"O sucedido en Teo amosa a dificultade para consolidar espazos estables no medio cultural"

Xesús Ron, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Alberto Ramos

A pasada semana coñecíase que Chévere se vira obrigada a marchar de Teo, onde traballara nos últimos anos como compañía residente. A nova responsable da Concellería de Cultura decidira non convocar o concurso público que debería dar continuidade á relación que nos últimos anos mantivera a compañía coa localidade. Chévere, que no ano 2014 foi galardoado co Premio Nacional de Teatro e que no 2017 celebrou o seu 30 aniversario, fica de novo sen un espazo estable de traballo, de programación e de creación, como xa sucedera no ano 2012, cando tivo que pechar a Sala Nasa.

"Non temos maior interese en avivar a polémica, pero parecíanos que unha cuestión como esta debía saír ao debate público"

Nun comunicado, Chévere lamentaba non ter podido despedirse da cidadanía de Teo e sinalaba o negativo da desaparición "dunha convocatoria pública innovadora, que contribuíu a transparentar as relacións entre as empresas culturais e a administración". Non semellan bos tempos para a estabilidade dos proxectos culturais realizados en colaboración cunha administración pública. Dende as dificultades que sofre o tecido cultural na cidade de Ourense ao cese do equipo directivo dos Teatros del Canal, en Madrid (nos que Chévere estreará en marzo Curva España), son varias as iniciativas que viron o seu futuro comprometido polos vaivéns políticos. Falamos con Xesús Ron.

Non sei se queredes afondar na polémica xurdida pola decisión da concellería de Cultura de Teo de non convocar un novo concurso para contar cunha compañía residente, máis aló do xa dito. Hai uns días fixestes pública a situación e criticastes as formas en que se levou a cabo...

Nós non temos maior interese en avivar a polémica, pero parecíanos que unha cuestión como esta debía saír ao debate público. Porque é o de sempre: ás veces tómanse decisións políticas apresuradamente, sen reflexión de ningún tipo e quedan como agochadas no nivel máis local. En ocasións parece que as decisións dos políticos son totalmente soberanas, cando a realidade é que deben responder ante o público e as súas decisións teñen unhas implicacións sociais das que hai que falar.

"A residencia en Teo estábanos permitindo cumprir esa vocación de que o teatro teña unha utilidade e unha proxección social"

Por un lado, eramos conscientes de que o contrato xa rematara no mes de xuño e que se abría un período de incerteza. Mais pola interlocución que mantivéramos co Concello antes das eleccións, tiñamos a información de que había satisfacción pola súa parte pola actividade de Chévere e polo funcionamento desta fórmula e que a intención era convocar un novo concurso público neste novo mandato. Cando en agosto se constituíu o novo Goberno municipal, pedimos unha entrevista coa nova concelleira de Cultura e nese momento comunícanos que non hai intención de volver convocar o concurso. Doéronnos as formas, si, que se nos tratara como se fósemos okupas, no peor sentido da palabra, cando nós eramos un axente cultural vivo no Concello de Teo.

Non hai, pois, posibilidades de reconducir a situación, de que Chévere regrese a Teo?

Nós xa o desbotamos. De feito, xa sacamos todas as cousas que tiñamos no Auditorio, e dende o día 3 de setembro estamos fóra totalmente. Dende o PSOE de Teo non tivemos ningún tipo de comunicación, e dende a Alcaldía si que tivemos unha comunicación, na que se nos dixo que non había posibilidades de reconducir a situación.

Que perde Chévere con esta decisión? Ou, dito doutro xeito, que lle achegaba a Chévere o feito de ser compañía residente en Teo?

