Os sons do Prestige: varios podcast recuperan as voces da marea negra 20 anos despois

O Prestige, o 14 de novembro de 2002 © Bahamasmaritime

A radio foi importante nese ano 2002 para informar sobre as últimas novas que se ían coñecendo sobre o vertido e achegando as voces e os sons que emerxían do litoral que estaba a sufrir os embates da marea negra. Hoxe a radio tamén se chama podcast e son varios os programas que afondan na traxedia e nas súas consecuencias

Neste 20 aniversario da catástrofe do Prestige son moitas as iniciativas xornalísticas que están a lembrar o sucedido, explorando a xestión política do accidente, os movementos sociais que se ergueron para denunciar os erros cometidos ou as consecuencias da marea negra. Nos últimos días puidemos ver achegas en televisión (coma o programa Salvados emitido o pasado domingo por LaSexta), en forma de libro (por exemplo a obra colectiva Prestige, 20 anos 20 voces, a reflexión persoal Cando choraron as Cíes de Santi Domínguez ou a crónica Tal como foi, tal como fomos de Xosé Manuel Pereiro, editados todos por Galaxia), e tamén na radio.

A radio foi importante nese ano 2002 para informar sobre as últimas novas que se ían coñecendo sobre o vertido e achegando as voces e os sons que emerxían do litoral que estaba a sufrir os embates da marea negra. Hoxe a radio tamén se chama podcast e son varios os programas que afondan na traxedia e nas súas consecuencias. 

Carne Cruda e a súa produtora La Máquina Blanda realizan a serie “Cuando el mar se quedó mudo” que en catro episodios afonda no desenvolvemento da catástrofe, as informacións falsas que durante días se contaron sobre a situación do petroleiro e a chegada da marea negra ás costas e "a marea cidadá que respondeu á mentira". A narración corre a cargo da xornalista Ana Pardo de Vera e o guión é obra de Paola Obelleiro, xornalista que cubriu aquela traxedia e seguiu durante anos o xuízo posterior. 

Cabeceira do podcast de Carne Cruda ©

O podcast de Carne Cruda intercala entrevistas con escenas da obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere

O programa, un híbrido entre xornalismo e teatro radiofónico, reflexiona sobre "que nos trouxo aquela marea" intercalando entrevistas e información do ocorrido con escenas da obra de teatro documental N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere. Ademais, recrea os recordos das persoas que o viviron en directo e crea unha ambientación sonora que rende homenaxe aos antigos ruideiros radiofónicos que creaban os efectos de son en vivo.

Sonora: todas as chamadas, todas as voces

Un equipo de xornalistas repasou as máis de 1.200 chamadas que se produciron entón entre o Capitán do Prestige, a Torre de Control, Salvamento Marítimo e o gabinete de crise do Goberno

Así mesmo, este martes Sonora, a plataforma de audio de Atresmedia, estreou o podcast Prestige, todas as chamadas. Todas as voces: Toda a verdade, que a través de seis capítulos de 25 minutos achega audios inéditos para relatar os días clave do accidente e posterior marea negra. A serie, que se presenta en dúas versións, unha en castelán e outra en galego, está dirixida e escrita polas xornalistas Conchi Cejudo e Felipe de Luis; o deseño sonoro é de Yago Mendivil e Guillermo García e a música orixinal de Miguel Marcos.

Para a serie, un equipo de xornalistas repasou as máis de 1.200 chamadas que se produciron entón entre o Capitán do Prestige, a Torre de Control, Salvamento Marítimo e o gabinete de crise do Goberno. "Esas chamadas son a mellor testemuña do que sucedeu entón. Algunhas escoitaranse por primeira vez nesta serie. Outras foron utilizadas no macroxuízo que se celebrou unha década despois do accidente", destacan.

Ademais, a serie inclúe 20 entrevistas con protagonistas

Ademais, entrevistaron a José Luis López-Sors, Serafín Díaz (a derradeira persoa que estivo a bordo do Prestige), Álvaro García Ortiz (actual Fiscal Xeral do Estado), Paco Vázquez ou Pepe Galán, ademais de mariñeiros, mariscadores e voluntarios. "O conxunto destas voces ofrece un retrato profundo e plural sobre a traxedia dúas décadas despois", destacan. A subscripción a SONORA ten un prezo de 4,99 euros ao mes ou 39,99 ao ano, con 14 días de proba para escoitar de balde e sen compromiso de permanencia os programas da plataforma.

As palabras da catástrofe, no Fálase

O podcast informativo de Praza.gal achégase ao glosario colectivo que a asociación Unha Gran Burla Negra 

Ademais, tamén o Fálase desta semana está dedicado á catástrofe do Prestige. Este xoves o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao achégase ao glosario colectivo que a asociación Unha Gran Burla Negra elaborou ao fío do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige, conversando cunha das impulsoras do glosario e do proxecto, a investigadora e produtora cultural María Bella. Así mesmo o programa lembra algunhas das cousas que dicían daquela os gobernantes da época, que tentaron minimizar mediática e politicamente a traxedia.

Intervención de Manuel Rivas na manifestación da Plataforma Nunca Máis, o 1 de decembro de 2022, e declaracións de Aznar e Fraga en semanas seguintes á catástrofe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.