“Estamos gobernados por incompetentes en materia cultural”

Os tres candidatos ao premio á mellor dirección CC-BY-SA Alberto Ramos

Este martes entregaranse os Premios María Casares do Teatro. Avelino González, por Pelos na lingua; Xesús Ron, por Citizen, e Xulio Lago, por E.R. (algún día traballaremos xuntas) son os tres finalistas na categoría á mellor dirección. Praza xuntounos en Compostela para tentar realizar unha radiografía do sector teatral nestes tempos de crise, recortes e despois dunha celebración do Día Mundial do Teatro caldeado pola destitución da ex directora do Centro Dramático Galego (CDG).

Nas últimas semanas o CDG está no punto de mira. Produciuse a destitución de Cendán, quen asegura que o seu cesamento foi unha represalia por ceder o Salón Teatro ao acto reivindicativo do Día do Teatro. O conselleiro  Vázquez negouno e afirmou que fora por motivos de “eficiencia, xestión e actitudes”. Ademais dende a Consellería, asegurouse nos últimos días que era inadmisible que Cendán programase As furias sen contar co orzamento e que os gastos d'A ópera dos tres reás podían chegar ao millón de euros. Que opinan vostedes desta polémica?

Xúlio Lago (XL): A última etapa do CDG pareceume un despropósito dende o principio, dende ese concurso público de méritos que se fixo. Ademais, chegamos ao despropósito d'A ópera dos tres reás, que foi responsabilidade de  Cendán, pero tamén do conselleiro e da Agadic. Se custou un millón de euros, a responsabilidade é de todos eles. O despropósito desa ópera é que chegou nun momento de recortes e que se fixo para enviar ao exterior. Foi a Zaragoza, foi a Madrid, a Las Palmas e non foi a Tui porque custaba 15.000 euros montala, tampouco foi a Mostra de Ribadavia por ese motivo e non foi a Carballo porque non cabía. Imos ver, o problema de todo é que estamos gobernados por incompetentes en materia cultural, por un señor director da Agadic que non vai o teatro e nin lle interesa nin sabe nada disto.  A situación do Centro Dramático é gravísima e paréceme que é materia para a dimisión de todos os responsables de cultura do país.

Xesús Ron (XR): É unha demostración máis dunha xestión desastrosa. Desde o primeiro momento, o que pasou no Centro Coreográfico xa amosou como ían ir as cousas. Tiña unha xestión exemplar, conseguía os seus obxectivos  e o primeiro que fixo este Goberno foi liquidalo. O Caso do Centro Dramático tamén vai por aí.

Avelino González (AG): O que fan é ir creando condicións para eliminalo sen que a xente lle doa. Está a idea de que hai gastos superfluos e de que non hai cartos para todo. O que realmente se está demostrando é que si hai cartos, pero só para o que lles interesa. A min, salvando as distanciase non negarei que dixen esta animalada, lémbrame ao dos brigadistas forestais. Se vos lembrades, o que agora é delegado de Goberno e toda a Xunta en bloque criminalizou os brigadistas. Para que? Para xustificar os despedimento. Dixeron que sobraban e que ademais eran uns ladróns. A semana pasada morreu un e hoxe arden as Fragas do Eume. E que dicía un de protección civil de Pontedeume? Que non había persoal. Nisto do Centro Dramático e o teatro galego, pasa excactamente o mesmo. Criminalizan e botan a lingua a pacer. Non hai cartos, non hai cartos... Si que houbo cartos para o chiringuito de Curro Jiménez [O Festival Rias Baixas promovido polo actor Sancho Gracia]. Hai cartos, pero non os queren gastar en determinados asuntos. E para xustificalo, criminalizan, din que es un ladrón e xa está.

XR: O problema xa non é só de cartos, é de responsabilidade. É xente incapaz que está arrastrando a todos e que crearon uns problemas enormes que non existían. Todo deriva dunha xestión irresponsable

XL: E que consideración do sector ten a xente que se encarga desa xestión? Pois consideran que o sector non serve para nada, que son cousas dos rapaces do teatro... Para eles o CDG ten que eliminarse porque é un despilfarro, pensan: “Hai que deixar estas parvadas”.

XR: Isto non é unha cuestión de política de dereitas, porque non todas as políticas de dereitas en España actúan do mesmo xeito. Noutros lugares que goberna a dereita , como Madrid, o teatro é un foco central da vida cultural. Aquí pasa outra cousa e se cadra habería que buscar as razóns. Pode que teña que ver coa lingua, se cadra segue esa liña de dividir o país e eliminar as malas herbas. O teatro foi sempre unha peza da normalización da lingua galega. Se cadra esa é a explicación, porque non se entende este asañamento.

Dentro desa criminalización, hai unha mensaxe que se lanza constantemente, que vén sendo esa de que os do teatro son uns subvencionados, que viven das axudas...

