"Non é só un premio para Chévere, é un premio para as artes escénicas galegas"

Os ananos, retratados por Chévere © Matteo Bertolino

"Si é certo, Chévere recibe o Premio Nacional de Teatro. Un premio ao teatro galego, ao teatro alternativo e combativo!". Pouco despois das tres da tarde un tuit na conta de Chévere confirmaba que a compañía fora galardoada co Premio Nacional de Teatro 2014, dotado con 30.000 euros e que entrega o Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música, dependente do Ministerio de Cultura. O xurado valorou especialmente a "coherente traxectoria de creación colectiva baseada en fontes do teatro documento e na transgresión de xéneros" e tamén a súa "vertente humorística e participativa, sempre conectada coa realidade social e económica", destacando os seus últimos espectáculos: Citizen, Eurozone Ultranoite no País dos Ananos.

Na súa elección, o xurado tamén tivo en conta o "forte compromiso co ámbito cultural galego", a súa "crecente proxección internacional". De igual xeito, salientou "o achegamento do teatro a distintos colectivos sociais e ao ámbito pedagóxico, fomentando a participación cidadá" sinalando a actividade e funcionamento da web redenasa.tv.

Patricia de Lorenzo, unha das integrantes de Chévere, destaca en conversa con Praza que este premio "é unha oportunidade para que se nos escoite, un altofalante" e afirma que entende o galardón con como un recoñecemento individual, restrinxido á compañía: "Non é só un premio para Chévere, é un premio para todas as persoas que traballamos en Galicia nas artes escénicas, para todas as persoas e compañías que estiveron vencelladas á Sala Nasa".

Nun comunicado enviado aos medios ao longo da tarde a compañía destacou que "precisamos de boas novas. Non só nós en particular, que tamén, senón todos en conxunto".  E reiterou a convicción de que o galardón premia "o teatro feito en Galicia, que é o mesmo que dicir ao teatro feito en galego", "o teatro que resiste en Galicia mentres o poder político desmantela o sistema cultural galego coa coartada da austeridade", "ese teatro galego que resiste frente á indiferenza do poder económico e financeiro" e "ese teatro galego que resiste coa mirada cómplice de milleiros de persoas que seguen asistindo e participando do feito teatral en calquera vila e cidade de Galicia".

Chévere destaca así mesmo que "nos últimos anos o noso traballo no escenario quixo ser unha prolongación dese berro xurdido nas prazas galegas arredor de Nunca Máis e en moitas outras prazas españolas en 2011 arredor do 15M. Un teatro feito ao pé da realidade, coas orellas moi abertas e combativo. Porque consideramos que o teatro é un foro público, unha arte visceral que acontece a partir do roce, do contacto e da fricción entre as persoas". E afirma que aínda que acepte o premio "Chévere non é complaciente co poder, e non o será desta volta"

 

"Unha sorpresa"

"Non é só un premio para Chévere, é un premio para todas as persoas que traballamos en Galicia nas artes escénicas, para todas as persoas e compañías que estiveron vencelladas á Sala Nasa"

De Lorenzo recoñece que foi "toda unha sorpresa" e que aínda non tiveron case tempo de falar entre eles: "Pola mañá recibiuse unha chamada na oficina de Chévere e nós estabamos facendo unha función de As Fillas Bravas en Caldas de Reis. Case nin conseguimos comunicarnos entre nós, do ocupadas que estaban as liñas". Para Patricia de Lorenzo o galardón supón un recoñecemento á súa forma de entender o teatro: "unha aposta de facer teatro en galego, e teatro vinculado coa sociedade e non cos poderes".

Fala tamén da situación de crise que viven as artes escénicas: "Sendo Chévere unha compañía con éxito e tendo espectáculos que teñen un éxito obxectivo de crítica e público, pois mesmo para nós é moi difícil vivir disto. Estámolo vendo precisamente agora, que estamos en período de venda e de conformación de programacións: é complicado vender un espectáculo que ten unha ducia de traballadores". De Lorenzo espera que este premio supoña un empurrón para a compañía neste senso, tanto en Galicia coma sobre todo fóra: "Levabamos un tempo facendo un intento de internacionalizar Chévere, e dende logo isto tampouco é moi doado. Supoño que este premio si nos pode axudar a levar fóra de Galicia as nosas obras", di.

 

25 anos de teatro

Chévere son Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, Miguel de Lira e Manuel Cortés. E moitos máis colaboradores e artistas que ao longo dos últimos 25 anos viñeron facendo teatro a través dos proxectos da compañía. Dende os seus primeiros traballos: Servicio Discrecional (1987), Salomé (1989), Río Bravo (1990), Big Bang (1992), Máquina Total (1994), Cabo do Mundo (1996), Órbita Mutante (1997), O Navegante (2001), Tentacular (2006), Testosterona (2009)..., até as máis recentes, Chévere afondou -como ben destacaba o xurado- en problemáticas sociais transgredindo as fronteiras dos xéneros, explorando novas vías para o teatro, dentro e fóra da escena. Un bo exemplo foron as Ultranoites, das que neste 2014 celebraron o 25 aniversario coa Ultranoite no País dos Ananos. 

