Ata o "quinto pino": os seis días nos que o Prestige paseou pola costa galega entre mentiras e medias verdades

O Prestige, nunha imaxe tirada o 15 de novembro © Bahamasmaritime

O 19 de novembro de 2002 ás 16.18 horas, afundiu a proa do Prestige, cinco horas despois de que o fixera a popa e oito dende que o barco partira en dous. O petroleiro atopábase a 130 millas da costa (uns 240 quilómetros). Nos seis días anteriores o petroleiro -que o 13 de novembro lanzara o seu primeiro sinal de socorro- percorrera uns 437 quilómetros fronte ás costas galegas, primeiro cara ao leste, despois cara ao noroeste, despois cara ao sur e finalmente cara ao suroeste e oeste. 

Entre o 13 e o 19 de novembro o Prestige percorreu uns 437 quilómetros fronte ás costas galegas

Nese longo e estrafalario paseo polo litoral galego, o buque foi perdendo miles de toneladas de fuel que saía da fenda cada vez máis grande que se abrira no seu casco. Descartada a opción de levar o petroleiro a un porto-refuxio, o obxectivo era afastar o barco da costa o máis posible ("al quinto pino", como supostamente afirmou o ministro de Fomento Francisco Álvarez-Cascos), pero fíxose de forma errática, nun proceso que empeorou as feridas que presentaba a estrutura e, ademais, cos gobernos galego e español difundindo medias verdades ou directamente mentiras sobre a situación do barco e as probabilidades de que se producira unha marea negra.

O 19 de novembro finalizou o primeiro capítulo da catástrofe e comezou a verdadeira traxedia. Aínda que xa dende o 14 de novembro pequenas cantidades de fuel comezaran a chegar ás costas galegas, unha vez afundido o barco a sociedade galega foi verdadeiramente consciente de que unha imparable marea negra se achegaba ao litoral. Xurdiu a reacción cidadá ante a nefasta xestión política e tamén unha marea branca de voluntarios e voluntarias. E, ademais, as mentiras lanzadas dende as fontes oficiais foron cada vez máis evidentes. O poder ficou espido.

Durante o errático paseo do Prestige os gobernos galego e español difundiron medias verdades ou directamente mentiras sobre a situación do barco e as probabilidades de que se producira unha marea negra

Na catástrofe do Prestige uniuse unha sucesión de factores que levaron ao desastre. A poucas millas de Fisterra pasaban cada día ao redor de 600 petroleiros, moitos deles antigos (o Prestige tiña 26 anos) e monocasco (que aínda non foran prohibidos en Europa). Esta circunstancia, unida ao mal estado da mar na zona, levara nos trinta anos anteriores a unha sucesión de sinistros de graves consecuencias (os nomes de Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo..., repetíanse esas semanas como unha ladaíña) e a outros incidentes que estiveran a piques de se converter igualmente en traxedias. A pesar diso, España non contaba cos remolcadores axeitados, carecía de buques anticontaminación, de barreiras anticontaminación suficientes e tampouco existían portos refuxio onde destinar os buques que puidesen presentar problemas. 

Houbo, así mesmo, actitudes por parte do armador do Prestige que empeoraron a situación do barco, que simbolizaba as esencias do capitalismo globalizado aplicado ao transporte marítimo. O Prestige era propiedade dunha navieira de Liberia, pero era explotado pola empresa grega Universe Maritime; navegaba con bandeira de Bahamas e a carga de petróleo era dunha compañía rusa radicada en Suíza.   

Na catástrofe do Prestige uniuse unha sucesión de factores que levaron ao desastre, pero a xestión política do accidente empeorou os efectos do vertido de petróleo

Pero, ademais, a xestión política do accidente empeorou os efectos do vertido de petróleo. Na mañá do 14 de novembro o barco amenceu a tan só catro millas de Muxía, ante as dificultades que atoparon os remolcadores para amarrar o buque. Nese momento tomouse a decisión de afastar o barco da costa e, efectivamente, un día despois o Prestige, que tomara rumbo noroeste, atopábase a máis de 60 millas de Fisterra. Porén, a situación do barco era moi deficiente: a acción dos motores abriu aínda máis a fenda que presentaba o casco. E, ademais, a empresa Smit Salvage, contratada polos armadores, tomou a decisión de levar o barco cara ao sur, posiblemente buscando algún porto africano no que poder transvasar a valiosa carga do petroleiros.

Percorrido do Prestige entre o 13 e o 19 de novembro, nun gráfino elaborado polo goberno de Bahamas © Bahamasmaritime

Comezara o errático paseo do Prestige polo litoral galego e comezaran tamén as medias verdades (ou as mentiras) dos representantes dos Gobernos galego e español. "O risco de que o fuel chegue á costa non é moi alto", dixo o 15 de novembro o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga. "O problema entrou en vías de solución", afirmaba ao día seguinte Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno en Galicia. "Non é unha marea negra, é tan só un vertido de fuel", engadía ese mesmo 16 de novembro de novo López Veiga, despois de anunciar a prohibición da pesca entre Oleiros e Fisterra, ante a chegada á costa de cada vez máis fuel.

Cómpre lembrar o contexto político: o PP de Fraga levaba 13 anos gobernando con maioría absoluta en Galicia e no Estado José María Aznar comezara a súa triunfante segunda lexislatura, tamén cunha cómoda e absolutísima maioría

Outros nin sequera daban a cara. Semanas despois sóubose que nos primeiros días da catástrofe, tanto o presidente da Xunta, Manuel Fraga, coma o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, marcharan de caza, desentendéndose do problema. O primeiro representante do Goberno central en pisar a costa galega tardou seis días en facelo. Foi Mariano Rajoy, que o 19 de novembro levou a cabo unha visita fugaz á Costa da Morte, de apenas unhas horas. Cómpre lembrar o contexto político: o PP de Fraga levaba 13 anos gobernando con maioría absoluta en Galicia e no Estado José María Aznar comezara a súa triunfante segunda lexislatura, tamén cunha cómoda e absolutísima maioría.