XL: Esa é unha expresión perversa. Parece que ese diñeiro é para que nos fagamos a casa e vivamos como dios. É unha falacia terrible.

XR: Non sei se hai canles  para responder nestes debates. Os propios medios de comunicación non están servindo para contestar estas mensaxes perversas. Non hai canles reais para dar outros argumentos. A nós pasounos coa criminalización de Conde Roa coa Nasa. Non atopamos vías para trasladar a nosa opinión. Está todo tan dividido que parece que só hai unha maneira de pensar e a contraria. Iso permite que estas mensaxes callen.

Outra mensaxe que parece que se manda é que non nos podemos permitir a cultura en tempos de crise, que non é rendible. Por iso hai que facer recortes ou hai que pechar teatros como o Colón da Coruña, que dependía das finadas caixas...

AG: Eses discursos contradinse cando eles montan de cero un festival como o Rías Baixas, que chupou unha serie de gastos e non dixeron se houbo retorno ou se foi subvencionado a fondo perdido. Por que non deron as cifras do éxito comercial que tivo ese invento? Algún éxito debeu ter, porque foi declarado entidade galega de interese público. Polo tanto, ese discurso de que a cultura non interesa, eles non o practican. O que pasa é que eles financian unhas formas de cultura e outras non. E iso lévanos a pregunta de por que cando se fala do teatro galego, que é unha etiqueta que me gustaría quitar axiña, dise que é un luxo que está subvencionado? Paréceme unha manipulación e unha criminalización.

Por que a criminalización calla?

XR: Por que se precisan mensaxes fáciles. A verdade, se o problema da crise en Galicia se solucionase cos recortes no teatro, eu sería o primeiro en dedicarme a outra cousa. [Risos] Pero non sei se haberá algunha persoa tan simple para crer que os problemas da crise soluciónanse eliminando o diñeiro da cultura. É absurdo, é unha cantidade ridícula!

XL: Mirade, o día 27 de marzo, o día da manifestación, a Consellería mandoulles aos medios un comunicado que dicía que van gastar 2,8 millóns de euros no teatro neste 2012. E claro, os cidadáns len isto e din: “E de que se queixan estes?” É unha cifra manipulada, porque eses dous millóns contemplan o pagamento de todo o que se debe de 2011. O 60% das subvencións de 2011 están se pagar e pasaron para este 2012. Débese todo o diñeiro da rede de teatros do segundo semestre de 2011. Tamén entra nesa cifra o teatro afeccionado, os festivais de teatro, pero tamén de música, porque agora entran na mesma convocatoria. Contémplanse tamén unha morea de conceptos máis e seguramente as débedas que poida haber da Ópera dos tres reás. É unha cifra manipulada. 

XR: O triste é que estamos traballando nunha confrontación que nunca buscamos. Non existe interlocutor. Lánzanse esas cifras que van para atacar o contrario cando realmente todos estamos no mesmo barco

XL: Iso é verdade: Nas artes escénicas non temos un interlocutor, temos un inimigo. Eu estou na directiva de Escena Galega e Fasero sempre di que temos moitas entrevistas, que hai diálogo. Pasamos cinco ou seis horas dialogando e chegamos a acordos. Pero unha semana despois fai o contrario! Diálogo si que hai, pero non vale para nada. Sénteste como un idiota total.

Que é peor: os atrasos nos pagamentos, os recortes ou a incerteza que produce que se cheguen a acordos que non se materializan?

AG: É a combinación das cousas que falamos. Por unha banda, está ese incumprimento de compromisos Aquí non se está a pedir nada de graza, simplemente estase a esixir que se cumpran os compromisos. Por outra banda, está a falta de alternativa. Vale, estes din que isto non vale... Entón pensas e preguntas que por onde se pode tirar, por onde queren que tiremos... Esa é a combinación fatal. Un ponse a pensar que tipo de espectáculo podes facer para este ano, pero non sabes como comezar, non sabes por onde ir.

XL: Estamos en abril e a orde de axudas non está publicada. Non sabemos nin que, nin cando, nin canto. Non hai continuidade e non sabes que festivais vai haber. Os que os organizan non saben que van facer.

Na manifestación pediuse a dimisión de Fasero...

XR: A min dáme medo, porque cada vez que se pide a dimisión de alguén, desaparece toda a estrutura. Pasou coa Consellería de Cultura, a ver se vai pasar coa Agadic. Eu pediría a dimisión de Feijóo. Quizais así desaparece o Goberno e se cadra é algo bo [Risos].

AV: Sen goberno organizaríamonos caralludamente.

XL: O problema non é dunha persoa, é dun goberno ao completo. Certo é que Fasero ou quen estivo antes alí, podía ter máis compromiso...

