de níquel". Porén, o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Agustín Montes explica a Praza.gal que "non se fixo seguimento", polo menos, o mesmo equipo non o fixo e non ten noticia de que se levara acabo noutro sitio. "Como pasou co Plan Galicia, houbo cartos naquel momento e logo xa non", apunta.
Agustín Montes fai fincapé en que as conclusións do estudo apoiaban que "non había perigo" e que "o risco era baixo", pois "non foran exposicións moi graves ou preocupantes" ao chapapote. "É importante resaltar que os cambios inmunolóxicos e hormonais observados se atopan dentro das marxes de normalidade fisiolóxica. Non obstante, estes resultados suxiren a conveniencia de facer un seguimento das poboacións estudadas para verificar que non aparezan posteriores disfuncións nun futuro próximo", inciden no informe.
Un dos efectos das mareas negras é "o incremento dos problemas psicolóxicos e psiquiátricos entre a poboación afectada"
A saúde mental
"Os problemas de saúde percibidos con mais frecuencia polos voluntarios foron os trastornos psico-neurolóxicos, que afectaron a entre unha cuarta parte e un terzo dos suxeitos estudados", maniféstase no estudo. As peticións da plataforma galega de sanitarios/as de Nunca Máis tamén alertaban duns efectos sobre a poboación que poderían ser menos visibles, pero que ían chegar. "A literatura científica sobre as mareas negras é concluínte en que un dos seus efectos a medio e longo prazo é o incremento dos problemas psicolóxicos e psiquiátricos entre a poboación afectada", defendían no seu manifesto fundacional.
"Até o momento a administración non presentou ningún tipo de proposta de como vai facer fronte aos problemas de saúde mental que sabemos vai provocar a marea negra do Prestige. A nosa plataforma considera que cómpre reforzar dun xeito estábel a deficiente rede de saúde mental existente, nomeadamente na Costa da Morte, así como elaborar un plan de actuacións que contemple actuacións de prevención e asistencia da poboación vulnerábel e en risco, así como a avaliación dos efectos das medidas tomadas", reclamaban daquela.