O Prestige verteu miles de toneladas de petróleo que chegou durante semanas á costa galega. Os efectos medioambientais foron terribles e inmediatos. Morreron entre 125.000 e 300.000 aves, medio milleiro de tartarugas, medio cento de cetáceos, ademais de lobos mariños, lontras, por suposto peixes e moitos outros animais. De igual xeito, as poboacións dalgunhas aves peláxicas como o arao dos cons, non se recuperaron e na actualidade considéranse extintas. Os ecosistemas, moi danados, tardaron anos en recuperarse, pero o litoral atlántico galego amosou unha gran capacidade para rexenerarse, de xeito que cinco ano despois do desastre, a produtividade biolóxica case recuperara os niveis previos á catástrofe.
Fica "a sensación, fundamentada en feitos e experiencias, de que outro Prestige pode ser posíbel en calquera momento porque a xestión dos riscos non está á altura das posíbeis consecuencias dun novo accidente", di ADEGA
"Os impactos da vertedura sobre os ecosistemas naturais fóronse diluindo co tempo", destaca ADEGA nun balance das consecuencias do desastre 20 anos despois. Porén, lembra que o fuel chegou a penetrar no Parque Nacional das Illas Atlánticas, en parques naturais, Lugares de Interese Comunitario e Zonas de Especial Protección de Aves) e que os impactos que provocou sitúan a marea negra do Prestige "como unha das peores a nivel mundial por número de especies e espazos naturais afectados".
Así mesmo, ADEGA salienta que a día de hoxe "aínda seguen a aparecer periodicamente manchas de chapapote identificadas como procedentes do vertido do Prestige, mobilizadas polas marusías dende vellos acúmulos en fondos ou puntos de difícil acceso na costa".
O litoral atlántico galego amosou unha gran capacidade para rexenerarse, de xeito que cinco ano despois do desastre, a produtividade biolóxica case recuperara os niveis previos á catástrofe
O ecoloxismo fai balance dúas décadas despois das consecuencias que deixou o vertido do Prestige e, alén da recuperación maior ou menor dos ecosistemas danados, chama a atención sobre a posibilidade, aínda aberta, de que o problema se reproduza. ADEGA conclúe que fica "a sensación, fundamentada en feitos e experiencias, de que outro Prestige pode ser posíbel en calquera momento. Porque a xestión dos riscos non está á altura das posíbeis consecuencias dun novo accidente, e porque as súas causas, maiormemte estruturais, persisten".
De igual xeito, Ecoloxistas en Acción incide en que "20 anos despois non estamos exentos dun novo desastre ecolóxico debido á nosa gran dependencia do petróleo". E sinala que o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. A entidade lembra neste senso o accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares hai dous anos. "Temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos", subliña.
Greenpeace sinala que “é desolador ver que non aprendemos nada. Hoxe podería repetirse” e lembra que as condicións para que se produza outro evento catastrófico de similares características "seguen presentes"
Na mesma liña Greenpeace sinala que “é desolador ver que non aprendemos nada. Hoxe podería repetirse” e lembra que as condicións para que se produza outro evento catastrófico de similares características "seguen presentes". Polo Corredor de Fisterra seguen a pasar máis de 36.000 barcos ao ano, un 35% con mercadorías perigosas como o petróleo. Aproximadamente o 70% do transporte marítimo de petróleo na Unión Europea, cifrado en máis de 800 millóns de toneladas, realízase fronte ás costas do Atlántico e do Mar do Norte.
Para conmemorar o tráxico aniversario do Prestige a ONG volveu aos lugares máis afectados polo “chapapote” e realizou un documental testemuñal con voces que viviron en primeira persoa a desfeita e actuaron para pór solucións
Os combustibles fósiles "son os principais responsables da crise climática na que estamos mergullados", destaca Greenpeace
A organización subliña que "os combustibles fósiles, desde a súa extracción, transporte e consumo, xeran enormes emisións de gases con efecto invernadoiro e irreparables danos ambientais", resumindo que "son os principais responsables da crise climática na que estamos mergullados".
Sara del Río, responsable de investigacións de Greenpeace, destaca que “o desastre do Prestige revela como ningún outro a impunidade coa que actúa a industria dos combustíbeis fósiles. A regulamentación do transporte marítimo está deseñada á medida dunha industria que trata de sacar beneficio ata as últimas consecuencias. Unha industria que nunca se fará cargo dos 4.442 millóns de euros nos que a Fiscalía española cifrou os danos económicos e ambientais da catástrofe e da que só se cobrou un 4%”
Ecoloxistas en Acción incide en que "20 anos despois non estamos exentos dun novo desastre ecolóxico debido á nosa gran dependencia do petróleo"
Ademais, Ecoloxistas en Acción destaca que "20 anos despois os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada" pois "aínda queda chapapote baixo a area". "Atopámonos ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas", conclúe a organización, que reclama que "se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes".
