Chévere: trinta anos de teatro e contrarrelato no país dos ananos

Presentación das actividades do 30 aniversario de Chévere CC-BY-SA Alberto Ramos

No voraz avance do tempo, prodúcense tan só dous tipos de efemérides: as que se dan en vida e as que non. E malia que todas comparten o asombro dos almanaques, non hai unha igual á outra. A gran diferenza, a que realmente importa, nada ten que ver coas engurras sobre a fronte, senón coa memoria e a súa escrita. Así, nos centenarios ou nos cabodanos -ou nas Letras Galegas- empurramos os protagonistas a que deleguen -non por vontade propia, senón polo soterramento- o relato da súa propia historia. E fano coma se a conmemoración fose algo transitorio, tan fortuíto e inevitable, tan aparatoso e desconcertante coma os accidentes de tráfico, eses nos que os seguros insisten en nos lembrar que todo depende de terceiros. Pola contra, os aniversarios son outra cousa, xa que neles achas un dereito que case sempre é o último que resiste: o da a réplica. Ou o que é o mesmo, a capacidade de influír no relato.

En calquera caso, diante dos números redondos, tampouco é que haxa a moita opción: unicamente hai dúas escapatorias. A primeira, ignoralos e seguir coma se tal cousa. Mais iso non é garante de nada: sempre cruzarás con aquel que che lembre que xa non es o que eras, que es outro e, aínda por riba, máis vello. A segunda redúcese a aceptar a lóxica das matemáticas, ser quen de driblar á nostalxia e organizar a túa propia festa. E é aí, co calendario de festexos previstos, no que a efeméride ten algo de terapéutico. E tamén de cirurxía, porque, no fondo, un aniversario serve para corcoser as orixes co momento actual, tendo a posibilidade de emendar polo camiño algunhas das fendas que xamais cicatrizaron.

No caso do grupo teatral Chévere, que neste 2017 cumpre 30 anos de traxectoria escénica, a celebración serve de punto para a sutura. A súa gran ferida, esa que está agora por pechar, abríuselle na pel no 2011

No caso do grupo teatral Chévere, que neste 2017 cumpre 30 anos de traxectoria escénica, a celebración serve de punto para a sutura. A súa gran ferida, esa que está agora por pechar, abríuselle na pel no 2011. Ese ano a Sala Nasa, tras dúas décadas de actividade, botaba o peche. E coa baixada de reixa, clausurábase algo máis ca un local xa histórico. Sen esaxerar, morría tamén un referente brillante para o grupo teatral, para Santiago de Compostela e para o sector escénico en xeral. A Nasa, aberta a comezos dos anos noventa, convertérase nun escenario referencial para as expresións artísticas de carácter independente ou contracultural que viu medrar profesionalmente -cando non nacer- a unha ampla e heteroxénea xeración de intérpretes, artistas, músicos e creadores que definiron o transcorrer das artes vivas das últimas décadas en Galicia. No outro lado, no patio de butacas, tamén medraron un gran número de espectadores, que descubriron novas linguaxes e outros xeitos de achegarse ás expresións escénicas e musicais.

O punto de encontro entre o público e esa xeración de artistas pivotou non só ao redor das producións de Chévere ou a programación da Sala, que combinaba os concertos coas actuacións doutras compañías, senón tamén nas chamadas Ultranoites, un formato que recuperaba o cabaré musical, cedendo espazos á improvisación, á confluencia de talentos e á sátira da actualidade político-social, convertendo á Nasa nunha reserva para a crítica, a disidencia, o humor e, en definitiva, o contrarrelato.