A información oficial era escasa e quedaba desmentida pola realidade apenas unhas horas despois. Nun tempo no que o uso de internet apenas era incipiente, algunhas persoas comezaron a consultar a prensa estranxeira ou centros de investigación foráneos coma o CEDRE francés para obter novas fiables

A información oficial era escasa e quedaba desmentida pola realidade apenas unhas horas despois. Nun tempo no que o uso de internet apenas era incipiente, algunhas persoas comezaron a consultar a prensa estranxeira ou centros de investigación foráneos coma o CEDRE francés para obter novas fiables. As confrarías de pescadores comezaron xa neses primeiros días a denunciar a descoordinación e a ausencia de comunicación e empezaron a organizarse pola súa conta para tentar deter a marea negra que se achegaba ao litoral. 

Nos días seguintes o paseo continuou. Lentamente, o barco avanzou primeiro cara ao sur e despois -obrigado polas autoridades portuguesas- cara ao suroeste. Tamén continuaban as declaración dos políticos, entre o triunfalismo e o disparate. O ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, afirmaba o 17 de novembro que "a rápida actuación das autoridades españolas evitou unha verdadeira catástrofe pesqueira e ecolóxica". Federico Trillo, ministro de Defensa, propuxo bombardear o barco "con avións Harrier ou F18 para producir o incendio do combustible ou o afundimento", unha posibilidade disparatada e, ademais, inútil pois o petróleo que transportaba o Prestige non ardería.

Momento do afundimento do Prestige, tras partir en dous, o 19 de novembro de 2002 © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Na primeira semana instaláronse ao redor de 18 quilómetros de barreiras anticontaminación (ineficaces ademais ante as ondas de gran tamaño), pero había máis de 300 quilómetros de costa gravemente afectada

Mentres, o fuel seguía a chegar á costa. Na primeira semana instaláronse ao redor de 18 quilómetros de barreiras anticontaminación (ineficaces ademais ante as ondas de gran tamaño), pero había máis de 300 quilómetros de costa gravemente afectada. A única solución proposta chegou en forma de cheque. O 18 de novembro o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, afirmaba exultante: "a Xunta vailles dar ás 4.000 familias afectadas o turrón e se despois pode vir o mazapán por parte do Goberno central e da UE, mellor". 

Apenas unhas horas despois, o barco chegaba ao final da súa escapada. Ás oito da mañá do 19 de novembro o Prestige partiu pola metade, o que provocou un novo vertido, aínda máis importante que os anteriores. En conxunto, nos seis días anteriores buque guindou ao mar varias decenas de miles de fuel, aínda que a versión oficial do Goberno español, a cargo do delegado Arsenio Fernández de Mesa era que "a ojo de buen cubero" o Prestige vertera "3000 o 4000 toneladas".

O Prestige descendeu ata o fondo do mar, a máis de tres mil metros de profundidade. Nas semanas seguintes do pecio seguiu saíndo petróleo, unhas 125 toneladas cada día, a pesar de que Arsenio Fernández de Mesa asegurou aos medios o 20 de novembro que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín"

O Prestige descendeu ata o fondo do mar, a máis de tres mil metros de profundidade. Nas semanas seguintes do pecio seguiu saíndo petróleo, unhas 125 toneladas cada día, a pesar de que Arsenio Fernández de Mesa asegurou aos medios o 20 de novembro que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en adoquín". O 22 de novembro apareceron dúas grandes manchas sobre o lugar onde afundiu o barco. Organismos portugueses e franceses sinalaban que tiñan a súa orixe no fuel que segue saíndo do buque. Houbo que agardar dúas semanas máis para que Mariano Rajoy, vicepresidente e portavoz do Goberno, recoñecera finalmente que o fuel seguía saíndo do barco, pero reduciu o problema a "unos pequeños hilitos, cuatro en concreto, cuatro regueros solidificados con aspecto de plastilina en estiramiento vertical".

Manifestación de Nunca Máis en Santiago o 1 de decembro de 2002 © Nunca Máis

O 19 de novembro comezou a conta atrás para a chegada da gran marea negra e unha gran parte da sociedade galega sentiu que fora abandonada á súa sorte polos dous gobernos

O 19 de novembro comezou a conta atrás para a chegada da gran marea negra e unha gran parte da sociedade galega sentiu que fora abandonada á súa sorte polos dous gobernos. 80 anos antes o poeta Manuel Antonio escribira "fomos ficando SÓS, o mar o barco e máis nós", triste profecía da negra sensación que pairaba sobre o litoral galego. O fuel chegaba á costa cada vez con maior intensidade, pero sobre todo vixiábase unha gran mancha que día a día se atopaba máis preto do litoral. O 30 de novembro esta gran mancha estaba xa a 1 quilómetro da costa. Nese momento sete buques anticontaminación loitaban contra o fuel, pero ningún deles era español, pois o país carecía deste equipamento. 

O 1 de decembro a marea negra chegou ás praias, o mesmo día que 200.000 persoas se manifestaron en Compostela convocadas pola plataforma Nunca Máis, nunha marcha que baixo os paraugas esixiu dimisións e clamou contra as "mentiras" dos gobernos ao berro de "O do bigote, que limpe o chapapote" ou "Fraga, a rúa xa non é túa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.