“Cando xa non se falaba de clases sociais, unha oligarquía tomou a democracia e fixo Europa á súa maneira”

'Eurozone', de Chévere © Chévere

Chévere é a primeira compañía galega que fai temporada no Centro Dramático Nacional, en Madrid. Desde o día 30 de outubro representa, de martes a sábado ás 19 horas e dos domingos ás 18 horas na sala Francisco Nieva do Teatro Valle Inclán a súa obra Eurozone. Xa o ano pasado tivera moi boas críticas cando levou a Madrid Citizen. E agora a boa acollida repítese. Na primeira semana tiveron cheo o domingo. E a cousa segue ben. O boca a boca funciona e a ampla repercusión mediática tamén axuda. Na fin de semana do 9 e 10 teñen dúas funcións en galego. Para ir preparando o terreo, fixeron un obradoiro para espectadores con alumnos de galego. E xa están a preparar outro, pero coa Asemblea do 15M do barrio. Aproveitamos para recuperar unha entrevista co director da obra, Xesús Ron, feita antes de que comezase a xira de Eurozone, que o sábado 30 de novembro volve a Galicia, ao Auditorio García Márquez de Mera, en Oleiros.

Eurozone é, basicamente, a parodia dunha estafa disfrazada de crise, contada a través dos personaxes do filme Reservoir Dogs. Como encaixastes as dúas cousas?

Pois estamos moi contentos co tratamento que conseguimos darlle, a verdade. Tiñamos algo de medo ao principio. Son conceptos económicos, podía causar rexeitamento nunha parte do público. Medimos todo moito porque non queriamos facer algo demasiado denso. Pero ao final resultou que ata hai xente que nos dixo que era demasiado obvio o que se di. Traballamos moito a nivel teórico. Pero despois do primeiro baleirado dos primeiros textos, xa tiñamos a sensación de que estaba todo moi claro. Que non é tan complicado, que non é só para economistas. Porque o que si é obvio é que é todo un enorme engano, e que todos os datos cuestionan a versión oficial que nos estaban dando. Despois, a cuestión foi decidir como tratar eses datos, como facer teatro con eles. É unha crise provocada pola mala xestión e o mal uso dos produtos financeiros, como as preferentes. É dicir, unha crise provocada por unha elite que se enriqueceu e que lle quere facer pagar os seus erros á xente normal, que accedeu ao crédito para poder adquirir os bens de consumo que lle vendeu a publicidade: a casa, o coche…

"Esta crise foi provocada por unha elite que se enriqueceu e que lle quere facer pagar os seus erros á xente normal"

De todas maneiras, a obra vai máis alá na súa análise. Non é só ricos contra pobres. Cuestiona, por exemplo, o papel de Alemaña coa súa máscara de salvadora.

É certo que quixemos que tivese ese punto de reflexión sobre as causas da crise, pero sen que se notase demasiado. Porque hai unha explicación, que non é a que nos conta o Goberno nin a que nos transmite moita prensa. De todas maneiras asumimos unha premisa, que foi non tomar partido máis alá do que din os personaxes. A idea non é que nós vaiamos explicalo todo cunha obra de teatro, senón que xente non crea, que sexa escéptica, que non quede co que lle están contando. Ademais, non é só a crise económica. É Europa. E a nosa posición non é renegar de Europa, senón estar noutra Europa, porque esta Europa non serve. Subliñar que en Europa se toman moitas decisións que nos afectan na nosa vida diaria. Por iso, polo menos, temos que tentar participar, e no obradoiro do espectador traballamos con esa idea. Porque, mentres nós nos relaxábamos, estaban a estafarnos. Roubáronnos e déronnos uns paus. E é certo que Alemaña actuou dun xeito moi particular. Pero, como dicía, non somos economistas, e traballamos moito coa intuición. Mais a realidade deunos a razón, como se viu, por exemplo, na actitude ditatorial de Alemaña con Grecia. A cuestión é que, nun contexto no que xa case non se fala de clases sociais, hai unha oligarquía formada por banqueiros, políticos, empresarios… que tomou a democracia e que fixo Europa á súa maneira.

Non é nada raro, en realidade, que Chévere utilice nunha das súas obras a linguaxe do cinema.

Non, claro. Cando empezamos, hai 25 anos, a nosa cultura non era teatral. Era máis ben a cultura do rock, da banda deseñada, do cine... Fomos adquirindo unha cultura teatral que incorporou esas outras linguaxes. O noso cine, ademais, é o cine popular, de masas. Da mesma maneira que nos interesa o teatro popular. En canto a Reservoir Dogs, eu vin a película hai uns dous anos. Non a vira antes, e empecei a ver a relación: na escena  na que Harvey Keitel tenta axudar, de modo algo falso, ao moribundo Tim Roth, parecía que había unha metáfora do que os países ricos estaban a facer con Grecia. Interesábame moito ese rollo popular do cine de Tarantino. E ademais o seu xeito de contar as historias, rotas en anacos. Falei co resto de membros de Chévere, e comezamos a mirar o xeito de tratar o tema da crise económica desde esa perspectiva. En lugar das cores, como na película de Tarantino, estarían os países. En realidade, non fomos os únicos en ver o paralelismo. Buscas en google e ves reflectida esa metáfora da elite financeira como gangsters. Son profesionais, xente á que non lle afecta nada causar dano a outra xente, porque asumen totalmente que ten que haber vítimas. Non lles importa.