A entidade urxe a "mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima", así como a aumentar "a cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia" e lembra que "hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos". Neste senso tamén ADEGA subliña que estes sentinazos "constitúen a principal fonte da contaminación por hidrocarburos dos mares" e insta a adoptar medidas para evitalos.
Na costa galega "hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos"
En termos semellantes pronunciouse nos últimos días a Plataforma Nunca Máis, que alertou de que persisten "perigos" nos buques que transportan mercadorías perigosas con bandeiras de conveniencia e insiste na necesidade de vixiar o estado dos restos do petroleiro, onde "segue habendo 1.100 toneladas de fuel".
As medidas lexislativas foron suficientes?
ADEGA valora tamén as medidas lexislativas adoptadas inmediatamente despois da catástrofe do Prestige e nos anos seguintes, avances innegables que mellorar a seguridade no mar, pero que ao igual que sucedera despois do accidente do Erika, só chegaron despois dun desastre medioambiental. ADEGA critica neste senso que "hai unha preocupante tendencia a abordar a cuestión da protección dos océanos a golpe de sinistro, o que apunta, como pouco, a unha falla de dilixencia dos poderes públicos en adiantarse ás posíbeis consecuencias doutra catástrofe para o medio mariño, indefenso perante as incidencias do tráfico comercial marítimo".
ADEGA critica que o Plano territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia, aprobado pola Xunta en 2012, segue sen designar portos refuxio aos que poder trasladar a un buque accidentado
En canto á normativa estritamente galega, a asociación ambientalista critica que o Plano territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia, aprobado pola Xunta en 2012, segue sen designar portos refuxio aos que poder trasladar a un buque accidentado, desoíndo a Directiva 2009/17/CE relativa ao establecemento dun sistema comunitario de seguimento e información sobre o tráfico marítimo.
Para ADEGA, ademais, o plano presenta unha análise de riscos "preocupantemente incompleta", especialmente no que atinxe aos sentinazos. Así mesmo, critica que no plano as verteduras contaminantes procedentes de terra "non representan un risco importante de contaminación". "En consecuencia non identifica os posíbeis focos, nen as actividades ou industrias potencialmente perigosas e contaminantes que hai no litoral", sinala.
10.000 toneladas de chapapote almacenadas nas Somozas e "sen tratamento"
ADEGA alerta sobre a existencia, aínda 20 anos despois, de 10.000 toneladas de restos de chapapote que continúan almacenadas nunha antiga balsa de pluviais nas Somozas e "sen tratamento"
Finalmente, ADEGA incide na súa preocupación polos restos de fuel do Prestige que nos meses seguintes ao afundimento do petroleiro foron recollidos nas costas galegas, ao redor de 90.000 toneladas de refugallos, das que inicialmente 60.000 foron almacenadas na planta de SOGARISA, nas Somozas, 20.000 en Cerdeda e outras 10.000 "en diferentes puntos". A entidade alerta especialmente sobre a existencia, aínda 20 anos despois, de 10.000 toneladas de restos de chapapote que continúan almacenadas nunha antiga balsa de pluviais nas Somozas e "sen tratamento".
Así mesmo, ADEGA incide en que das 80.000 toneladas tratadas por SOGARISA nos últimos 20 anos, 9.600 eran de plásticos e 6.400 de fuel. "Valorizáronse, isto é, incineráronse, 956 toneladas de plásticos e 482 de fuel, isto é, un 10,2% e un 7,5% respectivamente. Onde foron logo o resto dos plásticos e do fuel?", pregúntase a entidade, que conclúe: "se consideramos que estes eran o verdadeiro refugallo, resulta que o 91% de plásticos e fuel foi ao vertedoiro".
Alegría: "berro de guerra contra o chapapote"
Ecoloxistas en Acción presentou este venres o documental “Alegría”
Ecoloxistas en Acción presentou este venres o documental “Alegría” para conmemorar o vixésimo aniversario do desastre ecolóxico provocado polo afundimento do Prestige. O filme, producido pola organización ecoloxista e dirixido por Luís Otero, sinala as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega e lembra que "ante a inacción do goberno foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao chapapote”.
O título do documental alude á "onda de solidariedade, a marea branca, que suplindo a carencia de medios coa forza da ilusión, foi quen de enfrontarse a gran mancha negra mentres o Goberno, ausente, seguía negando a súa existencia"
O título do documental alude á "onda de solidariedade, a marea branca, que suplindo a carencia de medios coa forza da ilusión, foi quen de enfrontarse a gran mancha negra mentres o Goberno, ausente, seguía negando a súa existencia". Así, "alegría" converteuse "no berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles, unha exclamación popular que devolveu a dignidade ao pobo galego".
Madrid acolleu a estrea do filme, que este sábado será presentado en Barcelona e o domingo chegará a Galicia, con sucesivas presentacións en Vigo (domingo 13 na Praza do Berbés), Ourense (martes 15 no Cineclube Padre Feijoo), Compostela (venres 18 no Museo do Pobo Galego), Pontevedra (sábado 19 no Teatro Principal), Lugo (domingo 20) e A Coruña (martes 22 no Círculo de Artesáns).