As súas últimas obras, como Citizen ou Eurozone, afinaron o estilo de Chévere e tamén a súa mensaxe política, facendo teatro do presente sobre o presente. Dende os esfectos da globalización económica e a construción do imperio téxtil de Inditex, até as presións e xogos perigosos dos poderes financeiros e dos políticos neoliberais en Europa baixo un prisma tarantiniano, Chévere acadou o éxito non só en Galicia, senón tamén noutros lugares do Estado, actuando por exemplo no Centro Dramático Nacional, en Madrid, en galego e tamén en castelán. Cando Chévere recolleu o María Casares 2013 á mellor obra por Citizen Xesús Ron animou a "seguir facendo teatro e facendo cultura" e a aproveitar "unha época que nolo está a facer pasar tan mal, pero tan boa para a creatividade e para conectar co público, rachando coa cuarta parede, para facer teatro todos xuntos".

Nos María Casares 2013 Xesús Ron chamou a aproveitar "unha época que nolo está a facer pasar tan mal, pero tan boa para a creatividade e para conectar co público, rachando coa cuarta parede, para facer teatro todos xuntos"

A compañía levou o teatro fóra das táboas. En 2012 Amores Prohibidos 2.0 explorou novos camiños para as artes escénicas, outorgando un papel central ás novas tecnoloxías e ás redes sociais. "Para nós segue sendo teatro, porque é contra unha ficción utilizando elementos comunicativos; é unha representación, a reconstrución dunha realidade", destacaba Xesús Ron. Ou, de igual xeito, cómpre sinalar a actividade da súa web, redenasa.tv, non só un repositorio de gravacións ou de elementos que nalgún momento poden complementar unha obra, senón que a páxina está pensada para acoller e potenciar residencias artísticas (neste caso virtuais) e proxectos que innoven e xoguen cos novos formatos. Chévere tamén se internou no audiovisual: a serie da TVG Pepe O Inglés ou Os Crebinsky forman parte tamén do seu universo. 

Chévere tamén apostou pola creación e a consolidación de estruturas. Así naceu en 1992 a Nasa. Nave de Servizos Artísticos, co obxectivo de ser un espazo cultural independente en Compostela, un contedor e un impulsor da creatividade das artes escénicas de Galicia. Porén, dende o ano 2009 a Nasa tivo en Gerardo Conde Roa, daquela na oposición, un férreo inimigo. Cando Conde Roa acadou a alcaldía da cidade, en 2011, Chévere pechou a Nasa e marchou de Santiago, sendo acollida no próximo concello de Teo. "É preocupante que a Nasa pechara coas cifras de público que tiña. Fomos utilizados politicamente", destacaban en 2012. Porén, a realidade dous anos despois é que Conde Roa tivo que abandonar a alcaldía e Chévere é Premio Nacional de Teatro. 

Para quen desexe afondar algo máis nos 25 anos de historia de Chévere, A Viaxe dos Chévere, o documental realizado por Alfonso Zarauza sobre a compañía, proxectarase este domingo ás 23.45 no Salón Teatro de Compostela, pechando a edición deste ano de Cineuropa. No filme, Zarauza narra o "desterro" de Chévere, detacando que esta é "unha película que fala da irracionalidade do poder e da cordura da arte, da volatilidade da acción política e da perdurabilidade do traballo creativo".

Zarauza narra o "desterro" de Chévere, detacando que esta é "unha película que fala da irracionalidade do poder e da cordura da arte, da volatilidade da acción política e da perdurabilidade do traballo creativo"

O premio non modificará a axenda inmediata da compañía, que nestes momentos ten en cartel tres obras. Este venres ás 21 horas levarán Eurozone ao Auditorio Municipal de Vigo. De igual xeito, Eurozone estará en Compostela (Teatro Principal) os vinderios 10 e 11 de decembro. Pola súa banda, As Fillas Bravas poderá verse este domingo en Teo.

 

O Premio

O xurado estivo integrado pola directora xeral del Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) Montserrat Iglesias Santos, a subdirectora xeral de Teatro Cristina Santolaria, Gregoria Navarro de Luis, Itziar Pascual Ortiz, Roberto Pascual, José Manuel Sánchez Jiménez (Eusebio Calonge), Salvador Sunyer Bover e Ramón Barea, Premio Nacional de Teatro 2013. O galardón premiou en edicións anteriores a autores como Blanca Portillo (2012), Juan Mayorga (2007), José María Pou (2006), Manuel Galiana (1998) ou Amparo Rivelles (1996) e compañías como La Zaranda (2010), Atalaya (2008), Animalario (2005), Teatro de La Abadía (1995), Els Joglars (1994) ou La Fura dels Baus (1993).

O Premio Nacional de Teatro instituíuse en 1946. É a primeira vez que un autor, autora ou compañía galega é galardoada. Tan só María Luz Morales, nacida na Coruña pero criada en Cataluña, recibiu o premio, de forma compartida, en 1962.

Chévere recolle o María Casares ao mellor espectáculo © Olalla Lojo
Patricia de Lorenzo, en primeiro plano CC-BY-SA Chévere
Unha imaxe de Citizen CC-BY-SA Chévere
'Eurozone', de Chévere © Chévere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.