"Aquí acaba o último proxecto que había en activo de compañía residente, xusto cando se cumpren dez anos da convocatoria de compañías residentes que fixera AGADIC en 2009"

Perdemos algo que é moi importante para a compañía, que é o contacto e a interacción co tecido social. A residencia en Teo estábanos permitindo cumprir esa vocación de que o teatro teña unha utilidade e unha proxección social. Por un lado, por ter unha sede que nos daba unha certa estabilidade para ter esa interlocución estable con determinados colectivos: actividades con persoas con diversidade funcional, asociacións veciñais, asociacións de comerciantes, a banda de música de Teo, presentación polas parroquias... Parécenos que a fórmula de fixar unha compañía residente é moi efectiva para facer estas cousas, transcendendo o traballo puramente escénico e dándolle unha dimensión social, que é unha función moi importante que pode cumprir o teatro.

Chévere recolle un premio María Casares ao mellor espectáculo © Olalla Lojo

Que perde o sector escénico galego?

Para o sector escénico o que se perde é sobre todo que aquí se atopara unha solución xurídica para enmarcar as relacións entre unha compañía de teatro e un concello. Detrás desa fórmula e deses pregos técnicos había moito traballo, fundamentalmente por parte dos servizos técnicos e xurídicos do Concello de Teo. Era o único concurso que debuxaba un marco xurídico para unha compañía residente non só en Galicia, senón en toda España, unha fórmula que en ningún outro sitio se usou con tanta contundencia, claridade e transparencia.

"A valoración que se fixo en Galicia e fóra de Galicia do traballo que estaba facendo Teo sempre foi enormemente positiva, e así o recoñeceu o propio xurado que nos deu o Premio Nacional de Teatro"

Ao mellor tamén estaría ben que dende algunha asociación do sector se dese publicamente a opinión sobre o que supón o remate deste camiño aberto. Aquí acaba o último proxecto que había en activo de compañía residente, xusto cando se cumpren dez anos da convocatoria de compañías residentes que fixera AGADIC en 2009, que fora unha convocatoria moi potente e innovadora. Nós tratamos de manter este proxecto, pero chegamos ata aquí.

O PP xa celebrou a vosa marcha, destacando que eses fondos estarán mellor investidos noutras cuestións...

Si, parece que o PP ten unha fixación con nós que nos vai levando dun lado para outro. Si, teñen este hábito de utilizar sempre os cartos como armas arreboladizas, porque supoño que saben que para o seu electorado funciona, e por iso non teñen ningunha vergonza en mentir e confundir cifras. O concurso foi público e transparente e puideron presentar alegacións e o que hai que mirar é se ese diñeiro estivo ben investido ou non para a cidadanía de Teo. Nós consideramos que si.

Que perde o Concello e a cidadanía de Teo? Que gañou estes últimos anos coa actividade de Chévere?

"Era o único concurso que debuxaba un marco xurídico para unha compañía residente non só en Galicia, senón en toda España"

Hai unha parte de elementos intanxibles, que son máis subxectivos, pero hai que telos en conta, como son a proxección e o prestixio que a propia presenza de Chévere facía do propio Concello de Teo e da súa política cultural. A valoración que se fixo en Galicia e fóra de Galicia do traballo que estaba facendo Teo sempre foi enormemente positiva, e así o recoñeceu o propio xurado que nos deu o Premio Nacional de Teatro, un galardón que nós quixemos compartir co Concello, porque tamén tiña unha parte nel. 

E despois hai elementos máis tanxibles: por un lado está a programación xerada, porque ata que chegou Chévere alí había un tipo de espectáculos escénicos que non se programaban, primeiro porque Teo non estaba na rede galega de teatros. A programación, que estaba bastantes semanas en cartel, ofrecíalle á cidadanía de Teo o acceso á cultura. O mesmo se pode dicir da Ultranoite, un espectáculo único en Galicia pola súa natureza e de súpeto Teo era o único lugar do país no que se podía ver, e así o demostra a cantidade enorme de público que acudía ás Ultranoites.

"Creo que o sucedido ten que ver máis coa irresponsabilidade dalgúns políticos e non coa parte teatral"

Nós tentabamos que o investimento que facía o Concello de Teo tivese un efecto multiplicador, captando un gran número de recursos públicos e privados, de xeito que nestes anos conseguimos captar unha cantidade equivalente á que achegaba Teo. Podemos preguntarnos tamén que custo tería, a prezo de mercado, a programación que Chévere fixo en Teo nestes anos, e o custo case triplica o diñeiro que puxo o Concello.

