O pasado xoves o Concello de Ourense anunciou a súa decisión de deixar sen apoio económico ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), un evento que o alcalde Gonzalo Pérez Jácome cualificou como de "custos de produción inflados e escaso retorno". Durante a última década os distintos Gobernos municipais da cidade das Burgas, independentemente da súa cor política mantiveran o seu apoio ao FITO, que tamén conta con achegas da Deputación de Ourense e de AGADIC. A desvinculación do Concello desta cita cultural é unha das primeiras grandes decisións adoptadas polo Executivo de Pérez Jácome, que afirmou que "saen gastos maiores que en Broadway".
"A cultura na cidade de Ourense está a sufrir unha deriva moi preocupante nos últimos anos", sinala Fina Calleja, de Sabarela
“Ourense non é Broadway, nin falta que fai, pero por desgracia tampouco é a Atenas que era hai uns 100 anos”, responderon este xoves dende a compañía Sarabela Teatro, impulsora do FITO. "A cultura na cidade de Ourense está a sufrir unha deriva moi preocupante nos últimos anos", sinala Fina Calleja, en conversa con Praza. "No 2020 Ourense celebrará o centenario da Xeración Nós e vaino facer cun Museo Arqueolóxico pechado dende hai 17 anos, sen Outono Fotográfico, sen a Bela Auria, sen a Bienal de Gravado, sen o Certame de Banda Deseñada, sen o Ateneo, sen o Orfeón, sen Banda de Música e sen o festival de Pórtico do Paraíso e sen o FITO", afirma.
Este mes de outubro debería celebrarse a duodécima edición do festival, pero dende Sarabela confirman que sen o apoio do Concello "neste momento o FITO, tal e como se coñece, non pode existir", tendo en conta ademais que hai uns meses se perderon as axudas de AGADIC porque o anterior Goberno municipal non remitiu a documentación no período esixido.
Sen o apoio do Concello "neste momento o FITO, tal e como se coñece, non pode existir"
Calleja subliña que "non nos xogamos só a continuidade dun festival de teatro, senón que a constante perda de citas culturais consolidadas leva á perda de identidade da propia cidade" e alerta de que "cando se perde unha cita cultural, pérdese para sempre". "Houbo compañías que ofreceron vir actuar gratis ao FITO. Pero nós non cremos niso, cremos que a dignidade dun profesional pasa porque se lle pague polo seu traballo", sinala Calleja, respondendo ademais ás declaracións do alcalde Pérez Jácome, que apostou por artistas “con espírito amateur”.
De igual xeito, houbo xa propostas para que o FITO se traslade a outra cidade, pero dende Sarabela destacan igualmente que "nós somos ourensáns, o FITO naceu en Ourense e o seu sentido final son os nosos veciños". "O FITO non é do Concello nin de Sarabela, é da cidade de Ourense", engade. A única opción pasa nestes momentos porque o Concello reconsidere a súa postura, por atopar apoios noutras institucións, coma a universidade, a Xunta ou a Deputación, ou por apostar por unha versión máis reducida do festival.
"Houbo compañías que ofreceron vir actuar gratis ao FITO. Pero nós non cremos niso, cremos que a dignidade dun profesional pasa porque se lle pague polo seu traballo"
Non foi o FITO o único evento cultural consolidado na cidade que o Goberno municipal ourensán puxo no seu punto de mira. O Concello anunciou que tamén retirará o seu apoio ao festival de música clásica Pórtico do Paraíso, que vai pola súa duodécima edición. E, de igual xeito, barállase a posibilidade de non recuperar a Banda Municipal de Música e está no aire a continuidade do apoio á Mostra Internacional de Teatro Universitario. Así mesmo, hai uns días o Concello anunciou a cesión permanente á Deputación do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), outro evento cualificado por Pérez Jácome como "carísimo".
Non foi o FITO o único evento cultural consolidado na cidade que o Goberno municipal ourensán puxo no seu punto de mira
Sarabela recibiu nos últimos días numerosos apoios públicos na cidade de Ourense e tamén de entidades culturais de toda Galicia. Así, por exemplo, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) cualificou a decisión do Concello de Ourense de "irresponsable", ao "minar un festival que achega anualmente ao público ourensán a posibilidade de ter acceso a unha programación escénica internacional" e "poñer en risco a continuidade dun proxecto cunha traxectoria consolidada despois de once edicións". Para a AAAG, a actuación do Goberno municipal ourensán "amosa ás claras a dirección cultural que toma o novo goberno municipal, encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, e a súa escasa sensibilidade co tecido cultural da terceira cidade galega".