En 2012 o concello de Teo acollerá en residencia á compañía Chévere, tras chegar a un acordo de cesión do auditorio municipal da Ramallosa e de co-financiamento do proxecto, que conta tamén co soporte e apoio de Agadic. Teo é xa o escenario para as Ultranoites, para os espectáculos de Chévere e para moitas máis actividades culturais, escénicas e teatrais, así como de actividades formativas realizadas nos centros de ensino do concello. Como din os propios responsables de Chévere, "despois de 25 anos traballando en Santiago de Compostela, Chévere emigra a un lugar máis acolledor para reinventarse, onde se respiran as gañas de facer cousas".
Un novo comezo, novas linguaxes, novos instrumentos para contar historias e unha plataforma web, redenasa.tv, da que a compañía quere explorar todas as posibilidades. En Teo preparan xa o seu novo espectáculo, que se estreará a finais de abril, Amores Prohibidos 2.0, unha versión de Romeo e Xulieta que toma vida dentro e fóra dos escenarios, grazas ás redes sociais, e co conflito lingüístico como pano de fondo.
Morris dicía o outro día que “Estamos chegando ao final dunha etapa de 30 anos de teatro”, por mor dos recortes e a débeda do Agadic. Como o vedes vós?
Xesús Ron: Nós estamos vivindo este momento como a fin dunha etapa, si. Pero estámolo vivindo máis que dramaticamente, como un grande estímulo, porque se esquecemos todo o tema dos recortes, que é certo que os está habendo, atopamos que este fin de ciclo non vén só por esta política de recortes ou polo desinterese da administración cara á cultura, senón que hai un cambio de fase moito máis profundo que ten que ver con cambios de linguaxe, nos modelos de produción, nos modelos de distribución... E por ese lado é moi estimulante, temos que poñernos a funcionar con máis axilidade que nunca para gozar deste cambio e para situarnos nunha cultura que vai cambiar. Máis grave que os recortes é a irresponsabilidade con que se afrontan, o inoperativos que son, a improvisación... Se hai que facer un recorte, estamos dispostos a facelo, pero hai que trazar un camiño, saber por que se recorta aquí e non alí.
Estannos tratando como nenos, a política está sufrindo cambios e máis que vai ter. Se non nos tratan como adultos, quédalles moi pouco tempo de resistir nas súas poltronas. Nós non nos estamos resistindo, nós estamos avanzando. Os que se están resistindo, os que se amarran aos seus cargos, son a xente que ten responsabilidades políticas. E na cultura vai pasar o mesmo: temos que convencernos de que hai que mudar moitas cousas, de que non abonda con defender todos os logros que conseguimos todos estes anos, que por suposto hai que defendelos.
O teatro, como a lingua, segue necesitando dun grande apoio das administracións. Non necesariamente traducido en cartos, pero si en vontades e en mediación
Que é o máis importante de todo o que se construíu nestes trinta anos no teatro galego?
XR: Nestes trinta anos creouse o teatro galego, antes non existía ou cando non dunha maneira profesional. Neste tempo hai moitos fitos: as primeiras compañías profesionais, os primeiros festivais, o CDG... O teatro, o mesmo que a literatura, están moi pegados ao proceso de normalización da lingua, polo que calquera recorte na lingua afecta moi negativamente ao teatro galego. Sen todo o traballo feito nestes trinta anos non estariamos falando de teatro galego. O teatro, como a lingua, segue necesitando dun grande apoio das administracións. Non necesariamente traducido en cartos, pero si en vontades e en mediación. Non podemos perder todo isto que fixemos porque é a base para o futuro.
Por que tomades a decisión de vir para Teo?
Patricia Lorenzo: Tomamos a decisión porque non nos quedou outra. Despois de que o alcalde de Santiago dixese que pechaba a Nasa porque era un compromiso electoral e que ía retirar calquera axuda, non había máis saída. Dicía que non tiña nada en contra de Chévere, que o problema era coa Nasa, pero cando chegou o momento de propoñer a residencia de Chévere en Santiago, a resposta foi unha negativa. O sitio natural de Chévere despois de case 25 anos era Santiago, onde había un poúblico creado, pero o alcalde considerou que non era beneficioso para a cidade. Fomos falar a outros concellos limítrofes, e houbo interese en Ames e en Teo, pero finalmente quen apostou por ter a residencia de Chévere foi Teo.
Cando fomos falar a Ames e a Teo sentimos o recoñecemento, xente que valoraba a nosa traxectoria
Como foi a recepción?
PL: Foi gratificante que cando fomos falar a Ames e a Teo sentimos o recoñecemento, xente que valoraba a nosa traxectoria; despois de todo o vivido en Santiago, iso foi importante. Isto vai ser moi beneficioso para o concello tamén, porque a cambio disto organizamos unha series de actividades: os espectáculos de Chévere, traballos con rapaces, traballos de perspectiva de xénero... Ademais Teo ten agora un espazo, o centro sociocultural da Ramallosa, tecnicamente moi ben dotado, o que pode atraer outro tipo de programación que até agora non podían ter. O modelo de compañía residente é o ideal, porque optimiza recursos e dálle unha certa estabilidade ás persoas que traballan no teatro. Fronte aos recortes o que hai que facer é utilizar ben as partidas de cartos.
E ademais Teo está a carón de Compostela...
PL: Non creo que teñamos falta de público, non, porque durante aquel pesadelo que nos botou de Santiago, as redes sociais fervían con mensaxes de 'vinde para Teo', e despois está todo o público de Santiago, que lle queda moi cerca.
A Nasa foi a casa de todo o mundo, e foi un fenómeno mesmo a nivel estatal
Tanto mal facía a Nasa?
PL: A Nasa non, como ía ser mala? Pola Nasa pasaron todo tipo de espectáculos, a Nasa foi a casa de todo o mundo, e foi un fenómeno mesmo a nivel estatal. Foi moi preocupante que unha sala, coas cifras de público que tiña, pechara. Sempre digo que se isto tivese pasado en Catalunya, a Nasa non tería pechado. Fomos utilizados politicamente, inxustamente... As nosas propias familias preguntábannos 'pero de verdade organizabades homeanaxes ao terrorismo?' Foi unha manipulación e é o carácter destas persoas que están no PP de Santiago. Pero a Nasa foi unha experiencia inolvidable.