O auditorio da localidade acollerá un coloquio no que participarán algúns dos veciños e veciñas que participaron activamente nesa resposta cidadá
Unha das imaxes que marcou a traxedia do Prestige foi a dos mariñeiros galegos loitando coas súas propias mans e embracacións para tentar evitar a entrada da marea negra na Ría de Arousa. Ante a carencia de barreiras anticontaminación e a descoordinación das autoridades, a xente do mar tomou a iniciativa para salvar a súa fonte de traballo. Cando se conmemora o 20 aniversario daqueles feitos, o Concello da Illa de Arousa prepara unha homenaxe a aqueles homes e mulleres.
O vindeiro 19 de novembro, coincidindo co aniversario do afundimento do petroleiro, o auditorio da localidade acollerá un coloquio no que participarán algúns dos veciños e veciñas que participaron activamente nesa resposta cidadá. Os actos complétanse coa inauguración dunha exposición fotográfica de Vitor Mejuto e a proxección do documental Carcamáns, de Marcos Nine, que nesas datas gravou a "impresionante resposta social" do pobo arousán, como a definiu a concelleira de Medio Ambiente da Illa de Arousa, Gabrielle von Hundelshausen.
O acto busca ser unha “homenaxe ás xentes de Arousa" e unha lembranza da "fortaleza” da localidade
O acto busca ser unha “homenaxe ás xentes de Arousa" e unha lembranza da "fortaleza” dunha localidade que "foi quen de deixar de lado calquera diferenza ou problema para responder de xeito unánime”. En só dous días de traballo contra a marea negra as embarcacións que loitaban contra o fuel recolleron máis de 1.500 quilos de chapapote nos seus capachos.
Os actos complétanse coa inauguración dunha exposición fotográfica de Vitor Mejuto e a proxección do documental Carcamáns, de Marcos Nine
"Se a catástrofe é incualificable, impresionante foi a resposta social. Na Illa bateeiros, pescadores, mariscadoras e voluntarios traballaron xuntos en primeira liña e o resto da cidadanía achegou tesón, constancia e vontade, ata o esgotamento, neste pequeno paraíso natural ameazado polo fuel. Todo, en colaboración coas institucións e entidades locais. E esta é a parte positiva que o goberno local de A Illa quere rescatar daquela experiencia coincidindo do aniversario da catástrofe", destacan dende o Concello.
O evento complétase coa exposición de Victor Mejuto, fotografías que amosan “a dor, a desesperación, o cansanzo e ata o escepticismo dos protagonistas, no mar e en terra, daquelas negras xornadas”.