"A elite financieira é xente profesional á que non lle afecta nada causar dano a outra xente; asumen totalmente que ten que haber vítimas"

Como as outras obras vosas, esta foi construíndose nos ensaios. Como foi o proceso?

Nos ensaios partimos moito desde cero. Así entra a parte do xogo teatral, a historia entra e sae, os personaxes cambian… Unha posibilidade era xogar coa idea do político como profesional do asasinato de masas. Pero ao final foi máis ben por outro lado. Outra das ideas de partida era que fose unha obra coral…

E moi contemporánea, aínda que só nalgúns aspectos, como a fragmentariedade ou a fusión de linguaxes, vos achegades ao que chaman “teatro posdramático”.

O noso é, como dicía, utilizar o teu corpo, a túa vida, e a linguaxe do teatro popular, do clown, da cultura de masas en xeral, para contar historias. Experimentamos moito, e extraemos da experimentación o que nos sexa útil para chegar ao público, o que nos permita conectar co espectador. Certo que non seguimos a clásica estrutura da presentación-nudo-desenlace. Pero iso mesmo é o que fai Tarantino, coas súas películas, tan complexas narrativamente pero tan axeitadas para chegar a todo o mundo.

Nese sentido, é importante o diálogo co espectador. Desa forma remataba a vosa anterior obra, Citizen. En Eurozone tampouco hai cuarta parede...

Pois da mesma maneira que nos ensaios partimos de esquemas simples, a idea era levar o propio proceso ao resultado final, ao escenario. O diálogo é un dos elementos do propio espectáculo. E non é tanto para axudar ao público a entender, que tamén, senón para contarlle ao público a maneira na que o espectáculo se construíu. Citizen foi un antecedente de Eurozone neste aspecto. Patricia e Manolo introducían a historia no escenario, e despois cada vez íanse metendo máis nos seus personaxes. Despois tamén se trata de manter certa distancia, para que o espectador non perda a perspectiva de que é teatro, pero tamén é a realidade. É unha obra bastante brechtiá nese sentido. Avísate de que non é unha película, non é unha simple evasión, porque iso pasa na realidade.

"A obra avísate de que non é unha película, non é unha simple evasión, porque iso pasa na realidade"

O propio escenario é parte importante da historia: a escaleira mecánica que non leva a ningures. Feito por concurso público, ademais.

Un artista de Land Art, Robert Smithson, fala do non-site, un concepto que pode axudar a entender a idea do noso espazo escénico. É unha estrutura que mantería igual a súa función independentemente de onde estea. Poderían ser as escaleiras dun aeroporto, que son iguais en todos lados, ou as dun centro comercial. Tamén nos remite á idea de arquitectura espectáculo, que está moi relacionada ademais co tema da crise. A Cidade da Cultura sería un exemplo.

É unha obra coral, como dicías antes. Como foi o traballo cos actores?

Normalmente un actor fai moitos personaxes. Pero en Eurozone é ao revés. Un personaxe fai moitos actores. E ese foi un dos motivos de maior debate e conflito nos ensaios. Un dos exercicios que fixemos foi falar de tal político e relacionalo con Reservoir Dogs. Así, por un lado está o actor de Reservoir Dogs, por outro o político, por outro o país, e o noso actor ten que meterse no medio de todo iso. Foi un traballo mentalmente moi cansado, que provocou moito desgaste no proceso. Os personaxes, ademais, van saltando de actor en actor, como un xogo no que cada un vai asimilando o anterior. Un actor pode abandonar un personaxe, ou o personaxe pode abandonalo a el. E todo iso hai que facelo sen que a obra perda o ritmo: hai que entrar e saír a escena… E o conxunto, o coro, é co que o espectador queda, máis que co traballo de cada actor individual. Non hai actores protagonistas e secundarios. E iso hai que telo en conta, porque os actores sacrifican iso. Todos os actores queren ser protagonistas, é normal. E aquí non é así.

E iso de matar a Merkel?

Pois é unha escena difícil. A idea é implicar o público directamente. Aínda temos que darlle voltas a esta escena, pero ata agora saíu ben. Non sabes como vai reaccionar o público. De todas maneiras, non deixa de ser unha anécdota. É un convite a tomar partido, a actuar.

"A idea non é que nos afastemos da política, senón recolonizar o político, que está tomado pola esfera financeira"

Porque tamén hai autocrítica, nese sentido. Nada fixemos ata que foi tarde.

