Chévere leva N.E.V.E.R.M.O.R.E. a Santiago, Vimianzo e A Coruña nas datas clave do 20 aniversario da catástrofe do Prestige

NEVERMORE, de Chévere © Luz Soria

N.E.V.E.R.M.O.R.E. poderá verse no Auditorio de Galicia de Santiago os días 11, 12 e 13 de novembro, no Auditorio de Vimianzo o 19 de novembro e tamén o 28 de decembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña

O pasado ano Chévere estreou N.E.V.E.R.M.O.R.E., unha obra realizada en coprodución co Centro Dramático Nacional que xira ao redor da catástrofe do Prestige e recupera "a memoria de todas as persoas que se mobilizaron para defender o noso mar e a nosa dignidade como pobo". Un pobo, destacan dende a compañía, que "en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes".

Cando se achega o 20 aniversario do afundimento do barco e da posterior reacción social de protesta ante a súa xestión política, Chévere retoma as representacións da obra con cinco pases que, ademais, coincidirán coas datas clave do aniversario. Así, N.E.V.E.R.M.O.R.E. poderá verse no Auditorio de Galicia de Santiago os días 11, 12 e 13 de novembro (aniversario do día que o barco enviou o primeiro sinal de socorro), no Auditorio de Vimianzo o 19 de novembro (aniversario do afundimento do buque) e tamén o 28 de decembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña, coincidindo co aniversario do Velorio do Mar que rematou na praia do Orzán e tamén co falecemento de Man en Camelle.

NEVERMORE, de Chévere © Chévere

A obra xira ao redor da catástrofe do Prestige e recupera "a memoria de todas as persoas que se mobilizaron para defender o noso mar e a nosa dignidade como pobo"

A obra, dirixida por Xesús Ron, está interpretada por Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García e Arantza Villar. Como destacou Berta Davila en Vinte, "Chévere volve demostrar con N.E.V.E.R.M.O.R.E. que, se non existisen, habería que inventalos. Non unicamente pola intelixencia da dramaturxia desta peza ou pola brillantez e o talento interpretativo, ou tampouco soamente, polo virtuosismo e a sorpresa que nos traen en cada novo traballo, senón pola capacidade da compañía para construír sempre algo que non sabiamos que era imprescindible antes de velo".

"Empezamos a idear este traballo en marzo de 2020, cando a chegada dun virus demostrou que todo pode mudar, que o mundo pode parar. Aí decatámonos do rápido que o esquecéramos. Un ano despois comprobamos o enorme esforzo que se está facendo para que todo volva ser coma antes. E o fácil que é deixarse convencer outra vez. Así que decidimos contar unha historia para non esquecer tan facilmente que as cousas poden ser doutro xeito", explican dende Chévere.

NEVERMORE, de Chévere © Chévere

"Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese"

"Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese", destacan, sinalando que N.E.V.E.R.M.O.R.E., "a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería", neste caso podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimo. Ou, engaden, "o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora".

Estes novos pases do espectáculo forman parte do Desembarco Chévere, unha forma de celebrar en ruta os 35 anos da compañía que se desenvolverá ata o mes de decembro en distintos lugares con actuacións, libros e exposicións. Como parte da programación do desembarco Chévere, o Auditorio de Galicia acollerá ademais os días 4 e 5 de novembro dúas funcións do espectáculo Curva España, estreado en xullo de 2019. E o 29 de decembro a obra despedirase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.