XR: É o único aliado que nos queda! [Risos]

Un pode ir ao Teatro Principal en Santiago e ver unha obra por tres euros. É un prezo ridículo e o ex conselleiro Varela afirmou nunha entrevista en Praza que “non se pode pagar por unha obra o mesmo que por un gin tonic”. As tarifas do teatro en Galicia son un problema que vén de lonxe?

AV: É un problema antigo e grave. Aquí, dende tempos de Fraga, decidiuse que a cultura tiña que ser do pobo e que tiña que ser para todos. Había varias mentiras que foron subsistindo. Unha era esa de que a cultura tiña que ser para todos. A outra, que os prezos tiñan que ser baixos para animar a xente. As dúas cousas demostraron ser falsas. Por culpa desas historias, a billeteira ten un papel simbólico.

 

XL: Eu non comparto iso. Nun principio había gratuidade e eliminar ese tema foi un asunto duro. Hai que saber de onde vimos e o que se pelexou para acabar coa gratuidade. Agora, os prezos son outra cousa. Os cinco euros. que con desconto pasan a ser dous e medio... Iso hai que cambialo, non pode ser que o Salón Teatro ou o Principal de Santiago fagan iso. É hora de mudalo. É unha das pelexas. Hai que subir os prezos mínimos sen que deixem de ser mínimos, porque penso que o prezo da billeteira determina que a cultura sexa de todos ou non. Con entradas de 16 euros, conquistar o público mozo vai ser moi difícil. Estamos a niveis moi baixos e hai que corrixilo, iso é verdade.

XR: A política de prezos é algo que as compañías non poden determinar, pero hai outra cuestión que hai que ter en conta que é a profesionalización dos cadros de xestión e como se xestionan os teatros públicos neste país. Hai que meter o dedo nesa ferida, porque aquí volvemos falar de mala xestión, do abandono e da irresponsabilidade.  O teatro xera unha liquidez, pero que pasa co que xera as billeteiras agora mesmo? Pois que entra na tesourería dos concellos e son cartos que se perden. Hai espectáculos que xeran uns ingresos que non benefician nin o teatro nin a cultura, son ingresos que van tapar buratos que teñen os concellos. Iso pasa con todas as compañías. O que está a pasar é que o teatro financia actividades dos concellos. Iso estano a denunciar compañías a nivel do estado. É un problema grave que deixa ao descuberto como se está a xestionar o diñeiro público.

Dende os responsables da política cultural asegurouse en varias ocasións que o teatro estivo subvencionado durante trinta anos e non se creou unha industria teatral. Fallou o sistema de subvencións, as compañías teatrais, o público?

XR: O público non fallou, creouse moitísimo público. Se cadra fallamos o resto dos actores, as compañías, os programadores...

XL: Ou se cadra o erro está nesa propia análise. Non se creou industria! Iso é a primeira falacia. Hai que miralo dende outra perspectiva. A película do teatro galego arrancou hai trinta anos. Era unha animalada crear un sector profesional do teatro en Galicia, era unha animalada porque somos un país pequeno. Se botamos a vista atrás, podemos preguntar cal é a consideración que tiveron sempre do sector a clase política e os xornalistas E tamén hai que mirar cal é a consideración dentro do público. Pois hai unha consideración na sociedade e un respecto que hai vinte anos non existía. Todo ese respecto non o teñen en conta nin os políticos nin os medios de comunicación.. Dende o punto de vista dos políticos e dos xornalistas, todo iso non existe e non se ten en conta porque nin uns nin outros teñen querencia polo teatro nin pola danza. E hai que dicir unha cousa: todo o que se conseguiu no teatro xustifica o investimento realizado nestes anos.

XR: Hai que recoñecer que neste proceso da profesionalización quedou unha pata coxa: a parte empresarial e financeira. Hai unha carencia nese sentido. Para unha madurez industrial tamén precisas afrontar retos e realizar proxectos máis ambiciosos. Aquí foi imposible facelo, porque cada vez que había un proxecto ambicioso derivábase para os de fóra. E aquí temos un tecido cultural suficiente para afrontar proxectos de maior ambición.

AG: Un gran problema que sufrimos é a desconfianza  das administracións.  Todo o mundo que ten que gobernar a política cultural desconfía dos axentes culturais. Desconfía en primeira instancia de que sexamos capaces de facer cousas boas. E despois, se fas algo bo, tamén se preocupan e desconfían. Pensan: Se fan algo bo, vou ter que darlles o que piden? É que eu teño unha teoría, que hai que desenvolver, pero penso que cada conselleiro de Cultura fixo bo o anterior [Risos]

XL: Excepto Roberto Varela, excepto Roberto Varela..

AG: Cada un que chegaba, era peor có anterior. En xeral foi así e, dende logo, nas últimas lexislaturas levamos unha clara  liña descendente. Esa desconfianza está aí.

A Ópera dos tres reás, candidata a oito premios © Francisco Arnoso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.