Lembramos os primeiros mariñeiros que, hai agora vinte anos, se botaron ao mar para tentar frear o chapapote do Prestige
Son días propicios para a memoria. O vixésimo aniversario do accidente do Prestige, do paseo do petroleiro pola costa ata o seu afundimento, da xestión política da catástrofe, da emerxencia ambiental e da emerxencia da Plataforma Nunca Máis… Son recordos que tiran fíos non de chapapote, senón de lembranzas, que nos levan a aquel outono e inverno 2002-2003 e nos convidan a revisitar esa memoria colectiva do país. Tamén contribuír a construíla.
No anterior episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, estivemos percorrendo as palabras do Prestige. Neste novo episodio propuxémonos seguir facendo memoria tirando dalgúns outros destes fíos. Para fixarnos, por exemplo, nas xentes da costa que foron as primeiras en botarse ao mar para tentar frear o chapapote, cando xa había marea negra pero aínda non chegara a marea branca de solidariedade que veu despois.
Con varias desas persoas falou Ana G. Liste, xornalista de Praza.gal, para elaborar unha reportaxe á que neste episodio poñemos sons como o da voz de Manolo Maneiro, mariñeiro que naqueles días era tamén patrón maior da Pobra do Caramiñal. El foi un dos primeiros que se botou ao mar para tentar frear o chapapote. Inicialmente, el e os seus compañeiros agardaban algo semellante ao doutras ocasións, atopar algunhas "galletas". Pero ao pasaren a illa de Sálvora xa se decataron de que o que había no mar non se correspondía co que as autoridades afirmaban nos medios de comunicación.
Manter a memoria do acontecido co Prestige é precisamente a intención dun dos proxectos lanzados por Praza.gal polo vixésimo aniversario do naufraxio. Dende a conta de Twitter @Prestige20anos propuxémonos relatar o día a día do desastre ecolóxico e da posterior mobilización social. A evolución do barco, as declaracións dos políticos, as primeiras críticas pola falta de medios, as primeiras manchas de fuel na costa ou a organización do movemento Nunca Máis. Para coñecer máis da iniciativa falamos co seu principal responsable, o noso compañeiro Marcos Pérez Pena.
Coñecemos máis dunhas das iniciativas de Praza para recordar a catástrofe e achegámonos á xornada organizada en Bruxelas por Ana Miranda, eurodeputada do BNG ao fío do aniversario do naufraxio
A loita contra os múltiples efectos do Prestige e da xestión da catástrofe tivo moitas frontes e unha delas foi europea, no Parlamento Europeo. A Plataforma Nunca Máis lograra chegar ata a Eurocámara e, coa axuda de quen daquela era eurodeputado do BNG, Camilo Nogueira, puideran expoñer as súas demandas aos grupos. O seu impulso tamén fora clave para que o propio Parlamento Europeo abordase nunha comisión específica a seguridade marítima.
Agora, ao fío deste aniversario, a actual eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organizou en Bruxelas unha conferencia centrada no accidente do Prestige con persoas que viviron a catástrofe de primeira man e tamén con voces expertas para debullar se os sistemas de seguridade e salvamento melloraron nestas dúas décadas. No tramo final do episodio sabemos algo máis desta xornada antes de que, no vindeiro Fálase, Miranda nos acompañe para abordarmos o máis destacado do falado e tamén lembrar cal foi o impacto do Prestige nas institucións europeas.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.