 

Reencontro con Santiago

A vitoria de Conde Roa precipitou a despedida, significou a estocada final para a Sala Nasa e desveloulle unha realidade definitiva a Chévere: Santiago xa non era a cidade que un día fora

Os motivos do peche deste referencial centro de creación -tal e como recoñeceron os seus responsables nas asembleas abertas que celebraron tras o anuncio do seu peche-, respondían por unha banda á situación económica -os números non acompañaban e facíana xa insostible- e pola outra, ao cambio de cor política no consistorio compostelán. Nas eleccións municipais dese ano, gañaba por maioría absoluta o popular -e tamén efémero por cuestións de corrupción- Gerardo Conde Roa, quen estando na oposición encabezara durante anos unha brusca e demagoga campaña contra a Nasa, acusando os seus responsables mesmo de connivencia co terrorismo. A vitoria de Conde Roa precipitou a despedida, significou a estocada final para a Sala Nasa e desveloulle unha realidade definitiva a Chévere: Santiago xa non era a cidade que un día fora. Nin o lugar onde medraran os seus compoñentes tanto persoal como artisticamente. Era xa outra. E principiou o desterro. Cando menos, o desterro da esperanza e das ganas de resistir no histórico local da rúa de San Lourenzo.

“Este aniversario é en certo xeito unha reconciliación, porque nós somos de Compostela... Con permiso de Teo”

“Chévere non se entende sen Santiago e tivemos que marchar pola porta de atrás por todo o que aconteceu. Non o mereciamos nin nós nin a cidade. Agora vivimos un reencontro artístico e vital, precisabamos este reencontro simbólico e emotivo con Compostela”, explica Xesús Ron, director da compañía Chévere, para resumir un dos motores das actividades que se desenvolverán na cidade para conmemorar o trixésimo aniversario de Chévere. “Este aniversario é en certo xeito unha reconciliación, porque nós somos de Compostela... Con permiso de Teo”, explicou Ron durante a presentación do aniversario diante dos medios en referencia ao concello limítrofe á capital galega que os acolleu como compañía residente trala súa marcha de Santiago. Unha presentación que contou coa intervención de Martiño Noriega, actual alcalde de Compostela, e precisamente rexedor do municipio teense no mandato anterior, momento en que migraron os Chévere.

Mais non hai só unha vontade de reconciliación neste aniversario, tamén se respira a intención de regalo. “Pero non queremos recibir nós os agasallos, senón agasallar a toda esa xente que estivo sempre na parte da sombra, ao público”, sinala Ron. Chévere formula así o aniversario coma un gran agasallo consistente no regreso de tres clásicas do seu repertorio. Dese xeito, as montaxes Río Bravo, Annus Horribilis e A Ultranoite no país dos ananos volverán en xullo a Santiago, como tamén aos escenarios da cidade lusa de Tondela e das Mostras de Teatro de Ribadavia e Cangas. E como guinda, Chévere saltará ás librarías co selo Kalandraka, Premio Nacional de Edición 2012, que publicará unha colección con textos destacados da compañía.

 

Tres clásicos

Chévere decidiu resucitar tres lembradas montaxes da súa traxectoria que, ademais do éxito que colleitaron entre o público, representaron momentos definitorios para o grupo

Chévere decidiu resucitar tres lembradas montaxes da súa traxectoria que, ademais do éxito que colleitaron entre o público, representaron momentos definitorios para o grupo. Dese xeito, a compañía recuperará en primeira instancia a mítica Río Bravo, montaxe do ano 1990 ao que xa volveran en 2002 para celebrar o quince aniversario da compañía. “Foi a culminación da primeira etapa, ten un significado especial para a xente que estabamos no grupo naquela época, cando aínda non existía a Nasa. Foi moi importante para nós na medida en que nos deu acceso a dedicarnos laboralmente ao teatro, con ela aprendemos un oficio”, lembra o propio Ron, que se refire ao período que dende o ano 1987 -cando o grupo estreou ao abeiro da Escola Mestre Mateo a obra fundacional Servizo discrecional- e ese 1990 no que chegou o “grelo-western” Río Bravo. “A obra é un disparate musical, que recolle toda a mitoloxía das películas do oeste”, resume o director. Río Bravo poderase ver no Teatro Principal de Santiago entre o 4 e 9 de xullo en funcións ás 21.00 h. A súa representación tamén está incluída na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, onde se poderá ver o 1 de xullo.

