Apuntamentos para unha traxedia: de como Chévere foi e deixou de ser compañía residente no Concello de Teo

Presentación de 'Eurozone' en Teo CC-BY-SA Alberto Ramos

Coñecín a compañía de teatro Chévere aló polos 90 cando representou no Teatro Principal de Compostela a obra Río Bravo, coa que demostrou que era posible facer teatro de masas dende un posicionamento comprometido coa realidade galega e en lingua galega. Dende aquela primeira vez, seguín sempre con pracer a súa traxectoria e tamén a da Sala Nasa.

Aceptar a posibilidade que a compañía nos ofrecía foi unha decisión política fundamentada na súa traxectoria e no convencemento de que a cultura, ademais de cultivar mentes, tamén dinamiza economicamente

Cando acudín por recomendación do amigo Paco Macías a unha Ultranoite, matinei en que case conseguiran a cuadratura do círculo: ofrecer un espectáculo de case catro horas onde convivían cadros musicais con interpretacións actorais, monólogos con representacións de concursos televisivos, circo con mimo, comedia con traxedia e con traxicomedia está ó alcance de moi poucas compañías. E todo isto concibido e escrito polo seu cadro actoral, pero tamén botando man de moitos compañeiros e compañeiras ás que lles cedían o palco para mostraren as súas creacións. Polas máis de 100 ultranoites realizadas pasaron artistas como Narf, John Balan, Luís Tosar, Monti Castiñeiras, Iria Pinheiro, As Marías, Aldaolado, Os Sancaetanos, Os da Ría, Carlos Santiago, etc. Unhas montaxes sempre atentas á actualidade -como esquecer a Miguel de Lira como electricista da catedral ou como Dorribo, a Mónica dándolle vida a un Naranjito pasado de revolucións ou a Manolo Cortés como Mariano ou como o Emérito- pero envolveitas nunha crítica pouco condescendente, aínda que construtiva.

Manifestando a miña admiración por Chévere, ninguén pode xa dubidar do gran galano que recibín o día que me dixeron que o grupo quería instalarse en Teo e eu, daquela concelleira de Cultura, debía arranxalo todo. 

Aceptar a posibilidade que a compañía nos ofrecía foi unha decisión política fundamentada na súa traxectoria e no convencemento de que a cultura, ademais de cultivar mentes, tamén dinamiza economicamente. O paso do tempo demostrou que non estabamos enganados. Dos beneficios económicos de ter a Chévere en Teo poden dar conta mellor ca min as empresas do municipio, nomeadamente as culturais que con eles traballaron e as de restauración que atenderon o seu público. A publicidade positiva que supuxo para o Concello aparecer asociado á compañía na súa cartelería exposta polos teatros do Estado e tamén de América Latina ou nos medios de comunicación que se facía eco das súas obras esixirían do Concello un forte investimento en campañas de propaganda que, estou segura, non ían chegar a un público tan grande.

Teo foi un dos poucos lugares en que se puido ver a triloxía de Citizen, e as estreas de Eurozone e de Eroski Paraíso e as súas derradeiras funcións

E se falamos do cultivo da mente e do espírito convén non esquecer que en Teo foi un dos poucos lugares en que se puido ver a triloxía de Citizen, cunha segunda parte que é unha obra mestra do teatro social, e as estreas de Eurozone e de Eroski Paraíso e as súas derradeiras funcións. E os centros escolares e as asociacións puideron gozar de representacións nos seus locais de espectáculos de pequeno formato como I'll be watching you ou As fillas bravas. Outros colectivos tamén se beneficiaron da guía de membros da compañía para sacar adiante os seus proxectos audiovisuais ou teatrais.

E se co dito con anterioridade non fose abondo, hai algo máis que nunca se lle poderá pagar a Chévere. A pesar do seu tamaño poboacional e do seu nivel socioeconómico, en Teo non había nin hai un auditorio como o que, por exemplo, ten O Milladoiro na súa Casa da Cultura. Existe un local dentro do edificio sociocultural da Ramallosa que ten un escenario. A chegada de Chévere permitiu que ese local, grazas ó material técnico que trouxeron consigo -gradas, pantalla, focos, dímers..., se convertese nun teatro no que representar calquera espectáculo.

O PSOE, na actualidade no goberno de Teo, mercoulle o discurso sobre Chévere ó PP e hoxe, a compañía galega que é Premio Nacional de Teatro do Goberno de España deixa de ser residente en Teo

A oposición política no Concello de Teo utilizou o convenio asinado con Chévere para ser compañía residente como un ariete para trucar contra o goberno municipal argumentando primeiro que os cartos que se lles daba a eles farían diminuír as subvencións ás asociacións do Concello. Cando isto se demostrou que era mentira, volveuse á carga indicando que eses cartos deberían servir para aumentar a contribución ás asociacións, por certo máis subvencionadas por un goberno municipal da contorna de Compostela e, se cadra, de Galicia. Aínda que o posicionamento indicando foi mantido inalterable polo PP ó longo dos anos, o PSOE, na actualidade no goberno de Teo, mercoulle o discurso sobre Chévere ó PP e hoxe, a compañía galega que é Premio Nacional de Teatro do Goberno de España deixa de ser residente en Teo.

Non é unha mágoa, é unha traxedia para Teo e a súa veciñanza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.