Hai sete anos tivestes que abandonar Santiago pola presión exercida polo PP e Gerardo Conde Roa dende o Concello. Agora tedes que marchar de Teo. Estásevos poñendo o corpo de compañía ambulante?

"Estes días recibimos moitísmo apoio da xente e xa tivemos unha gran cantidade de invitacións para que vaiamos ver espazos noutros concellos"

Cústanos pensar en algo como definitivo. A propia natureza do teatro é moi nómade, moi de deambular de un lado para outro. Ao mellor é un castigo divino por ir contra a natureza do teatro, tratando de fixarnos nun sitio e de implicarnos na nosa contorna, en lugar de asumir que temos que ir de aquí para alá todo o tempo.

O sucedido en Teo amosa a dificultade que existe en Galicia e en España para consolidar espazos estables no medio cultural e tamén a propia fraxilidade dos proxectos culturais. Sobre todo o que nos dá é a dimensión da irresponsabilidade coa que se toman as decisións en política. Porque creo que o sucedido ten que ver máis coa irresponsabilidade dalgúns políticos e non coa parte teatral, porque creo que tanto en Santiago como en Teo nós na parte teatral fixemos o noso traballo e achegamos os resultados de forma transparente.

Cal é o futuro de Chévere? Estades xa a buscar un espazo no que vos establecer e traballar? O voso obxectivo é tentar repetir a fórmula de compañía residente, se fose posible?

Estes días recibimos moitísmo apoio da xente e xa tivemos unha gran cantidade de invitacións para que vaiamos ver espazos noutros concellos, como Ames, Brión ou Outes e hai contactos con moitos outros concellos.

Hai soños que aínda temos, pero que cada vez vemos máis lonxe. Por exemplo, cousas que son perfectamente posibles, como poder dispoñer dun teatro propio. Pode que non nun concello como Teo, pero en cidades como Compostela ou A Coruña debería haber opción para que unha compañía da traxectoria e a proxección de Chévere, tivese un espazo estable e xestionado artisticamente. Con todo, somos conscientes das dificultades de atopar un espazo así e que a nivel administrativo estivese dispoñible. Ademais, neste momento as condicións políticas non parecen as máis apropiadas para comprometerse nun proxecto así, estable a medio ou longo prazo.

Estamos concentrándonos en dotarnos dun espazo de traballo modesto, pero que salve a posibilidade de desenvolver un labor comprometido e esixente e que permita traballar de forma digna"

Como este proxecto semella máis inalcanzable, estamos concentrándonos máis en dotarnos dun espazo de traballo modesto, máis pequeno, pero que cando menos salve a posibilidade de desenvolver un labor comprometido e esixente e que permita traballar de forma digna. Algo que sexa algo máis que un local de ensaio, un centro de recursos escénicos que nos dea servizo a nós, pero que tamén permita traballar a outros creadores e que sirva de catalizador a outras actividades e proxectos, como foi a Berberecheira en Teo.

Nos últimos tempos estamos a ver crecentes dificultades para poder desenvolver proxectos culturais de maneira estable, sen que dependan dos vaivéns políticos e dos cálculos orzamentarios sobre o que convén ou non convén nun momento determinado. Cada vez é máis difícil?

O que nos está pasando a nós está conectado, por suposto, co que lle pasou a Sarabela e o FITO en Ourense, e tamén co desmantelamento dos teatros públicos en Madrid. En Teatros del Canal acaban de cesar a toda a equipa de dirección, a pesar de que nos últimos tres anos levaron a cabo un proxecto cuns resultados espectaculares e cun gran posicionamento do teatro no contexto europeo, e cuns índices de ocupacións altísimos. 

Equipo de Chévere © Chévere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.