A segunda das producións que volverá dende a memoria será Annus Horribilis, estreada en 1994 e que recibiu galardóns como o prestixio Premio da Crítica ao Mellor Musical en Barcelona. “Esta obra significou un momento de excelencia creativa e artística dun grupo de xente que se reuniu nesta montaxe. Foi a consolidación de Chévere e ademais, deuse a circunstancia que coincidiu cun momento en que houbo xente que se incorporou ao grupo e á Sala Nasa, mentres que outros artistas que estiveran até ese momento moi vinculados á Nasa foron abandonándoa para iniciar novos proxectos”, lembra o propio Ron sobre esta ópera portátil que se representará no Auditorio de Galicia  os días 12, 13 e 14 de xullo ás 21.00 h. En Ribadavia, representarase o 16 de xullo.

Esta non será a única lembranza que Chévere lles dedique ás Ultranoites neste aniversario, xa que o grupo prepara para setembro unha antoloxía que resuma o máis destacado deste formato de cabaré

Por último, Chévere recuperará un dos seus espectáculos máis recentes: A ultranoite no país dos ananos, montaxe musical do ano 2014 con que homenaxearon a historia das Ultranoites, collendo prestado para o título as referencias literarias máis mordaces de Celso Emilio Ferreiro. Esta obra, que nunca antes fora representada en Compostela, tomará o 19 de xullo a Praza da Quintana, precisamente o lugar que no verán de 2011 acolleu a derradeira Ultranoite de Chévere en Compostela antes da súa marcha cara á Teo.  Ademais, esta non será a única lembranza que Chévere lles dedique ás Ultranoites neste aniversario, xa que o grupo prepara para setembro unha antoloxía que resuma o máis destacado deste formato de cabaré.

 

Antoloxía de textos

Chévere publicará da man de Kalandraka ao longo deste 2017 unha serie de volumes nos que se recollen os textos máis destacados da formación ao longo destes 30 anos de traxectoria

As celebracións terán tamén a súa extensión nas librarías, xa que Chévere publicará da man de Kalandraka ao longo deste 2017 unha serie de volumes nos que se recollen os textos máis destacados da formación ao longo destes 30 anos de traxectoria. “É unha aposta compartida que une a dous Premios Nacionais, Kalandraka, que o recibiu na categoría de edición, e Chévere, no apartado de Teatro. Nós tiñamos a idea de editar algúns dos textos, como fixeramos cando fora o aniversario da Ultranoite, pero xurdiu esta posibilidade, xa que os de Kalandraka amosaron un interese especial”, sinala Xesús Ron sobre a Colección Chévere que publicará dous dos seus seis volumes o 1 de xullo, dedicados cada un deles aos textos de Río Bravo e Annus Horribilis. Os dous títulos incluirán un apartado gráfico con imaxes das montaxes orixinais e, no caso de Annus Horribilis, contará cun anexo que recollerá textos do teatro musical de Chévere. “Recuperaremos fragmentos de Big bang, Órbita mutante, de Ana Pudor, da Ultranoite do País dos Ananos ou partes dalgunhas Ultranoites, como as zarzuelas dedicadas ao electricista da Catedral”, avanza Ron.

Máis adiante, sairá publicado un terceiro volume dedicado ás tres partes de Citizen, mentres que no cuarto exemplar reuniranse as pezas Eurozone e Eroski Paraíso, centrando este libro nas obras que corresponden á liña de traballo máis actual do grupo, que Ron define como “teatro-documento”. O quinto dos títulos desta colección recuperará o teatro con perspectiva de xénero (Testosterona e As fillas bravas). Para pechar a colección, o sexto volume terá un carácter máis visual, de catálogo gráfico destes trinta anos e recuperarase diferentes imaxes da traxectoria do grupo.

Os e as integrantes de Chévere, na pesentación da programación, hai uns días en Compostela CC-BY-SA Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.