Chévere vese obrigada a abandonar Teo despois de seis anos como compañía residente

Integrantes da compañía Chévere CC-BY-SA Alberto Ramos

Chévere deixa de ser compañía residente no Concello de Teo, despois de máis de seis anos traballando na localidade, á que chegou en 2012, unha mudanza obrigada despois do peche da Sala Nasa tras a vitoria de Conde Roa nas eleccións municipais en Compostela. "Cando fomos falar a Teo sentimos o recoñecemento, xente que valoraba a nosa traxectoria", salientaba nese momento Patricia de Lorenzo, en entrevista con Praza.

Este mes de agosto Chévere recibiu unha comunicación da nova responsable de Cultura do Concello, informando de que "de momento non ten previsto convocar un novo concurso"

No ano 2016 o concello de Teo convocou un concurso público para contratar o servizo de produción e dinamización teatral como compañía residente, que gañou Chévere, Premio Nacional de Teatro en 2014. Este contrato rematou o pasado mes de xuño e dende entón a compañía estaba á espera da convocatoria dun novo concurso, para poder manter a súa actividade. Este mes de agosto Chévere recibiu unha comunicación da nova responsable de Cultura do Concello (do PSdeG-PSOE), informando de que "de momento non ten previsto convocar un novo concurso", explica a compañía, que polo tanto debía abandonar as instalacións do auditorio municipal da Ramallosa, onde traballaba.

Rematan así máis de seis anos de actividade de Chévere, que se despide dicindo que "para nós foron anos de traballo moi intenso e de implicación total nun concello que non era o noso, pero que nos acolleu cos brazos abertos nun momento especialmente difícil para a compañía". "Aquí atopamos persoas, iniciativas e proxectos que merecen todo o noso respecto e recoñecemento. Marchamos sentíndonos para sempre parte deste territorio e desta comunidade", engade.

A compañía lamenta a desaparición "dunha convocatoria pública innovadora, que contribuíu a transparentar as relacións entre as empresas culturais e a administración"

Con todo, a compañía lamenta a prontitude da súa saída. "Non foi posible sequera organizar un acto público de despedida", sinalan, indicando que "non parece doado que volvamos ver en Teo unha estrea de Chévere ou unha Ultranoite".

"Para nós e para o sector escénico, ver desaparecer unha convocatoria pública innovadora, que contribuíu a transparentar as relacións entre as empresas culturais e a administración, e que foi unha referencia en todo o estado español, significa unha oportunidade menos de traballar", conclúe Chévere, que engade que "agardamos que para a veciñanza e para o concello de Teo sexa un xeito distinto de avanzar e mellorar culturalmente".

 

Reaccións

O alcalde de Teo, Rafa Sisto, amosouse crítico coa decisión da responsable de Cultura, sinalando que "só podemos lamentar que a concellería de Cultura cambiase de responsable como resultado das pasadas eleccións municipais, e que a nova responsable non considere prioritario consolidar este proxecto despois da experiencia moi positiva destes últimos anos". "Non perdemos a esperanza de que esta decisión sexa reconsiderada pola responsable, xa que sería dificilmente entendible que este modelo de convocatoria puidera ser utilizado por outros concellos gobernados polo partido socialista do que forma parte a concelleira, bloqueando en Teo esa posibilidade", engade o rexedor.

Pola súa banda, o PP de Teo xa celebrou publicamente a decisión de non convocar un novo concurso para contar cunha compañía residente no Concello, despois de anos de críticas á presenza de Chévere na localidade, afirmando que o modelo cultural municipal "debe estar apegado ás asociacións teenses e afastado de Chévere".
 

"Para nós foron anos de traballo moi intenso nun concello que nos acolleu cos brazos abertos nun momento especialmente difícil para a compañía", depídese Chévere

Pola súa banda, Carme Hermida, responsable de Cultura no Concello de Teo entre 2007 e 2015, subliña nun artigo publicado en Praza que "aceptar a posibilidade que a compañía nos ofrecía foi unha decisión política fundamentada na súa traxectoria e no convencemento de que a cultura, ademais de cultivar mentes, tamén dinamiza economicamente". E critica que "o PSOE, na actualidade no goberno de Teo, mercoulle o discurso sobre Chévere ó PP e hoxe, a compañía galega que é Premio Nacional de Teatro do Goberno de España deixa de ser residente en Teo". "Non é unha mágoa, é unha traxedia para Teo e a súa veciñanza", conclúe.

Equipo de Chévere © Chévere

Proxección de Teo

"A proxección nacional, estatal e internacional das obras e dos proxectos escénicos de Chévere serviron tamén para visibilizar, reforzar e rendibilizar as políticas culturais promovidas polo concello de Teo"

Na súa memoria de actividades, Chévere fai un repaso ao realizado dende o ano 2016, tres anos nos que a compañía levou a cabo dez producións, cun total de 44 funcións no Concello de Teo. Entre elas, catro Ultranoites, obras como Río Bravo, Annus Horríbilis ou Curva España, ou outras realizadas dentro da Berberecheira, un viveiro de creación e produción escénica, como Goldi Libre  ou Anatomía dunha serea. Por elas pasaron ao redor de 7.000 espectadores e espectadoras, que aboaron a correspondente entrada, financiando deste xeito as producións.

Chévere destaca así mesmo que durante os últimos anos a compañía estableceu colaboracións con distintas entidades, profesionais e asociacións locais do concello de Teo, tanto veciñais como culturais. Ademais, lembra que as dotacións técnicas de Chévere "estiveron a disposición do concello e dos grupos usuarios do Auditorio".

"A proxección nacional, estatal e internacional das obras e dos proxectos escénicos de Chévere serviron tamén para visibilizar, reforzar e rendibilizar as políticas culturais promovidas polo concello de Teo", lembra a compañía, que subliña que "durante estes últimos tres anos Chévere foi convidado a contar a experiencia desenvolvida en Teo como compañía residente en festivais, encontros e xornadas profesionais celebradas en distintos puntos do Estado, de Arxentina e Portugal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.