O Goberno galego fixo que as universidades nomeasen representantes pero en 2016 mudou a normativa para só convocar os expertos “sempre que a continxencia o requira” ou “se cómpre”, algo que el mesmo decide
Tras sucesivas melloras materiais e normativas tras o accidente do Prestige, en 2012 a Xunta aprobou un decreto co que seguiu reformando a estrutura e organización do seu plan de actuación ante a contaminación mariña e estableceu a creación dun Comité Técnico Asesor na materia. O Goberno galego fixo que as universidades nomeasen representantes, pero en 2016 mudou a normativa para só convocar os expertos “sempre que a continxencia o requira” ou “se cómpre”, algo que decide a propia Xunta.
Isto fixo que ata agora eses expertos nunca se reunisen. Só o farán se hai unha emerxencia catalogada como de nivel medio e, mesmo nese caso, se a Xunta así o decide.
O decreto aprobado en 2012 para seguir mellorando as actuacións da Xunta en materia de contaminación mariña establecía que “o Comité Técnico Asesor é o órgano que desenvolve funcións de asesoramento técnico e científico no Centro de Coordinación Operativa” que o Goberno galego ten que crear ante cada evento de contaminación mariña. Porén, esa redacción foi mudada en 2016 para introducir o matiz de “sempre que a continxencia o requira”.
O Comité Técnico Asesor só sería convocado ante unha emerxencia de nivel medio, que segundo dixo a Xunta o venres só se deu nunha ocasión na última década, pero incluso neses casos só se faría se así o quere o Goberno galego
Tanto na redacción de 2012 como na de 2016 estableceuse que ese comité asesor está integrado por persoal técnico da propia Xunta. E "así mesmo, poderán formar parte deste comité representantes das universidades galegas, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas” e dos centros do Instituto Español de Oceanografía con sede en Galicia.
Tamén se fixou que “para poder formar parte deste comité, no caso das universidades galegas” e dos outros dous centros de investigación estatais estes “deberán nomear unha persoa representante e comunicalo á consellería competente na materia”, algo que as universidades fixeron hai dez anos. Pero ese comité nunca se reuniu.
Ademais de establecer na modificación do decreto de 2012 aprobada en 2016 que o comité asesor só será convocado cando “a continxencia o requira”, aquela norma tamén remite ao Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal), o último deles de 2021. Nel dise que a competencia para dirixir ese plan e as actuacións ante un evento de contaminación é da "persoa titular da Subdirección xeral de Gardacostas de Galicia”, e entre os seus cometidos está “convocar e constituír, se cómpre, o Comité Técnico Asesor” no seo do centro de coordinación que atenda cada emerxencia.
Pero mesmo esa convocatoria e constitución está limitada no Plan Camgal ás emerxencias de nivel medio dentro dos distintos niveis de aplicación do documento que se contemplan: permanente, alerta, emerxencia de nivel mínimo, emerxencia de nivel medio e emerxencia de nivel máximo, neste último caso con intervención das autoridades estatais.
O Comité Técnico Asesor en materia de contaminación mariña queda así restrinxido a unha actuación excepcional que ata agora nunca se deu. O pasado venres, dous días antes do aniversario do accidente do Prestige, e no marco dun simulacro de actuación ante a contaminación mariña, a propia Consellería do Mar fixo balance das activacións do Plan Camgal desde 2012, un total de 75, “das que 67 foron en fase de alerta, sete en situación 1 (emerxencia de nivel mínimo) e unha en situación 2 (emerxencia de nivel medio)”.
Porén, a propia Xunta informou cando menos en 2020 de dúas activacións distintas do nivel medio en setembro e decembro daquel ano. En todo caso, o Comité Técnico Asesor en materia de contaminación mariña creado en 2012 e para o que as universidades designaron expertos nunca foi reunido, tampouco en simulacros.