É que non son só os políticos, é máis complicado. Non son só as estruturas políticas, tamén as económicas, e agora as financeiras. E a idea non é que nos afastemos da política, senón recolonizar o político, que está tomado pola esfera financeira. De Guindos chega do mundo das finanzas, traballa nun banco que quebra e despois fano ministro. E con Rato igual. Na obra acaban torturándoo, pero na realidade pasa do Goberno ao FMI, é presidente dun banco que é exemplo de mala xestión…, é un representante desa inmoralidade total. Pois a nosa idea é, precisamente, que temos que recobrar o político, implicarnos, malia que sexa moito máis cómodo dicir que non somos de ningún partido. Temos que participar en política, controlar os perfís da xente que chega arriba. E eu penso isto pero son o primeiro en non implicarme. Pero sei que é que hai que facer, e que non vale co discurso de que son todos iguais.

O papel de Francia é ambiguo na obra.

Para nós Francia é máis ben Hollande, que lle gana a Sarkozy e que se presenta como esperanza, pero ao final non é tal. Pero Hollande é menos coñecido, e Sarkozy pode representar máis facilmente ese papel ambiguo. En realidade, Francia queda subordinada a Alemaña, que é o que significa o eixo franco-alemán de Europa. Na película de Tarantino hai un roubo. E na nosa obra tamén: a moeda única serviu para roubar. A cuestión é que cando entramos nela, ninguén cuestionaba nada. É o mesmo que pasou coa Constitución Europea. Non había lecturas críticas. Porque había un discurso que facía a Europa incuestionable. Non había debate. Despois de entrar na moeda única, atopámonos co problema do subidón de prezos. E os salarios non eran máis altos. Entón a única maneira de seguir vivindo era ir ao crédito, que era o gran negocio. E se a cousa rebentaba, como foi, iamos pagar nós os desperfectos. Da mesma maneira que Alemaña repartiu, coa moeda única, os custos da súa reunificación. Os seus bancos concederon, irresponsablemente, créditos a bancos portugueses, gregos e españois. E cando a cousa non foi ben, socializaron as perdas, repartíronas entre a xente.

Despois da estrea en Teo, tivestes que adiar a xira por Galicia debido á parálise da Rede de Teatros, aínda que despois puidestes retomala. Que pasou?

A Rede abríase, normalmente, a tempo para que as compañías presentasen as súas propostas, os programadores as coñecesen… O proceso foise adiando este ano, por iso a rede estivo paralizada varios meses. A nosa idea era comezar a xira en marzo-abril, pero tivemos que esperar a despois do verán. A escusa foi que non había director en Agadic, como se non houbese conselleiro. Pero son profesionais da política, e o que leven por diante non lles importa. Nós temos agora a posibilidade de actuar no Centro Dramático Nacional, que está moi ben. Pero xa hai moitos anos que nos coñecen na rede española de teatros alternativos, Citizen foi moi ben recibida en Madrid o ano pasado…

"Manter a Nasa funcionando toda a semana era un esforzo moi grande, pero tamén é unha pena, unha tristeza que acabase así"

Xa que falas da rede de teatros, botades de menos a sala Nasa?

Por un lado si, porque alí podías botar tres meses cunha obra. Pero tamén é certo que cando tes sala e compañía, o grao de implicación que tes que ter é enorme, e acabas moi canso despois de tantos anos. Manter a Nasa funcionando toda a semana era un esforzo moi grande. Pero tamén é unha pena, unha tristeza que acabase así, porque tamén é unha oportunidade perdida para a cidade. E non só a Nasa. En Santiago hai outros teatros que non se utilizan, co tema dos problemas das Caixas… A cuestión é que houbo iniciativas privadas, como a nosa, que tentaron dignificar o traballo escénico, pero as institucións non estiveron á altura. E que agora che veñan propoñendo que traballes a taquilla… é indigno. E iso está pasando en Santiago.

"Non é por defender a Jacobo Sutil, pero foi a primeira vez que un director de Agadic veu ver  unha obra de Chévere, ao noso local"

O sector non recibiu moi ben a Jacobo Sutil por ser unha persoa allea ao teatro. Como está a irvos con el?

Non sei, ao principio, como cando o presentaron nin explicaron quen era, parecía ata que o fixeran con toda a mala intención. A reacción foi, claro, ir ao facebook, onde non había máis que a súa imaxe coa bandeira… Non é que teña interese en defendelo, pero polo menos veu vernos a Teo. É foi a primeira vez que un director de Agadic veu ver unha obra de Chévere, ao noso local.

En serio?

Podes preguntarlle aos de Ensalle. Alí tamén foi. E está recibindo a xente e falando con ela. E pregunta polas cousas e interésase polo que pasa. Tampouco Miguel Martín tiña un perfil relacionado co sector, pero foi un bo xerente. E tamén viñera á Nasa ao chegar.

Xesús Ron CC-BY-SA Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.